TÍTULO: Lúa en Ningures.
ILUSTRACIÓNS: Laura
Veleiro.
EDITORIAL: Xerais. Colección: Merlín.
A escritora e
mestra Beatriz Maceda achégalles aos
lectores a partir de nove anos esta historia real, que nos debería facer
reflexionar ante a situación vivida pola súa protagonista e familia, ao ter que
fuxir da súa terra, o seu fogar, o seu país por mor da guerra. É a historia da
incerteza, do horror, da devastación física e moral contada a través da ollada
infantil de Lúa.
Lúa non entende
que sucede, por que o avó (alguén tan especial e necesario para ela) non quere
marchar con eles, por que teñen que deixar o seu mundo coñecido por un Ningures
onde as palabras: refuxiados, fuxir, guerra, enfermidade, morte, paz, amizade,
miseria, inhumanidade... van enchendo o seu mundo infantil, non coma mostras de
riqueza léxica, senón como sinais da barbarie que crea outro mundo cheo de
sufrimento.
Será grazas, en boa parte, ás palabras e aos seus debuxos
como consiga coa axuda dos seus amigos, darlle certa cor á contorna tan gris na
que sobreviven. Palabras procedentes dos seus recordos cando eran felices e
tanto o seu pai (profesor) coma a súa nai (ilustradora) tiñan ese brillo nos
ollos, que tanto bota en falta, xunto coa complicidade e a tenrura do avó.
Deste garda un tesouro, O Principiño,cuxas
verbas permitiranlle crear faragullas de luz nesa atmosfera onde a hipocresía
se está asentando.
Trátase pois dun
fermoso, aínda que duro, alegato do beneficioso da lectura coma detonante
antibélico, en prol da humanidade. Escrito cunha prosa directa e estruturado en
oito capítulos curtos polos que transcorre a trama e nos que os lectores
sentirán moi próxima a historia. Ademais conta ao final cos dez principios da Declaración dos Dereitos da Infancia, que demasiadas veces se esquecen.
As ilustracións
de Laura Veleiro danlle vida e cor á
historia, focalizada sobre todo nos seus personaxes.
“Un refuxiado é unha
persoa que se ve obrigada a abandonar o seu país por causas políticas, por unha
guerra...”Páx.23.
“...e lembrei
esa frase do Principiño que di: Pregúntome se as estrelas se iluminan co fin de
que algún día cada un poida atopar a súa.”Páx.25
“Xa ninguén
lembra a Declaración de Dereitos da Infancia?Xa ninguén lembra que todos os
seres humanos somos iguais?”.Páx.80
“A Declaración
aprobouse o 20 de novembro de 1959, de maneira unánime, polos setenta e oito
Estados que daquela formaban parte da ONU.
Ten razón Lúa,
co paso do tempo hai cousas que se van esvaecendo. Pero de nós depende que non
sexa así.”Páx.126
ALBA PIÑEIRO