TÍTULO: As terapias da doutora Ledicia.
AUTORA: Raquel
Castro.
ILUSTRACIÓNS: Almudena
Aparicio.
EDITORIAL:
Galaxia. Colección: Árbore.
As terapias da doutora
Ledicia é unha comedia que chega da man
da editorial Galaxia na colección Árbore e que supuxo a primeira obra
publicada da súa autora Raquel Castro, profesora
e con ampla experiencia vencellada ao mundo do teatro.
Ademais esta peza teatral vén avalada polo Premio de Honra nos premios Estornela de
Teatro da Fundación Xosé Neira Vilas no 2014.
Tanto a súa
estrutura -consta dun único acto e dúas
escenas- coma o seu contido están destinados a atraer a atención do lector pois
están elaborados con dose de humor ben salferido, chegando mesmo, ás veces, a
producirse certas situacións absurdas que non desentoan porque son levadas dun
xeito natural.
A doutora
Ledicia é unha psiquiatra e psicóloga acostumada a traballar terapias en grupo
e con sona de solventar os máis diversos males interiores. As súas terapias
baséanse na risa, nas apertas e nas cancións como métodos infalibles para
afastar a tristura e achegar a felicidade de estar a gusto con un mesmo. Conta
coa colaboración de Carolina para axudala a levar a consulta adiante.
Ao longo das dúas
escenas un elenco variado de pacientes van chegando para participar das terapias. Deste xeito,
aparecen: Euloxio Ribeiro máis coñecido por ser o home do saco; Armando
Xesteira, o apalpador; Antón Fontao, un lobishome; as tres Marías; María dos
Meles, María Castaña e María Silveira. Todos eles veñen porque non son felices
ao perderen a súa identidade mantida ao longo do tempo grazas á tradición oral,
pero que agora, cos tempos que corren semella que xa non son útiles. A este
grupo súmase unha muller vella que acode á consulta porque precisa de xente coa
que falar, rir e cantar. Con paciencia, agarimo e intelixencia a doutora
Ledicia logrará o seu obxectivo.
As vivas
ilustracións de Almudena Aparicio
dotan de vida os diferentes personaxes.
ALBA PIÑEIRO