Mostrando entradas con la etiqueta xornalismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xornalismo. Mostrar todas las entradas

miércoles, 18 de septiembre de 2013

ESCOLAS E ECONOMÍA, O CUARTO E ÚLTIMO ARTIGO DE PACO MARTÍN.

Paco Martín
  Velaquí o cuarto artigo da súa serie Auga lizgaira, que Paco Martín escribira no seu momento no
xornal El Progreso e que xentilmente nos cedeu para o noso Versos e aloumiños.
Foi un luxo para nós poder utilizar estes textos que, por certo, tiveron moi boa acollida.
Non é para menos. Paco escribe coma os anxos (aínda que non existan), sabe coller un tema e facelo interesante. Deixa a súa pegada, como quen non quere a cousa, e coa súa riqueza léxica, a súa ironía e a intelixencia do seu discurso, fai dos seus textos unhas xoias que deleitan os lectores.
Dos catro recibidos, deixamos este, Escolas e economía, para o final. A razón coido que está clara. Estamos en setembro e nuns días comeza o novo curso. E a ollada, que sobre un principio calquera dun ano escolar nos deixa nestas liñas Paco Martín resulta un documento sociolóxico e, dende logo, un exercicio literario exquisito no que a retranca do noso escritor chega a convertelo nunha peza marabillosa.
Grazas, Paco, pola túa xenerosidade e agardemos que non sexa esta a derradeira colaboración neste blog.

Antonio con Paco, na súa casa de Lugo.
                                                               
                                          
                     Escolas e economía                                                                                                                                     
             
Comeza o curso escolar e canda el chegan os guantes novos porque os do inverno pasado quedaron pequenos, e mochila con rodas, as seis botellas de albariño que hai que lle regalar ao cuñado de Raquel “que permitiu que nos empadroásemos na súa casa polo da proximidade ao colexio”,  as pescudas en internet sobre como actuar en caso de “bullyng” por se “o aparello ese da ortodoncia que lle fai prender algo ao falar esperta as malas ideas dalgún deses compañeiros rabudos que sempre hai”, o “a ver quen lle toca este ano en matemáticas”, os cálculos de horario: “se túa nai pode vir mércores á tarde e levalo despois a inglés e xoves a mediodía a traelo á casa para o xantar, amañabamos mellor...”, e están os libros, os cadernos, os materiais de informática, a procura dunha boa pasantía por se fose preciso, as dúbidas á hora de deixar que forme ou non parte do equipo de ximnasia rítmica... E adornando todo iso con fotografías nos xornais, reportaxes nas televisións e declaracións altilocuentes dos responsables(?) políticos do ramo insistindo na transcendencia do labor que realizan as profesoras e mais os profesores, no fundamental dunha cumprida formación para que as novas xeracións estean á altura dos tempos que lle tocará vivir e inserindo estratexicamente -de acordo co guión que lles foi facilitado e sempre cun ton de voz unha miga máis baixiño- puntuais advertencias sobre os “axustes” no ensino ou na sanidade, sacrificios que todos(?) debemos soportar para sermos solidarios(!) e axudar aos que máis o precisan, que, ao parecer, son os banqueiros, socias e socios das sicav, amnistiados polo fisco, defraudadores de amplo espectro, evasores varios ou custodios de caixas B, entre outros. 
Con Xabier P. DoCampo
            Naturalmente para que todo isto se dea é preciso que nos situemos nunha poboación xa de certa entidade, onde haxa un mínimo de audiencia partidaria disposta a aplaudir por se despois cae algo, que xa logo son as eleccións. No rural noso non son moitos os que quedan para escoitar palabras enredosas e as cativas e cativos que nel viven saben xa que será a eles a quen máis acabará mancando a gadaña coa que a Administración anda a amputar dereitos e posibilidades cando de xustiza sería precisamente o contrario. A eles non se lles dan as opcións de escolla coas que se xustifican os cartos que van a determinados centros de ensino, eles agardarán o autobús do transporte escolar cada mañá de inverno para loitar, todos os días e case sempre en inferioridade de condicións, xunto con ensinantes e pais para poder chegar até onde todos os cidadáns teñen dereito a estar. Calquera diminución de recursos educativos é dobremente inxusta e moitísimo máis lesiva se se produce no rural.
Ten que haber outros modos de economizar sen necesidade de prexudicar a formación da nosa xente nova. Se os dirixentes que hoxe nos gobernan tivesen unha tan boa preparación como a que desexamos para os nosos nenos e nenas, non precisarían de toda esa multitude de asesores –moi ben pagos- que agora teñen (temos) en nómina..., e non sería pouco aforro. Por poñer un exemplo...
Asinándolle a Susi un libro no seu estudio.

lunes, 24 de junio de 2013

"VICTORIA FALLS", OUTRO ARTIGO DE PACO MARTÍN.



