martes, 10 de enero de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (7) "A árbore da escola", de Antonio Sandoval coas ilustracións de Emilio Urberuaga





TÍTULO: A árbore da escola.

AUTORES: Antonio Sandoval (texto) e Emilio Urberuaga (ilustracións)

EDITORIAL: Kalandraka. Colección:DEMADEMORA



Kalandraka achégalles aos primeiros lectores este fermoso álbum ilustrado.
Fermoso por partida dobre, tanto pola súa concepción plástica coma polo seu contido.

     A árbore da escola é a historia que o escritor, comunicador ambiental e ornitólogo Antonio Sandoval, nos conta sobre unha árbore solitaria que existía no patio dunha escola. Ninguén reparaba nela, nin os nenos rebuldeiros nin a mestra precavida. Pero un día Pedro si o fixo e a partir daquela, a árbore comezou a vivir. 
     
Antonio  Sandoval

O seu aspecto mudou radicalmente e en proporción directa á atención e o agarimo recibidos. Cando Pedro comparte cos demais a súa descuberta, todos participan nos seus coidados como mellor saben: plantando unha flor ao seu carón para que non se sinta soa, facerlle e lerlle un poema, acariñala… A árbore pasou de ser testemuña dos xogos infantís a se converter no centro deles. Isto provocou que se transformase nunha frondosa especie única sobre a que construíron unha cabana onde a mestra decidiu trasladar a biblioteca. Así, deste xeito, ao mesmo tempo que medran os soños dos nenos a través dos libros, tamén agroman as sementes da árbore para o futuro.

     
Emilio Urberuaga


     Trátase dun conto cunha linguaxe sinxela e directa que se apoia nunha estrutura circular e que lles amosa aos nenos a importancia de coidar o medio natural, de convivir con el e descubrir a grandeza das pequenas cousas.

     As magníficas  ilustracións coloristas, vivas e expresivas de Emilio Urberuaga reforzan o contido do texto e axudan a unha lectura visual paralela pero tamén recreativa do mesmo.


                                                                                                                                     ALBA PIÑEIRO