Entrar no cuarto de Van
Gogh en Arles foi un desexo que acariciei durante bastante tempo. Como era
imposible, decidín facelo no cadro que o representa. E abofé que me sentín moi
a gusto dentro; miraba pola ventá, sentaba a ler na cadeira e ata botei una soneca
sobre a cama do pintor. Iso foi hai xa ben tempo. Por iso, agora, cando Faktoría K de Libros publica un fermoso
libro que permite ao lector ou lectora entrar no cadro, explorar este
particular universo de Van Gogh, descubrir a beleza de cada recanto, non podo menos
que alegrarme moi fondamente. O seu título: Un cadro de Van Gogh.
O álbum está coidado ao
máximo, algo habitual nesta editorial que nos anima a gozar con cada
volume que
tira do prelo. Da man de Claire D’Harcourt, percorremos este
espazo atractivo, reproducido en detalles que serven á autora para poñer textos
ben relacionados, a partir da súa propia experiencia sensorial e das palabras
que Vincent escribiu, nas súas famosas cartas, ao seu irmán Teo.
Claire D´Harcourt |
Falándolle do cuarto,
sinxelo e con mobles rústicos, di o pintor: “Coas
formas cadradas dos mobles quero expresar a tranquilidade”. E un vai
pasando as follas plastificadas de cada detalle da obra e saborea as formas, a
intensidade das cores tan vivas, as pinceladas rápidas e sinuosas do artista e
a voz da autora semella moumear no oído palabras delicadas que te introducen na
linguaxe propia das cores e dos obxectos pintados. Unha viaxe emotiva e poética
por ese universo tan particular do pintor holandés.
E a min, que tanto me
gustan os seus retratos, prodúcenme alegría estas palabras de Van Gohg: “Comprei expresamente un espello para poder
traballar sobre a miña propia imaxe”. Non podemos esquecer que pintou preto
de corenta autorretratos como afirma Claire
D’Harcout. Un libro fermoso, enriquecedor, ao que non lle falta nin lle sobra
nada, que fai as delicias de todos aqueles que decidan achegarse a el.
Un libro
cheo de poesía sensorial, de lirismo verbal que se pecha coa lámina
plastificada dese óleo maxistral pintado sobre tea por un dos mestres
indiscutibles da pintura de sempre.
En definitiva: despois
de moito tempo volvín pasear polo cuarto no que tantas veces soñei coa vida.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO