miércoles, 25 de septiembre de 2024

REMUÍÑO DE LIBROS (84) "EXperto, eXcalador de eXcaleras", de Javier González

 




Experto eXcalador de eXcaleras

 

Javier González

 

Ilustracións de Lluïsot


 

Editorial Kalandraka Col. Orihuela

 

 

Dende logo que hai moitas maneiras de concibir o feito poético.

E, se hai talento, todas son válidas para expresar no papel aquilo que nos ronda pola cabeza.

Hai poemas que se poden ler en voz alta; outros, non tanto.

Hai poemarios máis clásicos e outros que rachan as convencións poéticas na procura dunha orixinalidade que os fagan máis atractivos.

Hainos influídos por Lorca, Machado ou Alberti; e outros que beben das vangardas, de Apollinaire ou do gran Gianni Rodari.

Acabo de ler Experto excalador de excaleras e impactoume o seu discurso poético por orixinal e rompedor.

Con el, Javier González acadou o “Premio Cidade de Orihuela” de poesía en 2023.


Javier González

Mergulleime na súa proposta e debo recoñecer que me resultou inquietante poeticamente falando.

EXperto eXcalador de eXcaleras é un exemplo claro dunha poesía  que roza o visual en moitos momentos, que está moi traballada, moi ben construída e ateigada de enxeño.

Vexamos, por exemplo, estes versos que amosan a singularidade deste poemario:

No quiere la poesía que la lean/ y entonces revuelve las letras/ de sus palabras y sía  adien epdau/ rlee uss srsoev euqrop osn…

 

Estes primeiros catro versos do primeiro poema “No quiere la poesía que la lean”, que vai detrás da sopa de letras que abre o poemario, marcan a intención do seu autor. Unha enorme imaxinación ao servizo dun discurso poético   esteticamente moi interesante.

Unha poesía pensada para ler, pero, sobre todo, para ver e sorprenderse.

Un poemario orixinal, diferente, cun carácter lúdico, ateigado de poemas que xogan con imaxes, coas palabras, coas onomatopeas e cun sentido do humor moi profundo.

Distintos tipos de letras, con intensidades variadas, con versos que se van esfumando, con poemas-espello ou con versos que traspasan a folla para rematar na seguinte antes de poder ler o novo poema.

 

As ilustracións de Lluïsot están en íntima relación co contido destes versos, algún deles moi tolos, que nos fan sorrir e que nos sorprenden en cada páxina.

Un poemario para gozar da comuñón íntima entre palabra e forma.

Unha proposta que amplía o variado abano de posibilidades poéticas para gozar da poesía dende un punto de vista atraente.

 

                                                                                                                       Antonio García Teijeiro