An Alfaya |
Que compartimos bastantes cousas (as
cancións e mais a figura de Luis Eduardo Aute, por exemplo) é ben sabido e, se
non se sabe, dígoo eu.
Que me parece unha persoa sensible e
entrañable e iso reflíctese na súa obra, afírmoo rotundamente. Esa é unha das
razóns pola que a sinto preto.
Tampouco non vou se eu quen descubra a
esta narradora cun universo literario orixinal e profundo.Ela non o precisa.
Está, por méritos propios, moi valorada. É unha magnífica escritora.
Pero, talvez, moitas persoas non saiban
que é unha autora de teatro brillante. Que ten escrito obras para que os seus
lectores e lectoras gocen dese xénero tan esquecido como é o teatro. Obras que
se len de marabilla e que representalas fan as delicias de quen desenvolve
algún papel nelas, e daqueles que asisten ás representacións.
Eu mesmo, hai uns anos, puxen de lectura
na miña aula de 6º de Primaria o seu estupendo libro O maquinista Antón.
Precisamente este libro é un dos
protagonistas do texto que An escribiu para Versos e aloumiños.
Tardou en facelo, pero cumpriu.
Estamos moi satisfeitos, os que lle
damos forma a este blog-revista, de recibir un artigo como o que podedes ler
deseguido. Teatro en estado puro. Un percorrido ben interesante polas experincias teatrais desta autora "neste mes de xulo que esmorece, nas súas propias palabras".
Grazas, outra vez, polo teu agarimo e a
túa xenerosidade.
Que o teatro chegue aos recónditos
recunchos deste mundo tan necesitado desa farándula da que nos fala An!!!
Unha representación da Escola Municipal de Teatro de Vigo |
VERÁN DE FARÁNDULA
Abrir
as xanelas ao verán supón descorrer un pano imaxinario e deixarnos levar polo
que nos ofrece o espazo escénico da vida... Quizais a frase resulte un chisco relambida, daquela vou contar en prosa as miñas experiencias
teatrais neste verán onde xullo xa esmorece.
Todo comezou a finais de maio e
principios de xuño. Alumnos do colexio Sárdoma Moledo de Vigo puxeron en pé a
peza “O maquinista Antón” como actividade de fin de curso. Unha oferta artesanal,
falta de medios, mais feita con agarimo. As faíscas que brillaban nos ollos dalgúns
rapaces buscando a miña aprobación abondaron para que pagase a pena
acompañalos.
Ilustración de Santy Gutiérrez |
Poucos días despois acudín ao centro
Eusebio da Garda de A Coruña, onde volveu ser protagonista o mesmo texto, neste
caso nun encontro literario, onde puiden
intercambiar co alumnado e o profesorado enriquecedoras impresións sobre o
libro e as posibilidades do teatro como actividade lúdica, chegando á
conclusión de que nos permite expresar as nosas emocións, potenciar a creatividade,
liberar tensións e gozar como lectores, dinamizadores, creadores ou
espectadores.
E como espectadora, convidada por Eva
Vila, profesora da Escola Municipal de Teatro de Vigo, polas mesmas datas achegueime
ao Auditorio do Concello, onde asistín á mostra dalgúns dos espectáculos teatrais
que alí se presentaron, tres deles coordinados por esta docente: “A estrela
Volarina na torre Coralina”, da miña autoría, “A Cea” de Els Joglars, e “O embruxado” de Valle
Inclán, levadas á escena por intérpretes de diferentes idades, abarcando a
infancia, a adolescencia e os adultos. Tres propostas dignas que encheron de
ledicia aos asistentes. A imaxinación, o traballo e a entrega de cantos
participaron nas propostas, que fago extensivas
a Yerma de F. G. Lorca, baixo a dirección de Leonel G.Laborde, tamén profesor
da Escola, reconcilioume cun tempo que xa cría esquecido da miña mocidade.
