viernes, 29 de septiembre de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (33) "As terapias da doutora Ledicia", de Raquel Castro






TÍTULO: As terapias da doutora Ledicia.
 
AUTORA: Raquel Castro.

ILUSTRACIÓNS: Almudena Aparicio.

EDITORIAL: Galaxia. Colección: Árbore.





As terapias da doutora Ledicia é unha comedia que chega da man da editorial Galaxia na colección Árbore e que supuxo a primeira obra publicada da súa autora Raquel Castro, profesora e con ampla experiencia vencellada ao mundo do teatro.
Ademais esta peza teatral vén avalada polo Premio de Honra nos premios Estornela de Teatro da Fundación Xosé Neira Vilas no 2014.
 
Raquel Castro
     Tanto a súa estrutura  -consta dun único acto e dúas escenas- coma o seu contido están destinados a atraer a atención do lector pois están elaborados con dose de humor ben salferido, chegando mesmo, ás veces, a producirse certas situacións absurdas que non desentoan porque son levadas dun xeito natural.

     A doutora Ledicia é unha psiquiatra e psicóloga acostumada a traballar terapias en grupo e con sona de solventar os máis diversos males interiores. As súas terapias baséanse na risa, nas apertas e nas cancións como métodos infalibles para afastar a tristura e achegar a felicidade de estar a gusto con un mesmo. Conta coa colaboración de Carolina para axudala a levar a consulta adiante.
 
Il. de Almudena Aparicio
     Ao longo das dúas escenas un elenco variado de pacientes van chegando  para participar das terapias. Deste xeito, aparecen: Euloxio Ribeiro máis coñecido por ser o home do saco; Armando Xesteira, o apalpador; Antón Fontao, un lobishome; as tres Marías; María dos Meles, María Castaña e María Silveira. Todos eles veñen porque non son felices ao perderen a súa identidade mantida ao longo do tempo grazas á tradición oral, pero que agora, cos tempos que corren semella que xa non son útiles. A este grupo súmase unha muller vella que acode á consulta porque precisa de xente coa que falar, rir e cantar. Con paciencia, agarimo e intelixencia a doutora Ledicia logrará o seu obxectivo.



     
     As vivas ilustracións de Almudena Aparicio dotan de vida os diferentes personaxes.

                                                                                                       ALBA PIÑEIRO