David Otero nunha das súas innumerables charlas |
O día 24 de outubro é o “Día da Biblioteca”.
Canta necesidade de
bibliotecas hai na comunidade escolar! E
xa hai moitas persoas que son conscientes desa necesidade e están traballando
en Galicia dun xeito entusiasta e firme. O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares
de Galicia é un bo exemplo do que digo. Que gran labor o de Cristina Novoa e o seu equipo!
Pero non creamos que todo é un lugar de
rosas. Aínda quedan moitos centros que viven de costas á biblioteca escolar. E
iso non se pode consentir a estas alturas da vida. Aínda hai persoas que non
valoran o ben que unha biblioteca supón para dinamizar o centro e, a través
dela, conseguir que a formación dos escolares se complete coa literatura moi
preto deles.
Contar con David Otero en Versos e aloumiños é un verdadeiro
luxo, ademais dun pracer infinito. David é un home que consegue “encantar as
palabras”. Un home dunha altura intelectual ampla e dun amor polo alumnado fóra
de toda dúbida. Coma escritor, sempre procura a intensidade e o ton lúdico no
seu discurso literario, además de ser un home crítico e moi esixente. Como
persoa, alguén comprometido e honesto coa cultura de Galicia a todos os niveis.
Ben, pois ninguén mellor ca el para
escribir sobre algo que ama fondamente: as bibliotecas e as palabras. De aí que
neste blog-revista non sintamos felices de poder contar cun artigo fermoso que
nos conmove.
Amigos e amigas de Versos e aloumiños,
desfutádeo.
AS
BIBLIOTECAS
DAVID OTERO
Poñen o seu día no
vintecatro deste mes, martes, pero a grande palabra biblioteca debe , no valer
dos desexos, dicirse e vivirse todo o ano conxugando o verbo ler, aínda que na
data antedita do vintecatro lle deamos acariñadamente un intensivo acento.
A nosa forza de lectoras e de lectores vai
na suma dos días dos anos nos que nas bibliotecas ( e noutros espazos)
exerzamos activamente lectura. Días dos anos os cales han reflictir en nós, nas
nosas actitudes e conductas, as verdades emocionais desas experiencias lectoras,
pois a lectura nunca perdeu a súa maxia, o seu misterio, pero tampouco o seu
dramatismo, a súa vértice que nos envolve para que vexamos que neste mundo hai
outros.
Nela hai memoria e xa que
logo amor e tamén cabreo e xenreira, incomodidade ( non lle direi odio pero…)
Iso si…pola lectura non debésemos parar quietos. Menudo fervedoiro.Pola lectura
nós non somos receptores pasivos de tantos mundos que nos posibilitan os libros
e outros soportes. Pola súa mediación, tamén polas autoras e os autores,
estamos creando de seguido, pois facemos lectura co que somos e co que temos.
As
bibliotecas non deben ser lugares de quietude, nin de silencio. Serán espazos de nos atopar, de discrepar ou de chegar
a acordos ilusionantes, pois nada debemos illar dos sentimentos. Serán lugares de
lectoras e de lectores que permiten tempos de tactos e de contactos cos
soportes de lectura, asemade que cos nosos pareceres e estimas, poñendo a rular
experiencias e proxectos con traxectos, cos pés na terra e coas cabesiñas a
brincar cos sentimentos nas tantas músicas das emocións, das fantasías e das
imaxinacións,
Todo
así ben cheo de horas cargadísimas de contidos marabillosos nos que facer
lecturas de moitos tipos, pero en especial lecturas creativas, vivas e
activadas a toda marcha e enerxías ( pois témolas e non poucas) e sempre nos
abrazos sentidos e de cantidades volumétricas da nosa lingua e da nosa cultura
( como fundamentais conexións valedoras e eficaces para entender o mundo).
Paula, Eloy e Nerea, tres rapaces que levan, co seu Consello bibliotecario, a Biblioteca do colexio |
Velaí as bibliotecas , coas súas
bibliotecarias e cos seus bibliotecarios, como nos ofertan oportunidades (
pasen sen chamar) para compartir mornuras cos soportes de lecturas, lendo,
comunicando, xunto coas lectoras e cos lectores ( e cos que non o son, que
tamén teñen importancia, pois han saber que as portas das bibliotecas están tamén
abertas para elas e para eles, si, para entrar, para quedárense ou para írense).
Nestes espazos de lecturas( non únicos)
todas e todos sentiremos o latexar dos grandes corazóns das bibliotecas, pois a
forza delas será o resultado da suma plural dos nosos. A dos nosos corazóns de lectoras e de lectores.
Pasen e nótenno.
Feliz día ( lendo, claro).