E seguindo esta crónica teatral debo
engadir que, un café e unha conversación agradable na cafetería “La Negrita”
con Ricardo Solveira, profesor da ESAD, Escola Superior de Arte Dramático de
Vigo, propiciou que recibise una nova invitación, e tivese a fortuna de ser
unha das privilexiadas asistentes á
función-proba final de fin de curso dun grupo de alumnos de primeiro de
carreira.
ESAD (Vigo) |
Meus ollos gozaron cunha amálgama de imaxes de gran plasticidade que agromaron dun texto
tan poético como rico en matices, escrito por una exalumna, onde se conciliaban
con harmonía a interpretación corporal coa textual. Os meus parabéns a todo o
equipo.
Chegado a este punto, e tendo
coñecemento de que na rúa Colombia de Vigo, da man dos nomeados Eva Vila e
Leonel, baixo o amparo da asociación cultural Teatro Aforo, nacía un espazo
teatral con vocación de obradoiro, sen renunciar á presentación de mostras
teatrais esporádicas, e con aspiración de continuidade, achegueime durante dúas fins de semana consecutivas
ao local.
Presentábanse catro microescenas, Caricia
(Sergi Bebel), Anticorversas de Kareto Teatro (Patricia Meira), 36m3 de Arte
Pingüe Teatro (José Mejuto), e Peseta,
Cabalo, Mazá (Aurel e Dafne Míguez), así como o espectáculo Microvidas, tamén de Arte Pingüe (José
Mejuto), onde fun espectadora da diversidade interpretativa de alumnos
mesturados con mestres, propoñendo pezas de corte dramático, a meirande parte de
creación propia, e ofrecendo micromomentos de gran intensidade emocional.
Arte Pingüe Teatro |
Para completar o círculo deste verán
onde brilla a dramaturxia, tiven o atrevemento de regresar ás miñas orixes,
naqueles tempos da xuventude onde gocei dabondo formando parte de Teatro
Avento, agrupación que afortunadamente aínda hoxe sigue rulando e ofrecendo bos
momentos de entretemento.
Daquela, sabendo que o espazo recén inaugurado na rúa Colombia de Vigo baixo os auspicios de Teatro Aforo ofrecía varios obradoiros de interpretación durante o mes de xullo, enfocados tanto ao alumnado infantil como ao adulto (teatro de monicreques, interpretación ante a cámara, commedia dell´Arte, expresión corporal, iniciación á interpretación, e interpretación segundo a técnica de Chejov), decidín esquecer vellos prexuízos e participar nun deles.
Mikhail Chejov |
A
miña elección foi Chejov. Da man habelenciosa de María Francelina, profesora da
ESAD, durante vinte horas concentradas nunha semana, mergulleime na ousada
tentativa de recrear durante uns minutos unha secuencia da vida da incombustible
Bernarda de F.G.Lorca, onde a
importancia da creación no residiu no texto, senón nas distintas atmosferas
exploradas, e onde a máxima do obradoiro partía do concepto de totalidade.
Xunto con A casa de Bernarda Alba, o
resto do participantes achegáronse baixo a mesma premisa ao desconcertante
mundo shakesperiano de Macbeth e Hamlet, así como a Esperando a Godot de
Samuel Becket. Un gozoso atrevemento onde vibrou o traballo, o entusiasmo e as
ganas de participar nunha actividade cargada de enerxía positiva, baseada fundamentalmente
na exploración de distintas atmosferas para conseguir a creación dun personaxe.
Un traxe á medida que, máis aló do ámbito teatral, transportoume e
reconcilioume cunha etapa adormecida da miña vida.
E non se me ocorre mellor xeito para rematar este periplo estival que propoñendo tres libros de teatro; recomendo vivamente
a súa lectura, quizais máis doada nestes días, para moitos de lecer; un destinado
aos lectores adultos, Chegamos a unha
terra gris de Raúl Dans, outro
enfocado cara á infancia, Os reloxos
preguiceiros de Néboa de Xabier Lama, ambos editados en Xerais, e o
terceiro de monicreques, O punto da
escarola de X.A.Neira Cruz, editado
en Baía Edicións; tres premios Barriga Verde de xa hai uns anos. Calidade
dramática e bo verán de farándula!
AN ALFAYA