Hai unhas datas no Panteón de
Galegos Ilustres a Asociación de Escritoras e
Escritores en Lingua Galega (AELGA)
celebrou un acto para conmemorar o “Día de Rosalía” que é o día 24 de
febreiro, data de nacemento da nosa poeta, que tal día coma hoxe cumpriría 180
anos.
Houbo recitados de poemas, actuacións
musicais e un manifesto da asociación que leu a escritora Ledicia Costas.
Dende que lin a súa primeira novela, Unha
estrela no vento, arredor do ano 2000 , fiquei seducido pola escrita dunha moza que comezaba
no complicado mundo da literatura. Sabía que ía chegar lonxe. Notei que, malia
ser unha ópera prima, Ledicia Costas
posuía un don excepcional para crear. E non me trabuquei. Hoxe é unha das
referencias esenciais da nosa LIX, gañadora, ademais, do Premio Nacional de
Literatura co seu libro Escarlatina, a cociñeira defunta,
editada por Edicións Xerais.
Debo confesar que teño por ela unha certa debilidade. E cando lin o manifesto rosaliano,
emocioneime. Marabilloso, pensei. Así que, en canto tiven a primeira
oportunidade, lle pedín o texto para publicar en Versos e aloumiños e todos os
lectores e lectoras do noso blog-revista puidesen saborear palabras tan
belidas.
Ledicia, xenerosa, non tardou nada en
enviarmo. Un luxo que hai que valorar na súa xusta medida. Está ben o “Día de
Rosalía” pero un, que cre que todos os días son bos para ler a nosa poeta
universal, aplaude textos coma este para que os seus versos vivan en nós acotío
dun xeito permanente.
Podedes ler o manifesto. Enchoupádevos da
palabra ben dita, ben escrita, mollada en emoción. Un dardo poético necesario.
Grazas e parabéns, Ledicia.
Manifesto polo Día de Rosalía
Ledicia
Costas
En Galicia existen infinitas formas
de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza
os versos de Rosalía, posúe as cores reveladoras da primeira luz.
Imaxino a Rosalía no S.XIX e vexo
unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o
corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas
de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer
cambalear os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non
precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa
obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por
cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas
de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa.
Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha
manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa,
querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha
maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se
estremece por momentos.
Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando:
Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e
non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos
rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a
ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e
contaxiarte.
En Galicia existen infinitas formas
de chover,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
E con esa maxia pronuncio: babuxa,
chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de
Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas
branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca
un libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. RosalíaTe!
Con Ledicia no "Día de Rosalía" en Vigo |