Era
necesario. Mesmo, urxente.
Xa
está ben de que nos ignoren.
Non
pode ser que os poderes públicos apoien a “cultura de escaparate”.
Si,
eses actos que lles serven para dicir
que fan, sen facer nada.
Esas
mostras nas que levan a prensa para presumir de estar moi interesados polo noso
ben cultural.
Mentira. Viven de aparencias. Pintan con
pinceis de xeo os seus cadros e discursos. Por iso, non permanecen.
Non
lles importa o máis mínimo nin a educación nin a cultura galegas.
Queren
lavar a cara e sorrín con falsidade.
Ousan silenciar á nosa POETA (si,
con maiúsculas) por excelencia. No seu calendario oficial non aparece o día 24
de febreiro como o Día de Rosalía.
Vergoña debería darlles. Isto non pasa en ningures. E son tan falsos, que non
dubidan en citala se a ocasión lles parece axeitada para os seus intereses.
Resulta grotesco que despois se
dirixan ao pobo como defensores da cultura de noso. Que fachendan de
preocupados por ela, mentres lles dan coiteladas ao teatro, á literatura, ás
artes plásticas, ao cinema, á música, a todo aquilo que é imprescindible para
unha Galicia máis sa educativa e culturalmente.
Esmagan
o noso idioma e pretenden disimular que o fan. Pero non estamos dispostos a
deixarnos enganar.
Son
quen de deixar orfa a industria cultural galega e mirar para outro lado, como se
a cousa non fose con eles.
Chegan
ata roubarnos
os escritores se, con iso, conseguen dar
a imaxe de abertos. Vénme á cabeza o “tema Castelao” e danme ganas de
vomitar. Pura fachada. De portas cara a dentro, nada de nada.
E
esa industria cultural, tan abandonada por eles, loita por acadar unha
supervivencia digna, cada volta máis complicada.
Por
iso era necesario este comunicado de tres asociacións que veñen loitando, dende
hai ben tempo, a prol dunha cultura
galega tan maltratada.
E
seguen a mostrar o seu compromiso con ela. Denuncian a situación e renovan o
compromiso de esixir a estes poderes públicos o fomento cultural ao que están
obrigados . Queren promover o entusiasmo pola nosa creación artística e
convocan ás administracións galegas a normalización dunha lingua que amamos
todos (ou case todos).
Versos
e aloumiños
súmase a este comunicado da AELGA, de GÁLIX e da Asociación Galega de Editores,
incluíndo este comunicado conxunto, porque cre no que nel se expón ao cen por
cen.
Xa
o dixemos.
Era
absolutamente necesario.
A cultura galega, a nosa
angueira, comunicado conxunto da AELG, a Asociación Galega de Editores e Gálix
O
panorama cultural galego identifícase hoxe máis ca nunca con aqueles lembrados
versos de Díaz Castro no poema Penélope. Porque son tantos e tan dolorosos os pasos atrás …
Hoxe,
tantos anos despois daquelas iniciativas culturais que na década dos 70 do pasado
século ergueron o facho para alumearen o camiño da recuperación cultural de
Galiza, segue sendo a iniciativa popular asentada en asociacións, colectivos,
estruturas profesionais e algunhas institucións conscientes, a que mantén viva
a nosa cultura, moitas veces contra o vento e a marea institucional que,
escusándose na crise, practican a destrución cultural de noso e, por tanto, da
industria cultural, empobrecendo o noso país ao privalo dun dos medios de
produción propios.
A
defensa da oralidade e das expresións orais, soporte de comunicación básico e
primordial para garantir o futuro da nosa lingua e da cultura tradicional do
noso pobo determinounos a non renunciar ao legado histórico recibido,
procurando a resistencia á invisibilidade e negación desde o reforzo colectivo,
aproveitando plataformas, medios e soportes de uso, tanto os tradicionais como
os máis novidosos desde o punto de vista tecnolóxico. A consciente necesidade
de continuar con criterio progresivo a apostar pola creación e difusión da cultura
que facemos e en cuxos valores potenciais acreditamos, arraigada no imaxinario
e expresión lingüística propios, motivou a tradicional interconexión con outras
culturas que define a nosa, para partillar o escenario plural da diversidade
global e pular pola formación das novas xeracións produtoras e consumidoras de
cultura.
A
confirmación sucesiva das alertas e ameazas de inacción dos postulados oficiais
do actual Goberno galego, coincidentes coas do actual Goberno de España,
reforzou o noso compromiso para coa sociedade á hora de ofrecerlle un produto
cultural propio, de calidade, asequíbel e accesíbel a todos os formatos e
sectores cidadáns. Abonda citar para confirmalo medidas fortemente gravatorias
e impositivas para o seu desfrute individual e colectivo, que non sofren outras
actividades de ocio, de cualidades formativas e educadoras ben cuestionadas,
como os espectáculos futbolísticos ou taurinos, como acontece coa suba do
gravame do IVE cultural até o 21%.
