viernes, 16 de agosto de 2013

A LUZ DAS PALABRAS ( 27 ) Antón Cortizas



Tiña que estar aquí.
A súa voz importa (e moito).
Se sae máis tarde do desexado foi por agardar pola súa foto. Esa que nunca chegou.
Antón é un despistado delicioso.
Unha persoa excelente.
Antón Cortizas escribe moi ben.
Se fai poesía, deléitanos coas súas recreacións das formas e os temas populares. Un verdadeiro mestre.
Se escribe novelas, atopamos un Antón Cortizas involucrado no mundo que vive.  Intensidade na escrita, espírito poético e unha sensibilidade moi acentuada en todo o que aborda.
Un escritor que esixe aos seus lectores e lectoras.
Un escritor que non baixa o nivel da calidade nas súas obras.
Un gran creador de personaxes.
Un fabulador dunha consistencia que percibimos en todo o que lemos escrito por el.
Poeta e narrador. Dúas caras que se complementan perfectamente.
Mais Antón é un amante, convertido en especialista, de todo o tradicional. Diso moi noso que nos rodea, aínda que , demasiadas veces, non reparemos na súa importancia.
El ponnos preto, por exemplo, xogos tradicionais de Galicia, nun libro extraordinario, Chirlosmerlos, verdadeira enciclopedia da tradición lúdica do pobo.
E por se iso fose pouco, tras moitos anos de traballo e investigación, tira do prelo outra enciclopedia imprescindible, Tastarabás, na que en máis de mil páxinas cataloga brincadeiras, enredos e demais da nosa cultura do xogo.
Un volume impresionante de divulgación no que Antón Cortizas recompila a meirande parte dos xoguetes tradicionais que forman parte da cultura de noso. Brinquedos do mundo animal, vexetal e inanimado. Xoguetes de habilidade, de enxeño, sonoros, bonecas etc. Un libro que fai historia. Unha historia das habilidades lúdicas que o ser humano posúe e que resultan  imprescindibles para coñecer mellor de onde vimos e quen somos. Ambos libros, por certo, editados por Edicións Xerais de Galicia.
Repito, imprescindible.
Eu quero moito a Antón Cortizas. Lembro con ledicia as estadías en Pantín, xunto á praia. Canto falabamos! Lembro o seu taller, os seus coñecementos do mundo tradicional. Sinto o seu agarimo.
Un agarimo que me demostrou cando aceptou presentar un dos meus poemarios favoritos, Paseniño, paseniño. Que honra!
E foi un luxo falar en público da súa fermosísima merla de trapo. Si, co seu libro A merla de trapo, Antón Cortizas gañou o Premio Merlín no ano 2001. Con ese libro degustei o sabor da súa palabra literaria e deixeime  acariñar polo seu feitizo fabulador. Unha xoia máis deste grande autor da nosa LIX.  Que necesario é para a literatura galega este home! Non sei se é consciente disto. Así que llo dicimos dende este blog e esperamos que os nosos lectores gocen coa súa palabra poética “para adultos” que nos enviou.
Pola miña conta, quixen poñer algunha mostra máis para os pequechos.
A ler, pois, e a deleitarse coa súa verba coidada.
                           


                                     ***********************************************



Como do libro Vaia tropa! xa puxemos uns poemas  na sección CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS, imos deixar aquí algunhas mostras dun libro que dá moito xogo na aula, Contos de vento e de nunca acabar, publicado en 1999 pola Editorial Galaxia.
 
Nº 21

Había unha vez
un can e un gato
un raposo e un galo,
un pimpín e un porco bravo,
un saltón e un cabalo…
todos enriba do meu lombo.
E xa non che conto máis
porque me pesan abondo.

Nº 17

Heiche contar un conto,
un conto que non di nada,
que comeza cun silencio
e cun silencio se acaba.

Nº 24

Era unha vez
un gato montés
que tocaba o piano
cos seus catro pés,
bailaba o fandango
e falaba francés.



 
Antón no CEIP Isaac Peral






E agora podedes ler tres magníficos poemas que nos enviou Antón Cortizas.




SE NON TIVESE VOZ



Se non tivese voz,
en que idioma calaría?

Se non tivese voz,
o tacto había ser o meu idioma.
Falaría para ti apenas con caricias,
rozaría o meu corpo co teu corpo
coma un vento estepario e minucioso
recoñecendo os mínimos segredos
da nosa indefinida xeografía.


Se non tivese tacto,
a ollada había ser o meu idioma.
Mergullaría estes ollos clandestinos
no fundo do teu riso
coa luz incomprensíbel que se xera
acuática e volátil
no átomo infantil do noso inicio.


Se non tivese ollada,
o gusto había ser o meu idioma.
Saborearía o sal e mais o azucre
de cada gabián imaxinario
e, como se onda fose, a lingua miña,
igual ca unha alentía  desfaríase
encol dos areais estratosféricos
da túa inmensidade feminina.

