jueves, 19 de septiembre de 2024

"Celso Emilio na extrema sátira", artigo de Xosé Luis Méndez Ferrín no FARO DE VIGO.

 

Xosé Luis Méndez Ferrín




Na súa sección “Segunda Feira” do FARO DE VIGO (febreiro de 2024), o prestixioso escritor Xosé Luis Méndez Ferrín escribe un atinado artigo sobre Celso Emilio Ferreiro e ese libro demoledor que se presentou hai uns meses en Vigo e que responde ao nome de O Cabronario.

Un traballo magnífico de Xavier Ferreiro, fillo do poeta, e unha edición valente e coidadísima da editorial Luscofusco-Elvira, dirixida por Xabier Romero, sempre inquieto e aberto a publicacións interesantes no eido da literatura e da nosa cultura.

Tiven a honra de presentar o libro na compaña de Ferreiro e Romero no Club FARO, nun acto entrañable e máis que interesante e sentín o espírito do poeta de Celanova acariñando todo o que alí se dicía.

 

Versos e aloumiños reproduce aquí o texto de Ferrín para deleite do noso lectorado tan esixente como cheo de amabilidade.

Que vos guste.




                 

                                Celso Emilio na extrema sátira

 

                                                                         Xosé Luis Méndez Ferrín

 

 O 25 de Xullo de 1964 regularizouse, finalmente, pé da Rocha Forte compostelá, a fundación da Unión do Pobo Galego (UPG). Entre os presentes encontrábase Celso Emilio Ferreiro (1912-1979). Logo, en 15 de maio de 1966, Celso Emilio recibía, no Hotel Roma de Ourense, unha homenaxe co gallo da súa inminente partida para Caracas, onde pensaba fixar o domicilio familiar. O acto do Roma fora acordado no Cumio Central da UPG e feito realidade na práctica por Lois Soto e Amadeo Varela. Os oradores, alén de loubaren unanimemente Celso Emilio, coincidiron na denuncia da ocupación por FENOSA do Val de Castrelo de Miño, no ataque ao capitalismo monopolista de Estado, na exaltación das libertades conculcadas polo franquismo e na insistencia na idea nacional de GaliciaEu estaba alí e lembro que os máis fervorosos aplausos estiveron dedicados a Emilio Álvarez Blázquez cando este pronunciou o nome (apenas o nome) de Alexandre Bóveda.

"A grandeza poética de Celso Emilio Ferreiro explora abismos lúcidos que poden estoupar en artefactos satíricos moi poderosos"

Non moito despois deste xantar de homenaxe (tivo enorme repercusión), o poeta subía a bordo do barco que o levaría a Venezuela. O banquete do Roma creou en Galicia un novo tempo, de confrontación cívica co réxime fascista vixente en España. Rememóroo agora, resoltamente evocado, coma en xeral toda a traxectoria política de Celso, por Luís Gonçales Blasco “Foz” no libro Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego (Xerais, Vigo, 2023). Esta obra de Foz veu a arrequecer a biografía do poeta, tratado desde o ángulo e os acontecementos histórico-políticos. Neste senso, a aportación de Ramón Nicolás en Onde o mundo se chama Celso Emilio (Xerais, Vigo, 2012) seguirá a ser de consulta imprescindíbel. A grandeza poética de Celso Emilio Ferreiro explora abismos lúcidos que poden estoupar en artefactos satíricos moi poderosos.

Son sabedor de que Luscofusco Edicións, unha unidade da constelación cultural Elvira de Vigo, acaba de presentar no Club FARO desta cidade un libro de Celso Emilio que, inédito até agora, leva o título desafiante de Cabronario. Non o vin aínda e desexo lelo con femencia. Pero estou seguro de que recoñecerei algúns dos poemas epigramáticos que o autor soía recitarlles, a escuso, á perosas achegadas. Algunha de tales composicións é posíbel que vise a luz en Canti della nuova resistenza espagnola (Einaudi, Turín, 1962), aquel libro que provocou a cólera de Fraga Iribarne, ministro de Propaganda de Franco.

Estou desexando recompoñer poemas de Celso Emilio de carácter satírico-burlesco que conservo fragmentariamente na lembranza. E espero moito deste libro que organizou Xavier Ferreiro e editou Xavier Romero en Luscofusco. Unha aperta para Antonio García Teijeiro.