Significativo
resulta apelar desde o Goberno galego ao herdo rosaliano, neste proactivo ano
en que a cidadanía non cansou de ler, musicar, interactuar e interpretar, para
maior admiración e recoñecemento, a modernidade da obra e pensamento rosaliano
a nos aloumiñar e falar hoxe desde o poder da palabra compromiso e o alento
vivo, ao mesmo tempo que desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria se elimina de raíz o Día de Rosalía
do Calendario do Libro e da Lectura, logo de ter impedido nos últimos anos que
esa data, 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro, formase parte
do calendario escolar como data conmemorativa referencial próxima.
Sorprendente
semella parabenizarse dos recoñecementos a nivel estatal dos nosos creadores
culturais cando desde o Goberno se desvirtuaron os mesmos premios homónimos
galegos, anulando a súa identificación como cultura nacional, así como a
dotación económica.
Mais
a destrución da cultura galega escúsase decote en motivos económicos e acúsase
de ser un produto illado, dependente e subvencionado, mentres percibimos as
intencións espúreas dos que ao
pór a garabata xa non saben falar a fala nai, a fala dos avós que teñen mortos.
Desde
2009 loitamos contra a redución da presenza da nosa lingua nas aulas, un
elemento fulcral para o sostén da nosa cultura, mesmo por motivos económicos,
se nestas escuras tebras en que vivimos haxa quen só entenda estes argumentos.
Porque a produción de libros, materiais didácticos e diferentes ofertas
culturais en galego para acompañar a docencia ou para servir como actividades
complementarias ou extraescolares se traduciría en incremento do PIB, isto é,
emprego e riqueza, que se multiplicaría tamén fóra do ámbito docente e dentro
do corpus social.
Unha
redución que vai conseguir que o proceso de desgaleguización comprobado que
viven as xeracións máis novas non poida ser debidamente freado e perdamos así a
sociedade futura que debería manter viva a nosa cultura e se perden a fala non serán ninguén.
O
ano 2013 confirmou unha praxe política de desmantelamento dos sectores
culturais, tamén xeradores de fortaleza económica como industria cultural, o
que, desde actitudes desafiantes e provocadoras, se concretou na asfixia
económica que pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa
ilegalización social.
Non
son alleas á política cultural do actual Goberno galego (redución drástica de
fondos destinados á adquisición de novidades editoriais para bibliotecas
públicas -un 64,8% menos- e das axudas para a edición de materiais didácticos
en lingua galega (un 75 % menos) situacións dramáticas como as que sofre o
sector da edición galega, que dende 2008 perdeu o 38 % do seu emprego directo,
e que no mesmo período leva perdido o 16,76 % da súa facturación total.
Tampouco
é inocua á realidade dramática das compañías de teatro galegas nin aos datos
que acaba de nos ofrecer o Instituto Nacional de Estadística confirmando o
peche de 45 bibliotecas públicas en Galiza entre 2008 e 2012, o que converte o
noso país na comunidade que máis espazos públicos de lectura e acceso á información
perdeu en todo o Estado, mentres que neste o balance é positivo. Sorprenden
neste contexto as recentes declaracións do Secretario Xeral de Cultura da Xunta
de Galicia, Anxo Lorenzo, calificando o pasado ano 2013 como «ano vizoso para a
cultura galega» (!).
Entendemos
a cultura galega como tecido creador de cidadanía cohesionada con valores
democráticos, depositaria e defensora da nosa identidade como pobo, humus
irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios, que
permitan o desenvolvemento cultural e social en función unicamente dos
intereses do pobo galego e que doten a Galiza da vacina protectora para non
sermos varridos polo mal vento da globalización, que pretende unha
homoxeneización e uniformización dos valores culturais e lingüísticos dos pobos
a conta de amolecer e engulir toda diversidade cultural e plural.
Recoñécennos
alén das nosas fronteiras. Creadoras e creadores galegos son premiados fóra de
Galiza e mesmo a lingua galega é recoñecida lonxe das súas orixes, pois o certo
é que a cultura galega e quen a produce podería competir, se de tal se tratase,
a todos os niveis e en calquera lugar. Mais, pola contra, é sistematicamente
esquecida por aqueles que deberían ser os seus primeiros valedores, por aqueles
que deberían esforzarse cada día do seu mandato por buscar fórmulas de
proxección da nosa cultura, por buscar recursos para actividades culturais que,
ademais, creen emprego e, por tanto, riqueza.
Non
aceptaremos que pretendan enmudecernos ou facernos estranxeiras na nosa patria,
por iso seguiremos soñando coa chuvia e desorballando os prados e prendermos o
lume que quente a lareira da que seguen a nacer proxectos. Entre todas e todos,
seguiremos a lembrarlle a quen debe representarnos que os números non serven para saber que altura é o reino
do paxaro e que tamén precisamos da palabra para alimentar o
espírito, a palabra nos libros, na escena, no pentagrama. Seguiremos creando con gracia ou sen ela,
na lingua que falamos porque a nosa angueira é que a nosa lingua e a nosa
cultura sexan plenamente normais e estean presentes en todos os lugares e en
todos os tempos.
E
é tanxíbel, porque nunca é tan posible
como cando é un desexo.
Galicia,
febreiro de 2014