Paco Martín. (Foto de Pepe Álvez) |
Un novo artigo, auga lizgaira
refrescante, que describe, que sinala, que sacode e que divirte.
Desta volta, está situada nunha pequena
vila de case 5.000 habitantes, en Estremadura, chamada El Casar de Cáceres.
Dános conta dun mestre extravagante, moi
curioso e querido, amante da Grecia clásica chamado…Xa o leredes.
Un docente diferente aos demais cun
final de vida na ensinanza moi típico daqueles (e destes?) anos, nos que as
altas esferas non vían con moi bos ollos certas iniciativas.
Lede,
lede estas liñas maxistrais do escritor lucense que, unha vez máis, nos
engaiola coa súa prosa rica e irónica.
Un pracer, coma sempre, benquerido Paco,
por permitirnos perdernos polo teu mundo tan excitante.
Don Helénides
A chamada Torta
del Casar é, na miña modesta opinión, un dos queixos máis sabedores e
mellor elaborados que hai en todo o mundo. Faise no concello dese nome da
provincia de Cáceres, moi preto da capital, e as xentes que alí viven están,
con todo o dereito, altamente orgullosas deste seu magnífico logro
gastronómico. Pero non é o queixo o único de importancia que a vila ofrece a
quen ata ela se chega, aínda que si sexa o máis coñecido e popular, xa que o
lugar conserva interesantes sinais da súa historia e lembranza curiosa
dalgunhas crónicas que lle son propias.
Torta del Casar |
Unha das máis orixinais debe ser a
referida a don Ángel García, mestre que exercera nunha das escolas de El Casar
de Cáceres o seu labor docente hai xa moitos anos -aínda que non tantos como
para que se chegase a perder de todo a súa memoria- e que levou a súa
admiración pola Grecia clásica ata o punto de se consagrar ó estudio do grego
antigo, tomar o nome de Helénides de Salamina e vestir sempre ó xeito do que
esculturas e gravados amosaban como propio daqueles tempos e lugares,
compoñendo, imaxino, unha figura do máis pintoresco –se eu pretendese facer
carreira política utilizaría o adxectivo kafkiano, pero ben se ve que non é o caso-
en contraste coa austera indumentaria dos campesiños estremeños da época.
- Pois, o que son
as cousas, todos na vila lle querían ben; comprendían, ou desculpaban, a súa
teima; chamábanlle, con naturalidade, don Helénides e os seus alumnos progresaban
adecuadamente, que diriamos na actualidade.
Quero eu supoñer
hoxe que este meu antigo colega era partidario, imitando a Sócrates, da
maiéutica como método para que solecesen nos seus discípulos nocións que xa
posuían sen eles sabelo e que non dubidaba en usar, ás veces e en plan
peripatético, algúns espacios públicos como aula para mellor desenvolver o duro
traballo de cada día sen renunciar á súa inocente extravagancia.
Mais como non
podía ser doutro xeito, na opinión das autoridades académicas aquelo non era
todo o edificante que a mocidade da vila merecía de maneira que un ano, ó
rematar o curso escolar, don Helénides non apareceu por El Casar –os
inspectores sempre dicían don Ángel ou señor García- e todo volveu ser tan
normal e uniforme como sempre fora. Non resultou difícil convencer á xente de
que un mestre con clámide nunca lograría facer daqueles nenos uns homes de
proveito que fosen quen de lles transmitir ós seus fillos e netos os auténticos
valores da moderna cultura e civilización.
Estación de autobuses de El Casar de Cáceres. |
E debía ser certo.Tamén aquí son
moitas as rapazas e moitos rapaces que nestes últimos tempos andan seriamente
contrariados porque non deron pasado as probas de selección para participar en El
Gran Hermano.
PACO MARTÍN