domingo, 3 de marzo de 2013

CADERNO ÍNTIMO (IV)



Páxina cuarta





Baixo a influencia da lectura duns poemas de Zbigniew Herbert


Camiño pola escoura que cobre a orde da natureza.
Levo o sombreiro calado ata as cellas, porque todo me pesa coma unha prancha de ferro.
Quero traspasar a parede dos cabelos mudos que agochan as rúas da cidade e habitar, durante un tempo, a fraxilidade dos murmurios  antes de que se convirtan en berros.
Gustaríame voar entre a xeada esgazada das voces que foxen das pirámides da friaxe.
Dar a benvida aos paxaros de cristal que ceiben cos seus chíos un condenado á escuridade.
Outrora, os vidros non estaban embazados. Había recendos a rosas amarelas.
Os reloxos facían con normalidade o seu percorrido insomne e os sorrisos aparecían reflectidos no centro dos espazos abertos.
Ata que chegou a pedra e esnaquizou o almanaque.  Esa pedra que acabou con todos aqueles  que loitaban pola luz. Esa pedra que me botou no chan. Esa pedra que me deixou cego da cabeza ata os pés. Esa pedra que me afundiu nas augas domeadas por lousas sen fiestras nin cortinas.
Vou na procura da metáfora da liberdade. Non  quero claudicar. Se comezo por esa metáfora brillante, talvez, a través das súas liñas, chegue, coma un funambulista, a albiscar os trazos perdidos do meu destino.
Dou coa miña ourella na lousa para escoitar a súa mensaxe.
Quero fuxir do silencio
e facer calar o destino.
Preciso que as sombras
apunten  máis aló da diana definitiva do fracaso.
Oio, ao lonxe, as verbas da muller que me ama.
Non as comprendo.
Tampouco sei se soan deste lado da liña da metáfora.
Pero existen. Soan. Apagan as néboas matinais. Non son dardos que feren.
Como di Zbigniew Herbert, poeta polaco, podo repetilo de novo /a miña man perderá diante da montaña / a miña gorxa é máis feble que a fonte / o meu berro non fará calar a area / coa saliva dunha metáfora (…)
Déixome  arrolar polos versos do poeta. Estou canso.
Quero confiar na oración das metáforas, malia todo.
Agardo a metamorfose da traizón.
Agardo comprender as verbas da muller que amo.
Agardo inventar buratos nas teas escuras que me poñen á beira do abismo para saber onde estou exactamente.
Aínda piso escoura, mais sospeito que, na danza dos días, quedan sendeiros menos inhóspitos.
Quizais iso quixo dicirme o poeta. Pero chegou a desconcertarme.
Quizais fose o que me bisbaban as melancólicas cancións de Suzanne Vega que aínda revoan sen parar e que se incrustan lenemente nos meus oídos. Música e palabras que me animan con dozura a intentar volver da Nada.
O VELLO SOÑADOR