jueves, 9 de marzo de 2017

DARDO POÉTICO (XLIII) "A emocionante palabra de Ledicia Costas nun manifesto rosaliano




Hai unhas datas no Panteón de Galegos Ilustres  a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELGA)  celebrou un acto para conmemorar o “Día de Rosalía” que é o día 24 de febreiro, data de nacemento da nosa poeta, que tal día coma hoxe cumpriría 180 anos.
     
     Houbo recitados de poemas, actuacións musicais e un manifesto da asociación que leu a escritora Ledicia Costas.
     
Acto da AELGA en Santiago
     
Dende que lin a súa primeira novela, Unha estrela no vento, arredor do ano 2000 , fiquei  seducido pola escrita dunha moza que comezaba no complicado mundo da literatura. Sabía que ía chegar lonxe. Notei que, malia ser unha ópera prima, Ledicia Costas posuía un don excepcional para crear. E non me trabuquei. Hoxe é unha das referencias esenciais da nosa LIX, gañadora, ademais, do Premio Nacional de Literatura co seu libro Escarlatina, a cociñeira defunta, editada por Edicións Xerais.


     Debo confesar  que teño por ela unha certa debilidade.  E cando lin o manifesto rosaliano, emocioneime. Marabilloso, pensei. Así que, en canto tiven a primeira oportunidade, lle pedín o texto para publicar en Versos e aloumiños e todos os lectores e lectoras do noso blog-revista puidesen saborear palabras tan belidas.
     
Con Ledicia e Helena Pérez o día da presentación de "Escarlatina..."
     
     Ledicia, xenerosa, non tardou nada en enviarmo. Un luxo que hai que valorar na súa xusta medida. Está ben o “Día de Rosalía” pero un, que cre que todos os días son bos para ler a nosa poeta universal, aplaude textos coma este para que os seus versos vivan en nós acotío dun xeito permanente. 

     Podedes ler o manifesto. Enchoupádevos da palabra ben dita, ben escrita, mollada en emoción. Un dardo poético necesario.


     Grazas e parabéns, Ledicia.




Manifesto polo Día de Rosalía

                                                                                         Ledicia Costas

En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía, posúe as cores reveladoras da primeira luz.
Imaxino a Rosalía no S.XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.

Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.
En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. RosalíaTe!
Con Ledicia no "Día de Rosalía" en Vigo