Aurora Ruá |
Nesta época, na que a Lei da Memoria
Histórica está a ser desprezada, convén que a mocidade saiba que aquí houbo
unha contenda que ten feridas sen cerrar. Odio esa frase “hai que pasar páxina”, cando quen a di,
sempre dende o mesmo bando, se refire a esquecer, soterrar algo que aínda ten
as súas reminiscencias entre a poboación
e do que aínda faltan moitos estudos por facer.
Por iso gocei coa novela “Debuxos
no muro” da escritora, avogada e libreira Aurora Ruá, publicada pola editorial Galaxia na súa colección Costa Oeste.
“Debuxos no muro” é unha novela
curta de menos de oitenta páxinas que presenta dúas historias paralelas,
afastadas no tempo, e dous mozos coma protagonistas delas.
Unha prodúcese na actualidade (ano 2011) e a outra desenvólvese contra o
remate da guerra civil (ano 1938).
Pablo ten quince anos, quedoulle para
setembro unha materia (Historia, precisamente) e pasará co seu pai, unha
especie de castigo, os últimos quince días de agosto para preparar o exame de
setembro no hospital onde o home é director.
Pep é un rapaz da mesma idade de Pablo,
prisioneiro republicano, fillo dun cartelista de sona que un día, en plena
guerra desaparece. Pep remata recluído nun campo de concentración para presos
que defendían a República. A Pep gústalle debuxar e faino ben. Dada a súa falta
de liberdade, o mozo debuxa na parede e nun caderno aquilo que para el resulta
esencial.
O que semellaba un castigo converteuse
para Pablo nunha aventura interior e exterior interesante. Cando descobre os
debuxos que hai na parede dunha cova, a súa actitude comeza a cambiar e o
interese por esa descuberta dálle un sentido inagardado á súa estadía no
hospital.
Ao mesmo tempo, setenta anos atrás, os
feitos sucédense dun xeito diferente pero Pep mantén certas ilusións e coñece o
amor. Un amor xuvenil, pero de sentimentos moi fondos. Pep namórase de Carme, a
sobriña de dona Amparo. Esta muller, encargada de facer comidas para os
prisioneiros, cólleo ao seu cargo.
Non sigo. Hai que descubrila. Nesta novela
aparecen dous personaxes moi tenros en ambas historias: Vicent e Ferran, que
teñen moito peso sobre cada un dos protagonistas. Mais tamén dona Amparo é un
ser entrañable.
No libro quedan expostas as pegadas da
loita “incivil” con moita claridade. Tamén certos trazos que denuncian, como se
se quixese pasar por alto pero non pasa, o descoñecemento real dos mozos e
mozas de hoxe en día sobre un suceso tan importante no devir deste país. A Pablo non lle interesa, nun
principio, todo o relativo á historia. E isto, por desgraza, ocorre na
realidade.
A novela está contada con sinxeleza, cun
ritmo moi vivo. É moi clara na súa exposición. Talvez quede algo curta; quizais
se podería tirar máis proveito dos
personaxes, interesantes de por si. Ben, eu non son crítico. Non exerzo diso. Unicamente
son lector.A min emocionoume esta historia en varios momentos. Presenta situacións
que se deben coñecer. Non hai rancor ningún no relato. Pero, a pouco que o
leas, vas descubrindo detalles que che fan reflexionar.
Non quero deixar pasar a tradución de Ramón Nicolás. Seria, rigorosa, permite
que se lea con fluidez. Utiliza palabras que enriquecen o léxico dos lectores
sen buscar rarezas que confundan. Unha
tradución que non traizoa, estou seguro.
“Debuxos no muro” é un libro que se
le ben e, case en voz baixa, intenta poñer certas cousas no seu sitio.
Antonio García Teijeiro