 
Paco Martín
Velaquí temos o terceiro artigo da súa serie Auga lizgaira, que PACO MARTÍN publicaba no diario El Progreso, de Lugo.
De novo, esa mestría do noso autor, a ironía que reflicten os seus escritos, a calidade coa que escribe e o acerto para poñer o dedo na chaga, fan que estes artigos nunca perdan vixencia e resulte un verdadeiro deleite lelos.
A principios de setembro verá a luz o último traballo enviado polo escritor lugués a quen tanto queremos e admiramos en Versos e aloumiños.

       Victoria Falls
                                                                                              
“Esta iglesia, es parroquia...?” Cando comprendo que é a min a quen a muller se dirixe vírome cara a ela e atendo, educadamente, ao que me pregunta: “Si señora. Parroquia de Santiago, A Nova”. “Será ‘la nueva’... O es que a aquí no se respeta a los que venimos de fuera?” Como a miña pobre cabeza non está capacitada para comprender as razóns polas que o nome deste templo, que debeu ser así desde que se erixiu, chegue a supoñer unha falla de respecto para alguén, sexa de fóra ou sexa de dentro, calo a boca e procuro, sen demasiada fortuna, o xeito mellor de me escapulir sen parecer en exceso groseiro, pero non é doado. A muller, que está acompañada por outras dúas señoras e mais un home que mantén os ollos baixos durante toda a conversa, insiste: “Que no le parezca mal, pero es que ahora, con los nacionalismos...” Supoño que tantos anos traballando de mestre foron deixando en min unha especie de sedimento de usos supostamente didácticos que acaban aparecendo ás veces, cando algo hai que os remexe, de maneira que agora fago por explicarlle que, de igual maneira que a Giralda ou o Monasterio de El Escorial se chaman así e ninguén ten que se molestar por iso, o nome polo que se coñece esta nosa igrexa é o que é e nunca con el se pretendeu nada que non fose establecer unha referencia distintiva.

“Pero es que nosotros venimos desde Burgos...”, advirte a máis alta das señoras e a min, por algún estraño mecanismo interno, véñenme á memoria aquelas historias que lía de rapaz nas que se nos contaba como Livingstone “descubrira” unhas espectaculares cataratas no río Zambeze e como decidira
Cataratas Victoria
bautizalas co nome de Victoria Falls, en honra á raíña de Inglaterra e nas que, ás veces, informábase tamén de que “os nativos” lles daban un nome no seu idioma que traducido significaba algo así coma “O fume que trona” e que a min parecíame moito máis fermoso e, desde logo, infinitamente máis expresivo que o outro. Pero, claro, os “nativos” –palabra que nos tebeos e nos libros para rapaces era pouco menos ca sinónimo de salvaxe, incivil e ignorante- que viviran desde sempre ao pé daquelas enormes pincheiras non estaban capacitados para descubrilas nin para lles dar nome e tiña que chegar o intrépido viaxeiro escocés para que todo ficase como tiña que ser.

Quedamos os cinco calados e un tanto incómodos até que a máis nova das tres mulleres, supoño que para me botar unha man, mudou de tema: “De aquí, de Lugo, es ese artista de cine tan bueno que se llama Luis Tosar, verdad?”, e eu, palabra, estiven a piques de lle contestar: “Bueno, en realidad es de un ayuntameniento próximo que se llama Cospecho, a bastantes quilómetros de El Desván de los Monjes”, pero, sabedor de que non podían coller a ironía, limiteime a dicirlles que si e aproveitar a ocasión para despedirme.

Algunha vez comentei aquí que, se cadra, o meu aspecto externo de paisano maior, delgado, cargado de ombros, de cabelo escaso e branco, lentes para ver e aire algo pampo podería levar a quen non me coñeza a caer no erro de me atribuír algúns coñecementos relativos á cidade na que habito o que fai que, de cando en vez, haxa persoas forasteiras que se dirixan a min en demanda de información sobre ela. Pero agora xa sei que estas miñas sospeitas, vaidosas en exceso, non tiñan ningún sentido porque o certo é que, a ollos de certa caste de xentes, o que en realidade son é un “nativo”, na acepción que á palabra se lle daba naqueles vellos tebeos -e tamén nas declaracións de Rosa Díez-, a quen hai que lle descubrir de vez cando o río Miño.

            Velaí tes.

Antonio con Paco Martín, a quen tanto quere e admira.
                                                                                           
                                                                                                  Paco Martín