ANA MARÍA FERNÁNDEZ
(1949, Palma de Mallorca)
DO MAR…
Do mar, as ondas
que ceibes son
e as penas cheas
de mexillóns.
Do mar, piratas
e bucaneiros
e as finas redes
dos mariñeiros.
Do mar, bahías,
golfos, esteiros,
brancos coídos
coma luceiros.
Do mar, mareas
e o ceo azul
e os mil tesouros
do seu baúl.
A GARZA…
A garza branquiña,
a garza galana,
bebendo da fonte
de auga máis clara.
O corpo de nube,
as patas de cana,
parece unha sombra
de porcelana.
(Do libro ¿Quen vive aquí?, editado pola Edit.
Galaxia, 2004)