Xa están de volta os que puideron volver. Tres.
Xa están de volta nove
cadáveres.
Moitos máis permanecen nos
espazos descoñecidos que o mar presenta moi a miúdo.
Familias rotas. Impotencia.
Dor, moita dor. E o mar segue sendo o mar coas súas facianas diversas.
Unha vez máis, ese mar
condenado cobrou as súas vítimas.
Outro suceso de loito tras
unha vil gadoupada dunhas augas que, dende hai ben tempo, son moi traidoras.
O mar, si, é plasticidade,
paixase amable, fonte de alimentos, apertas de auga e sal, si; pero tamén é
morte, perigo, anguria e loito.
Isto e moito máis sinto
perante o terrible naufraxio do Villa de Pitanxo nas augas crueis
de Terra Nova.
Fermoso o artigo en La
Voz de Galicia de Víctor F. Freixanes sumándose e evocando a voz dos
poetas para reflectir a dor que lle produciu o terrible naufraxio que se levou
por diante vidas humanas.
Os que me coñecen saben moi
ben o que o mar significa para min. Porén, non son tan inxenuo de considerar
ese mar como algo bucólico e pintoresco unicamente. Xa en 1996 no meu poemario
tan querido, Na fogueira dos versos, escribía eu este poema no
que salientaba un dos rostros negros dos océanos.
E en 2016, no meu libro Poemar
o mar incluía outro poema que amosaba de novo esa faciana que o mar ten
de devorar aos seus fillos.
A tristura invádeme
fondamente.
Amo e odio o mar nestas
circunstancias.
Téñolle moito respecto, medo
-nalgúns casos- e sinto por el un desexo enorme de fundirme coas súas esencias.
Pero en situacións coma
estas, repudio o seu comportamento e fico desanimado vendo as súas
consecuencias.
Cos homes e mulleres do mar,
SEMPRE!
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO