TÍTULO: O
lobo de area.
AUTORA: Asa Lind.
EDITORIAL: Kalandraka. Colección: SETELEGUAS.
A
editorial Kalandraka achégalles aos
lectores novos pero tamén a todos aqueles que se deixan levar polo poder
evocador das palabras, esta fermosa historia da escritora e xornalista sueca Asa Lind, que gañou o Premio Nils
Holgersson (outorgado polas bibliotecas de Suecia) no 2003 e que agora, grazas
á tradución ao galego de Antón Lado
podemos gozala na nosa lingua.
O lobo de area,
preséntanos a Zackarina, unha nena que vive cos seus pais nunha casa á beira do
mar. A súa é unha vida normal aínda que, ás veces, lle gustaría pasar máis
tempo cos seus pais, compartir xogos, conversas, lecturas...pero o ritmo
vertixinoso da sociedade actual non fai posible os seus desexos. Para paliar a
tristura, o enfado e mesmo o aburrimento, acubíllase no mar e no seu máxico e
misterioso amigo invisible: o lobo de
area. Amigo que a axudará a entender
o estraño mundo dos adultos e a poñerlles nome a certas emocións como o enfado,
a ledicia, a frustración pero tamén a tenrura, a complicidade da amizade ...
coma partes integrantes do ser humano.
A
través de 15 capítulos curtos con cadanseu título suxestivo ( “Non fan máis que traballar e traballar”, “Demasiada leria”, Zackarina e a
escuridade”...) a autora mergúllanos na grandeza do universo infantil,
capaz de captar incongruencias no mundo dos adultos, á vez que nos abre a porta
á reflexión da visión da realidade baixo a ollada da protagonista. A linguaxe
coidada, poética, directa e expresiva, non exenta de humor( como corresponde á
desbordante imaxinación da protagonista) permite que chegue a todos os
lectores.
Asa Lind |
As
delicadas ilustracións de María Elina danlles vida a Zackarina e
ao lobo de area e están en sintonía co ton textual.
Páx.22:
“...E ese é o verdadeiro sentido do
traballo,que despois te sentes feliz cando descansas e fas o que che dá a gana.”
Páx.55:
_” Que todo salta e brinca dentro do
corpo cando se está medrando, coma flocos de millo por todas as partes!-dixo o Lobo de Area-.Sábelo ti e seino
eu...Pero os adultos xa non medran, e esqueceron como era.”
Páx.70:
“ Coa boca chea de puré de patacas,
explicoulle a papá que tanto el coma ela eran anacos de universo, igual ca calquera estrela, e que o infinito
non era para nada algo afastado, porque existía en todas as partes e en todo o
tempo.”
Páx.100:
“ A última raiola do sol desapareceu no
mar. As escuridades que levaban todo o
día descansando nas sombras baixo as árbores estiráronse e saíron dos seus agochos.”
ALBA PIÑEIRO
ALBA PIÑEIRO