 

Se non tivese gusto,
o olfacto había ser o meu idioma.
Con el pronunciaría os aromas
de todas as palabras suicidadas;
e polinizaría até mil veces
cada un dos sons sentidos na saudade
até incorporalos ás cavernas
do meu nariz sedento de arrecendo
querendo e non podendo
fundir a vida enteira nun perfume.


Se non tivese olfacto,
o ouvido había ser o meu idioma.
Sería como un pozo de azucenas
disposto a xermolar
co pole matutino
que os ventos teus sen tempo me achegasen
dende as intimidades das estrelas.


Se non tivese ouvido,
sería o silencio o meu idioma.
E non diría nada
e non moumearía tan sequera
as letras do teu nome
pois imaxinaría que o silencio
sería un mergullo no roibén
dos teus beizos queimados
por todas as palabras pronunciadas.








E se por un acaso
tampouco o silencio me habitase,
rebentaría a ialma
e lanzaría un grito
volcánico e perpetuo
para recuperar as voces esquecidas,
unha a unha, e con elas,
de vagariño mais tamén sen volta,
diríache agarimos e poemas,
daríache ese bico que precisas,
levedaría cos meus aloumiños
a valga farturenta da túa pel,
moumearía unha feraz cantiga
e cheiraría os arrecendos todos
da inflorescencia azul coa que persegues
o voo fecundador das bolboretas...

Daquela, nun repente,
todas esas palabras que me forman
estourarían cheas de paxaros
lanzados ao albor como metralla
preñando de dozura o Universo
coa lingua na que isto agora escribo.


 Ferrol, Novembro/Decembro, 2007.

                        (De  Anatomía da lingua)





O AR ESTA CIUMENTO
por non rozarte toda,
que o meu corpo te cobre,
amor, por todas partes;
e as miñas mans che queiman
os montes brancuxados
que se enarbolan cunhas
intrépidas corolas.
Que está ciumento o ar
por non rodearte toda.
Os meus rebeldes beizos
coma falcóns felices
suicídanse no lume
das ansias que te avanzan;
e bícante dozura
trotando nas estepas
que florecen con merlos
salvaxes e tremendos.
Que está ciumento o ar
por non rodearte toda.

Entón, cando ti vexas,
cando sintas que afrouxo,
cando notes que o ar
se mete entre nosoutros,
apértame despacio
coma un sopro de brisa.
A modo, amor, primeiro,
pero logo coa forza
das grandes cataratas
que morren de tormenta.
Que está ciumento o ar
por non rodearte toda.



Absórbeme a pel
cos teus abrazos de auga
precipitada e libre,
e inúndame de pólvora.
Apértame como árbore
de emocionadas pólas,
coma se eu p'ra ti fose
o medo do teu sangue.
Apértame, apértame
coma se me forxases
nas brasas do alento
que queima a túa boca.
E aínda que te canses,
aínda que te sintas case morta
mantenme apertado
p'ra que o mar non me rompa,
nin me esnaquice o vento
cando xermole a aurora;
que ten ciumes o ar
porque eu te quero toda.


(De  Na beira do teu nome)







COMO ME GUSTA VER UN PAR DE VELLOS
collidos pola man nunha alameda
tomando algún outono
no mármore paciente dalgún bar;
ou lendo no xornal,
penúltimo xornal das súas vidas,
as vellas novas sempre repetidas.
Como me gusta velos ben sentados
nun banco do xardín ensombrecido
enfronte da botica
onde ambos dous controlan a tensión
de catro en catro días,
por seria prescrición facultativa
ou pura e simplemente por rotina.

Como me gusta velos agarrados,
collidos polos ombros ou do brazo,
con bolso e con bastón.
E na imaxinación véxoos moi xuntos
nun cuarto trasnoitado
mirándose e mirando
os múltiples retratos
do seu pasado mudo sobre a cómoda,
que ao lado dos perfumes,
apenas alumeados
por unha vella lámpada de mesa,
serán as testemunhas obrigadas
que absorberán as noites
cargadas de lembranzas e andoriñas.


E na imaxinación véxoos espidos
sobre unhas sabas limpas
de embozo desgastado
que un día foron xoias de enxoval.
E véxoos con dozura aloumiñaren
as flácidas enrugas dos seus corpos
coa terneza duns dedos tremorosos
que sempre atopan, sempre,
algunha illa esquecida
no meiroento mar do compañeiro.


Que gusto me dá ver
dous vellos agarrados
á nube da tenrura,
andando paso a paso
con lenta certidume
encol do fío estenso desta vida
coma funambulistas temerários,
ao tempo que confían
cos paraugas abertos
que un día rompa a corda de repente;
e suave suavemente,
co máis grande agarimo
que endexamais se deran,
botaren os dous xuntos a voar.


            Lisboa, 22-10-95

           (De  Lisvodas)




Antón con Antonio Juan K.Igerabide e Xoán Neira en Santiago