lunes, 20 de mayo de 2019

REMUÍÑO DE LIBROS (62) "Os contos da avoa Pepa", de Francisco X. Fernández Naval







AUTOR: Francisco X. Fernández Naval.




ILUSTRACIÓNS: Manolo Figueiras.




EDITORIAL: Kalandraka. Colección: SETELEGUAS.






Os contos da avoa Pepa supón unha nova achega do escritor Francisco X. Fdez Naval ao panorama da nosa Literatura, desta vez, dirixida ao mundo infantoxuvenil a través destas historias que representan a memoria entrañable que afonda no corazón de todos aqueles lectores que se deixen levar pola emoción contida dentro delas.

      Trátase dunha merecida homenaxe a todos aqueles transmisores da literatura oral, popular coma un elo imprescindible dentro da cadea da vida, das emocións e dos sentimentos verbalizados pola palabra para nomear tanto a realidade que se entende coma a que non. A memoria da  súa protagonista, a avoa Pepa, actúa coma fío condutor destas once historias, debullando, gran a gran, as lembranzas de nena dos contos que o seu avó Bintil lle contaba e por medio dos que puido apreixar o mundo dos soños, das emocións, da tenrura …pero tamén do medo, da natureza, do verosímil e do intanxible para podérllelo contar, á súa vez, aos seus fillos e netos. Dun xeito sutil, cargado de afecto, admiración e tenrura cara á figura da avoa Pepa, o autor desvela a crueldade do Alzhéimer e o poder da palabra para dotar de identidade a realidade.

Francisco X. Fernández Naval (Foto de Maribel Longueira)

     Nos once relatos o autor válese do emprego dunha prosa fluída, clara e poética, chea de riqueza léxica, para chegar directo ao corazón dos lectores, provocándolles diferentes sensacións. Para os adultos vai supoñer unha viaxe cara ao pasado onde a memoria se mestura coa palabra escoitada na voz das avoas e dos avós que nos introducen no mundo máxico das fábulas, as lendas, os refráns, as cantigas, os xogos…en definitiva, na literatura popular conservada oralmente de xeración en xeración e que significa a creación no imaxinario infantil das primeiras percepcións do universo circundante. Aos  lectores máis novos vailles permitir ter o coñecemento dun mundo, que na actualidade, en moitos casos, está a desaparecer. Un mundo que contrasta co deles, demasiadas veces virtualizado e mecanizado e que lles amosa outro xeito de relacións, de expresión e de entendemento.

Ilustración de Manolo Figueiras

Páx.55: “ A avoa Pepa sabe que é imprescindible a enerxía eléctrica, pero pregúntase se non sería posible que os encoros existisen sen acabar cos peixes e as lontras, e sen destruír as praias e os campos que, ao cabo, son a ledicia e o gozo de todos nós.”

Páx. 74: “ Durante días todos estiveron tristes. Pero, ao cabo, comprenderon que Roi tomara libremente a decisión de marchar, porque quizais lle chegara o tempo de estar só, de repasar a súa vida, de se perder no mundo das lembranzas e dos soños.”

     As ilustracións coloridas e vivas de Manolo Figueiras danlle vida á memoria da avoa Pepa.


                                                                                              ALBA PIÑEIRO