AUTOR: Francisco X. Fernández Naval.
EDITORIAL: Kalandraka. Colección: SETELEGUAS.
Os contos da avoa Pepa supón unha nova achega do escritor Francisco X. Fdez Naval ao panorama da nosa Literatura, desta vez, dirixida ao mundo infantoxuvenil a través destas historias que representan a memoria entrañable que afonda no corazón de todos aqueles lectores que se deixen levar pola emoción contida dentro delas.
Trátase
dunha merecida homenaxe a todos aqueles transmisores da literatura oral,
popular coma un elo imprescindible dentro da cadea da vida, das emocións e dos
sentimentos verbalizados pola palabra para nomear tanto a realidade que se
entende coma a que non. A memoria da súa
protagonista, a avoa Pepa, actúa coma fío condutor destas once historias,
debullando, gran a gran, as lembranzas de nena dos contos que o seu avó Bintil
lle contaba e por medio dos que puido apreixar o mundo dos soños, das emocións,
da tenrura …pero tamén do medo, da natureza, do verosímil e do intanxible para
podérllelo contar, á súa vez, aos seus fillos e netos. Dun xeito sutil, cargado
de afecto, admiración e tenrura cara á figura da avoa Pepa, o autor desvela a
crueldade do Alzhéimer e o poder da palabra para dotar de identidade a
realidade.
Nos once relatos o autor válese do emprego
dunha prosa fluída, clara e poética, chea de riqueza léxica, para chegar
directo ao corazón dos lectores, provocándolles diferentes sensacións. Para os
adultos vai supoñer unha viaxe cara ao pasado onde a memoria se mestura coa
palabra escoitada na voz das avoas e dos avós que nos introducen no mundo
máxico das fábulas, as lendas, os refráns, as cantigas, os xogos…en definitiva,
na literatura popular conservada oralmente de xeración en xeración e que
significa a creación no imaxinario infantil das primeiras percepcións do
universo circundante. Aos lectores máis
novos vailles permitir ter o coñecemento dun mundo, que na actualidade, en
moitos casos, está a desaparecer. Un mundo que contrasta co deles, demasiadas
veces virtualizado e mecanizado e que lles amosa outro xeito de relacións, de
expresión e de entendemento.
Páx.55: “ A avoa Pepa sabe que é imprescindible a enerxía eléctrica, pero
pregúntase se non sería posible que os encoros existisen sen acabar cos peixes
e as lontras, e sen destruír as praias e os campos que, ao cabo, son a ledicia
e o gozo de todos nós.”
Páx. 74: “ Durante días todos estiveron tristes. Pero, ao cabo, comprenderon
que Roi tomara libremente a decisión de marchar, porque quizais lle chegara o
tempo de estar só, de repasar a súa vida, de se perder no mundo das lembranzas
e dos soños.”
As ilustracións coloridas e vivas de Manolo Figueiras danlle vida á memoria
da avoa Pepa.
ALBA PIÑEIRO