AUTORA: Iria Collazo López
ILUSTRACIÓNS: Luz Beloso
EDITORIAL: Galaxia
COLECCIÓN: Costa
Oeste
Sorprendérame coa novela Coma
unha áncora (Galaxia, 2015) pola súa pulcritude lingüística e a
capacidade de artellar unha obra de debut excelente.
Iria Collazo López
(Bueu, 1981) conseguiu darlle a unha historia mariñeira arredor dun naufraxio
un plus de literatura amorosa dunha enorme forza. Pensei, axiña, que estabamos
diante dunha narradora cunha potencia narrativa exemplar e cun futuro
excepcional na nosa literatura.
Iria Collazo López |
Acabo de rematar un novo libro desta autora. Un libro de relatos moi especiais. Unha literatura de personaxes e de espazos que teñen vida de seu. Acabo de rematar, pois, A soidade das medusas (Galaxia, 2016), unhas historias que me fan pensar, que deixan portas abertas ao inexplicable, que presentan encrucilladas que levan o lector a asumir se existiron ou non.
Personaxes estes e estas de A
soidade das medusas que procuran entenderse a si mesmos e, ademais,
comprender o que domina os seus universos particulares. Non sempre o conseguen.
Son seis relatos independentes pero que teñen algo en común. Algo que, dalgún xeito, os encadea. Por exemplo, o primeiro, “Náufrago”, posúe unha intensidade dramática evidente. Un escritor está pechado contra a súa vontade nun apartamento no medio de rañaceos que o afogan. (“Confuso, tatexa algo inintelixible durante un breve lapso de tempo mentres lle tremen as mans. Está pálido e débil…”) a autora describe marabillosamente o estado de ánimo do protagonista, crea un espazo opresivo e consegue darlle un ton angustioso nada doado. O lector entra no apartamento e chega a sentirse abafado polas circunstancias. Excelente.
Nos demais aparecen personaxes na procura
de obxectivos persoais: unha fotógrafa, Helga Sjörgen, pretende voar por riba
das cabezas que a liberaran sen mirar nunca atrás (e estará esta muller
relacionada con outro personaxe dun relato do libro?). Unha pianista de éxito
(poderá ser contada a súa historia?) vive unha situación confusa na que, tras
ver unha imaxe nun espello, sabe que vai deixar de existir. Un vello
inconsciente no hospital, co seu xenro á beira, provoca nel desexos de que non
esperte, mais o ancián abre os ollos de súpeto, fíxaos durante moito tempo e
semella querer recuperar o tempo perdido… E así, todos e cada un deles. Razóns
para sentírmonos setres humanos nas nosas deficiencias.
Seis relatos que, dende logo, teñen un
leve vínculo entre si. Seis relatos dunha intensidade narrativa enorme. Seis
relatos nos que “un elemento inquietante” está presente para desconcerto dos
seus protagonistas. Seis relatos que acadan momentos de tensión, medo ou
desacougo. Seis relatos moi ben escritos por Iria Collazo López que arrisca
(non é un libro que se lea sen prestar moita atención), que ten ambición
literaria, que sacode o inmobilismo lector, que demostra que vai camiño de ser
unha das voces narrativas máis importantes da nosa LIX.
Bo complemento son as ilustracións da
magnífica Luz Beloso. posúen unha
expresividade digna de atención. Unha boa escolla a desta ilustradora que neste
libro dá un ton vitalista e moderno ás súas imaxes.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO