Mostrando entradas con la etiqueta arcadio lópez-casanova.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta arcadio lópez-casanova.. Mostrar todas las entradas

sábado, 21 de marzo de 2015

ESCAPARATE POÉTICO (XLV) Arcadio López-Casanova (2)





  ARCADIO  LÓPEZ-CASANOVA (Lugo, 1942)


LUÍS PIMENTEL NA PRAZA MAIOR DE LUGO

Arcadio López-Casanova
Toda a vida fun deste velar
o Tempo na miña vila.

Día a día, ano
tras ano,
dende este balcón
que dá á Praza,
vin pasar de vagariño as horas
coma se badaladas fosen de sombra
caendo, e mancando
no meu sempre, ai!, sempre
canso corazón.


Todo, a cada intre, tiña
a súa melodía de acendidos silencios.
Os pasos quedos
sobre a pedra luída das rúas,
o espello de luces baixo os soportais,
o murmurio mollado
das fontes,
e aló embaixo, no milagre
verde da paisaxe,
a ponte de negros ollos
e o río de ondas grisallas
co seu devalo eterno…


No marmañar da fría mañá
do inverno,
na luz tépeda que viste
de primavera floral á Alameda,
no veludo de ouro e cinza
do outono sobre o Parque,
na cúpula do verán
acendida de azul e altas
coroas de paxaros,
así, case que nun abalo lene,
foise debullando o meu vivir
e naceron – tremecentes –
os meus pobres versos
(oh, este acougo, o tan doce acougo
do pequeño lugar de provincias!).

Luís Pimentel

Pasiño a paso, pasiño
a paso,
esvaecíanse calmos os días
nas visitas de mañá ó Hospital,
nas delongadas charlas do café,
nos paseos á tardiña cos amigos
arredor da Muralla (un ir
que á vez é retornar)
e logo,
xa coas portas pechadas do meu refuxio,
a iluminada presenza da Amada,
as miñas pequenas cousas
- a lámpada, o retrato,
o reloxe -,
e velar, sempre un velar
no altar da Noite…
E agora, Señor, que queda xa, que queda
Praza Maior de Lugo
xa?


Canso, moi canso
sinto o meu corazón,
e rendidas están as miñas armas.
Dende este balcón que dá á Praza
oio o escuro silencio
da pedra nas rúas,
o apagado murmurio das fontes,
e pola Ponte, aló embaixo,
o quedo devalo do río que me vai
levando,
mentres nos arcos dos soportais
abre os seus ollos dee medo a Noite
e durme calada a miña vila
baixo un pano de loito.







 





 
Mar de Carril


                                                                    (Do libro As voces da máscara. Centro PEN-Galicia. Col. Currupa Literaria.2014).

miércoles, 26 de junio de 2013

ESCAPARATE POÉTICO (XVIII) Arcadio López-Casanova





  ARCADIO LÓPEZ-CASANOVA   (Lugo, 1942)

                              

                          [ 6 ]


Diante dos ollos - ¿un cegar? – qué queda
xa, qué queda nos ollos: dura ollada,
acaneada sombra acobexada
nun recanto dos días teus…(¡Que leda

a vida aquela, leda a vi…!) Qué queda
xa nos ollos da dura ollada: nada
sombra do pór do sol aconchegada
nun recuncho do Tempo teu…(¡Que leda

a vi…!)
       Diante dos ollos qué nacía
-luz, luz-,diante dos ollos qué morría
-sombra,sombra-…¿Foi leda a vida aquela…?
 
Ontes de antontes sempre infindos idos,
e ardidos, e fuxidos, desvividos
hoxe que tralos ollos Ela vela…!


                            



                         III




 A noite é día, o día é noite, lama
de cinza, cinza as mans, torres de medo;
alto albor como cáliz, quedo, quedo
vazar, sempre vazar…¿Qué Terra chama?

No Templo é noite, é día, loito, rama
de escuridá. ¿Qué canto o de estar ledo…?
Sombra de sangue, lume de penedo
contra as columnas, teito en lapas, grama

do corazón, do corazón…Fendido
son da Noite na cinza, delorido
corpo solo no xabre do desterro,

e ninguén máis, e nunca, e toda a vida
vaga de vaga, aló na Morte, ardida
de libertá.
                  ¡E o albor é voz de berro!



  




   (Do libro Mesteres, edición de Román Raña, editado por Edicións Xerais. 1999)