Existen moitas maneiras de pasar o primeiro día do
ano.
Cando era mozo, tras a
cea de Noitevella, perdíame en ben diferentes diversións ou conversas na casa
dos amigos, deitábame tarde e adoitaba dicir que o 1 de xaneiro só existía nos
almanaques.
Agora, será sen dúbida
pola idade, os hábitos cambian.
Hai quen dorme case ata
a noite, despois dunha longa festa. Hai quen mantén a súa fidelidade ao
Concerto de Aninovo (este ano vouno mercar para saborear o programa que propuxo o meu admirado Barenboim) e plántase diante do televisor para gozar da música dos
Strauss (non Richard, por suposto) ou quen queda fascinado cos tradicionais saltos
de trampolín sobre a neve.
Neste primeiro día de xaneiro, nós decidimos
facer unha macrosesión cinematográfica na casa para comezar 2014. Unha especie
de sesión continua á vella usanza. Si, tres películas ao longo da tarde, que
nos levaron directamente ata a noite. Apetecíanos e así foi.Eliximos, das catro
escollidas para a ocasión (quedou fóra, que rabia!, volver a ver O Vampiro de Düsseldorf do gran Fritz Lang) tres filmes ben distintos:
unha comedia musical de culto, un documental e unha de corte
dramático-romántico.
Comezamos a longa
sesión coa película The Blues Brohers Band (Pícaros a todo ritmo). Había ben tempo
que tiña ganas de vela. Os Blues
Brothers son xeniais cantando e bailando. Para os melómanos coma min, ver a
participación no filme de músicos tan grandes coma James Brown, Cab Calloway, Aretha Franklin, Ray Charles, Steve Cropper
ou John Lee Hooker, supón todo un acontecemento.
Pícaros a todo ritmo
é unha comedia aceda e irreverente. Frenética, sen límites, con moita acción,
cun humor intelixente que a un lle permite gozar. Nela, atopas planos moi
conseguidos, grandes doses de ironía, sarcasmos, loucuras, crítica e brillantes
coreografías cunha BSO de moi alto nivel. O rythm
& blues está presente durane toda a fita, algo que agradecemos os que
amamos a boa música.
John
Belushi e Dan Aykroyd,
dirixidos por John Landis, están
espléndidos e desenvolven o seu papel con graza e convicción. Non me defraudou
esta comedia.
Tras uns quince ou
vinte minutos de descanso, continuamos coa velada.
O espírito do ´ 45,
do controvertido Ken Loach comezou a
xirar no lector. Houbo que abandonar as risas do filme precedente. É este
documental, moi aplaudido na Berlinale,
un ataque feroz contra o capitalismo e unha reivindicación das políticas
sociais levadas a cabo en Gran Bretaña despois da Segunda Guerra Mundial. Ken Loach reivindícaas e é, neste
terreo, onde se atopa a gusto porque sabe do que fala. Un documental con enorme
vixencia na actualidade, no que, cunhas imaxes memorables, vai narrando en boca
dalgúns dos seus protagonistas os logros do goberno laborista dos anos corenta
no eido do transporte, da minería, do plan de vivendas, da electricidade, na
educación, do ferrocarril e a creación do Servicio Nacional de Sanidade que
garantía unha cobertura aos traballadores descoñecida ata ese momento.
Pero as poutas do
capitalismo atroz, que representa – como non!- a figura de Margaret Thatcher,
acabará desmantelando un estado de benestar que tanto costou artellar tanto no
social como no económico. Nacionalización dos servicios básicos fronte á
privatización capitalista.
Imposible non ter
presente a situación que estamos a vivir, ateigada de políticos corruptos,
mentirosos, incapaces e insensibles ao empobrecemento real da poboación que
está a provocar feitos lamentables.
Cando rematou este
filme rodado en branco e negro, agás os fotogramas finais, poucas ganas tiñamos
de falar. É moi san ver estes documentais para reflexionar sobre a cruel
actitude dos dirixentes, das entidades financeiras, da industria farmacéutica e
demais, que afogan sen escrúpulos aos cidadáns no seu propio beneficio.
A terceira película, Unha
mente marabillosa, dirixida por Ron
Howard, foi unha fita que deixei pasar no seu momento nos cines. Non me
seducía. Doce anos máis tarde, merqueina en blu-ray
a un prezo axeitado e decidimos vela.
Pechou a macrosesión
este filme de máis de dúas horas de duración. Un filme eficaz no que destaca a
enorme interpretación de Russell Crowe.
O seu papel, para min nada doado, compensa calquera posible deficiencia que ao
longo desta fita alguén poida observar. Contido, expresivo sen alardes, moi
metido no seu personaxe, dominando as diferentes situacións interpretativas, Crowe dá vida maxistralmente a John Nash, un matemático excéntrico e moi
brillante con enormes problemas de personalidade. Debo salientar aquí que as
escenas dos ataques de esquizofrenia que sofre o protagonista están
interpretadas marabillosamente polo actor australiano.
Unha película, talvez
con trampas; talvez cunha historia do prestixioso matemático algo deformada
tendo en conta a complexidade da súa vida; talvez bastante previsible, epidérmica; ambiciosa,
brillante no seu conxunto, pero un filme para cerrar esta longa sesión que
gozamos intimamente.
Como podedes
comprender, unha forma encantadora de comezar o novo ano.
Feliz 2014, amigos!!!
E bo cine!!!