Páginas

domingo, 10 de agosto de 2014

A FABULOSA LOUCURA JAZZÍSTICA DE "FOOLMAKERS".



        Son Foolmakers. Si, “artesáns da loucura”, máis ou menos. Coñecinos nunha conversa con Luis Vila e coa magnífica cantante, Pilocha, hai uns días.
Pilocha
         Levo ben anos coincidindo con eles no Festival de Jazz de Pontevedra. Sabía quen eran, dende que Pilocha participara nun traballo fenomenal de Antón Seoane, que musicou poemas infantís, algúns meus.E antes das  actuacións de Richard Bona e Eric Bibb, nesta edición, falamos o que non falaramos tempo atrás. Foi un auténtico pracer.
         
        E Luis contoume a experiencia de Foolmakers. Un proxecto marabilloso que naceu, case por casualidade, en Lugo, no mes de xaneiro de 2013. Catro psiquiatras e un músico profesional reúnense para formar un grupo de jazz. Toma corpo a partir da amizade de Luis Vila e Carlos Doval.

Luis Vila
    (Así nacen os grandes grupos. Lembrade os Beatles, por exemplo. Amizade entre dous).
No servizo de psiquiatría do HULA, hai uns médicos con inquedanzas musicais. Luis Vila lanza a idea e xúntanse con Doval para tocar. Ensaian, existe química entre eles e axiña comezan a participar nas “jam sessions” que organiza a Escola Fábrica de Sons no club Clavicémbalo na capital lucense.

               A partir de aí, todo encaixa perfectamente. Conceptos como “clases de harmonía de jazz”, “amizade”, “paixón pola música”, “composicións”, “galego”, “standards” etc. van uníndoos día a día.
         "Son un gigoló". Foolmakers no Café Jam Session de Ourense. Convidado, Cleto González.
        
        Clubs coma El Cercano (Ourense), Clavicémbalo, Dado Dadá (Santiago de Compostela), Joana´s Place (A Coruña), por exemplo, son testemuñas da categoría dun proxecto ilusionante.
        
        Soan moi ben. Son orixinais. Polo que non é de estrañar que este ano 2014 vaian tocar  nun dos concertos das Festas de San Froilán en Lugo.

                          "St.Louis Blues". Foolmakers no Café Jam Session de Ourense.
        
        O seu repertorio está formado, basicamente, por temas standards de jazz, algún bolero ou bossa nova e versións cun toque jazzístico de temas de Lou Reed, The Beatles ou Pilocha (fermosísima a versión que fan d´O sancristán de Coímbra) quen subiu con eles ao escenario nunha ocasión e, estamos seguros, non será a última.


Lou Reed


                Debemos salientar que a meirande parte dos temas deste repertorio son traducidos ao galego, cambiando as referencias orixinais por outras más próximas á nosa actualidade e á realidade de Galicia. Todo isto, dende logo, tinxido de ironía e retranca.
Ella Fitzgerald
        
        Actualmente, teñen montado un espectáculo titulado “Cancións de amor e sornaswing”, no que interpretan clásicos de Ella Fitzgerald e Billie Holiday, temas de películas como “Put the blame on Mame” de Gilda ou “I wanna be loved by you” de Con faldas y a lo loco e outros máis, todos, iso si, en galego e con esa retranca nosa que os fai moi atraentes.
        "Toda a culpa é dela". Foolmakers no Club Clavicémbalo de Lugo.Festival Jazz.2013
        Son Foolmakers (ou como os chaman popularmente “os psiquiatras”) un grupo musical curioso, orixinal e digno de gozar con el.
         

        Un grupo de jazz formado por Paula Cores (voz), Luis Vila (piano, teclados), Isidro Gómez (batería), Luis González (guitarra e voz) e Carlos Doval, o único músico profesional, que toca o baixo.
         
        Versos e aloumiños, sempre preto daqueles proxectos artísticos que pagan a pena, ofrece Foolmakers aos seus lectores/as  para que coñezan de preto o moito e bo que se fai neste país noso.
        Deseguido, podemos entrar no mundo de Foolmakers, se vemos esta reportaxe que realizou a TVG. Interesante.
          
            Que a "loucura" do jazz siga viva coa música destes fabulosos artesáns.

                                                                                                               ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO