Pinto & Chinto |
Non cabe a menor dúbida que os contos clásicos de autores coma Andersen, Perrault ou os irmáns Grimm son un tesouro que levamos preservando dende hai moitísimo tempo nas máis diversas formas.
Adozados ou non, en debuxos animados, en libros horrorosos, en discos ,
películas etc., estes contos están presentes nas nosas vidas e conteñen un
valor tanto literario coma sociolóxico importante.
Lembro aquí a Roald Dahl e as
súas versións en verso que lidas aos nenos e nenas supoñen unha maneira lúdica
e festiva de achegárllelas para que se divirtan. Tamén Gianni Rodari e outros autores déronlles voltas a estas mostras marabillosas
de tradición oral.
Agora acaba de chegar ás miñas mans un libro delicioso. Un libro que me
puxo un sorriso nos beizos e que lin cunha felicidade auténtica. Trátase
de Cambiache
o conto!, de Pinto & Chinto,
editado por Edicións Xerais. Un libro editado de marabilla cunhas
ilustracións enormemente suxestivas e cheas dunha expresividade total,realizadas
por David Pintor. Unhas ilustracións
que acompañan os textos de Carlos López,
que son dun enxeño e un humor exquisitos.
Unha versión peculiar dos contos tradicionais (O frautista de Hamelin, A Cincenta, O traxe novo do emperador, Branca
das Neves…), do libro As mil e unha
noites (Alí Babá e os corenta ladróns…),
fábulas (A leiteira, O raposo e o gato…)
que fará as delicias dos lectores e lectoras.
Nada é como parece neste libro. Comeza cada conto introducindo o autor a
narración que coñecemos e, nunhas liñas máis, desenvolve a mesma dunha maneira humoristicamente
enxeñosa.
Un
vai lendo conto a conto e nos deixa de sorrir. Un querería que houbese moitos
máis pois cada final é unha caixa de sorpresas.
Un exemplo disto contense nesta pregunta:
sabedes como remata o conto de Polgariño? Os anacos de pan, os paxaros etc.,
pois na versión de Pinto & Chinto… mellor non volo digo! Nin tampouco
vouvos desvelar o que acontece cos tres porquiños, co parruliño feo, con
Aladino nin co soldadiño de chumbo. É algo que deben descubrir os lectores e,
xa que logo, os oíntes, porque é un libro magnífico para ler en voz alta.
Textos moi ben contados, ilustracións de altísima calidade e unha
edición fermosa. Tres compoñentes para que este libro sexa de lectura
apaixonante e necesaria.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO