Luis García Gil |
Jacques Brel |
Luis é tamén autor dun dos poucos libros escritos orixinalmente en español sobre Brel. Titulado Jacques Brel, una canción desesperada (Ed. Milenio, 2009), é un traballo excelente no que se repasan tanto a traxectoria vital do chansonnier belga como a súa obra musical e poética. A min sempre me interesaron esas biografías que teñen moi en conta a produción artística do personaxe de quen se ocupan, xa que adoita ser a razón principal pola que me achego a este tipo de libros. E, sen dúbida, isto ocorre nesta biografía de Brel, na que Luis traballa baixo a idea de que a vida do cantautor belga é indisociable da súa concepción poética e musical. Calquera que desexe coñecer a Brel máis en profundidade ten unha cita inexcusable con esta obra, que na nosa conversación tomamos coma excusa para falar de Brel, de música, de literatura, de poesía e de moitas outras cousas que agardo que vos resulten interesantes. Déixovos aquí abaixo o podcast completo, desexando que a súa escoita vos leve a coñecer un chisco mellor a figura de Jacques Brel e, se cadra, a desempoar e voltar a gozar cos seus discos.
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