Di Fran Alonso que a poesía para as primeiras idades está moi apegada
á tradición e que queda na convención. Que esquece que hai unha parte
importante da poesía que é gráfica, é dicir, que se pode ler coa vista, como se
fose un cadro. E considera que debido ao déficit na incorporación da poesía
visual e doutros achados importantes, o seu discurso vai por outro camiño para
facela máis divertida, máis próxima á sensibilidade das nenas e nenos de hoxe.
Acaba de ver a luz un poemario da súa
autoría: Poemas birollos para ler cos ollos (Edicións Xerais. Col. Sopa de Libros) É este un poemario
transgresor que habita nun potente contexto gráfico. El é o responsable do
texto, do deseño e das ilustracións do libro. Evidentemente as dúas bases desta
obra dirixida aos primeiros lectores son a poesía visual e a oralidade e bota
man, xa que logo, de cancións infantís, arrolos, sortes... revisadas e
actualizadas (Unha dúas tres / suma outra vez / ciranda cirandiña /
suma unha galiña / cigalla migalla / suma e nunca falla…)
Poemas birollos para ler cos ollos é unha proposta sorprendente, que
moderniza o xénero e non se pode entender sen ler coa vista, si, pero tamén te
empurra a gozar das palabras e a súa disposición no espazo, salientando a forza
das formas que non deixan indiferente.
Cada páxina é un convite a deitar os
sentidos do lector ou lectora e deixarse levar pola maxia das palabras (cos
seus enxeñosos tipos de letras), das cores e dos obxectos que voan polo ceo
particular das composicións.
Afirma Fran Alonso que se inspira, sobre
todo, na súa intuición e non agocha o seu desexo de buscar novos camiños. Abofé
que os atopa e pon a disposición do lectorado poemas divertidos e lúdicos para
un maior pracer desas nenas e deses nenos que precisan dunha boa poesía
infantil.
E por se non chegase con todo isto, inclúe
o libro unha ligazón a un videoxogo, porque cre o autor “que a poesía de hoxe
tamén debe ter algo de videoxogo (e neste libro a relación é moi evidente), de
interacción, de conexión, de desafío”.
Unha proposta, pois, que pode enganchar os
pequenos e os adultos, e así, en conxunto, desfruten da palabra de tradición
oral e da visualidade que a poesía pode atinguir.
ANTONIO
GARCÍA TEIJEIRO