domingo, 16 de diciembre de 2012

Tomar un café con Manuel Veiga

Desde hace varios años, a Antonio García Teijeiro y al periodista y escritor Manuel Veiga les une una amistad basada en los muchos intereses que ambos comparten y, en especial, en el placer que los dos encuentran en la conversación. En este artículo, una vez más escrito específicamente para este blog, Antonio nos habla de las muchas veces en que Manolo y él han conversado “tomando un café” y comenta brevemente el muy recomendable nuevo libro de Veiga, Do G ao Z: Dicionario indignado e humorístico (Edicións Xerais). Al final del artículo se incluyen algunas entradas extraídas de este diccionario tan particular.
Dende hai xa bastantes anos, Manolo Veiga e mais eu compartimos un café. Ese é o nome que lle damos porque el si toma normalmente un “manchado”, e eu, un zume de laranxa, un chocolate ou unha coca-cola, segundo as circunstancias. Levo fatal iso de que non me guste o café pero xa é vella esta leria.
Soa calquera día o teléfono e pode ser Manolo. Efectivamente, así ocorre ben veces. E, daquela, pode contarme algo que leu, como o lamentable e noxento artigo dun tal Julián Ruiz en El Mundo, contra os xogadores do Celta e, por extensión, o pobo galego. Sempre que le algo que sabe que me vai interesar chámame para dicirmo e, o que menos me gusta, pedindo perdón por molestarme. Que barbaridade. Se cadra, intentamos quedar para tomar un café. E tomar un café significa vernos en Don Bosco, Velázquez 41 ou en La Cuchufleta. Tomar un café vén significando conversar, un costume que corre o risco de perderse. E, claro, conversamos de autores, de libros que nos gustan ou non, de títulos que vimos en Librouro, a miña libraría preferida, ou na Casa do Libro. Falamos de correntes literarias, de poesía, de narrativa galega, de traducións ao noso idioma. Conversamos moitas tardes de literatura, algo que nos apaixona aos dous. Manolo Veiga é un gran lector. É moi esixente co labor creativo. Niso é máis esixente ca min. E eu aprendo moito del. Home culto, de moitos saberes, como dixo alguén ultimamente, e sempre disposto a cubrir os seus baleiros a través dos libros. Home culto, con lecturas moi variadas en canto a disciplinas (historia, ensaios diversos, literatura…) e moi interesado en autores e autoras que toman riscos, que abren canles, que teñen solidez, porque, como lector avisado, rexeita os experimentos que non levan a ningures. Manolo, non me canso de repetilo, sabe ler moi ben. Logo capta os tics, os trucos na escrita, a banalidade que agochan os libros tras certas estruturas que pretenden ser anovadoras. E como gran lector segue a aprender do que le e aprovéitao para seguir afondando na súa faceta de escritor. El, coma min, defende que non se pode escribir sen ler a conciencia. El, coma min, sabe que hai demasiados escritores ou escritoras que len pouco. Tomar un café con Manolo Veiga fai que o tempo se deteña e o reloxo se pare deixándonos nunha indefinición temporal. Tomar un café con Manolo quere dicir poñer sobre a mesa aquilo que nos preocupa. Manolo Veiga fálame de fútbol (sabe da miña paixón polo Celta), le Marca e sorpréndete con opinións ben argumentadas. É un amante da palabra e falamos de cinema, dos libros que mercamos, dos fillos, da educación, da escola, de todo. A conversa enriquece moito. Cambiamos opinións, mais a min, debo dicilo, gústame escoitar atentamente as súas exposicións. Resúltanme moi ricas, totalmente afastadas da presunción e da prepotencia.

Tomar un café con Manolo Veiga faille a un comprender mellor as treboadas e os movementos sísmicos da vida. Unhas veces chama el; outras son eu quen o fai. Non temos compromisos para tomar un café, aínda que si bastantes desculpas. Se podemos nese momento, encantados; se non, outro día. Aí, na normalidade, está o pracer que nos produce tomar un café. Vivimos preto, atopámonos na rúa, compartimos libraría, falamos na esquina entre as rúas Doutor Cadaval e Pracer. E se temos algún tempo os dous imos tomar un café.

Non vou falar aquí das súas magníficas novelas, dos seus premios, nin da súa intelixente e aberta dirección do semanario A Nosa Terra entre 2007 e 2010. Non paga a pena. Moitos xa o fixeron e recoñeceron no seu momento a calidade da súa escrita. Eu non son crítico. Aí está a súa obra para ser xulgada. Os adultos xa son persoas, ás que se lle supón criterio, para seren responsables das súas opinións. Pero non quero deixar pasar a publicación da súa última obra que eu non considero menor. É , nada menos que, “o dicionario enciclopédico máis completo para os momentos máis apurados”. Vaia definición! Os que non o coñezan estarán pensando nun volume de moitas páxinas, caro, por suposto, e para o que hai que aforrar durante algún tempo e ir buscándolle un lugar nos andeis da biblioteca. Que ninguén se preocupe. Nin moitas páxinas, nin de prezo alto, nin que pese máis do normal (máis ben case non pesa). Manuel Veiga escribiu un dicionario indignado e humorístico chamado Do G ao Z, que pesa pouco fisicamente pero moito no seu contido. Unha proposta orixinal e necesaria. Non serei eu quen lle faga a crítica nestas páxinas. Persoas máis eruditas xa o fixeron. Pero como deste libro falamos hai tempo ao tomar un café, non me resisto a dicir que é unha das variadas maneiras de ver a vida dende un enfoque progresista como é o seu autor. Unha caricatura do mundo e dos seres e feitos que forman parte del, unha visión irónica da realidade; algo que latexa nas súas conversas, cun humor punxente e un enxeño do que me leva dando moitas mostras ao longo do tempo tomando un café.

Creativo, crítico, irónico, tolerante,xeneroso, nada convencional, os que coñecemos algo a Manolo Veiga, sabemos que este dicionario paródico é unha boa parte da súa actitude diante do caos cotián que nos envolve. Nesta obra o autor deforma/conforma conceptos, persoas, feitos, nomes, apelidos, minirrelatos … para presentalos ao lector dunha maneira adscrita ao papel que xogan no mundo particular de Manuel Veiga, fiel observador do que o rodea. Mesmo inclúe aforismos ou frases de distintas persoas que lle pareceron axeitadas para o contido e os obxectivos do libro.

Libro sen idades. Libro para todos. Libro para espertar en moitos esa indignación durmida, esa resignación asumida que tanto dano fai. E todo isto dende o humor e mais a ironía. Un exercicio literario nada doado, por suposto.

Recomendo que se lea a Explicación necesaria do título deste libro por parte do autor. A explicación comeza así: “Aínda que este libro non está pensado para que o lean os nenos, sempre pode haber algún que llo colla ao pai ou á nai e lle faga a pregunta: Pero, por que este dicionario empeza polo G?"

Deixo aquí unhas definicións collidas case ao chou, porque soa o meu móbil e na pantalla aparece o nome Manolo Veiga. E seguro que quere que vaiamos tomar un café.

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

ALGUNHAS ENTRADAS DO DICIONARIO


- Garantía: No debuxo de Castelao, o cacique dille ao paisano: “ A túa filla xa será unha moza, eh? “

- Inculto: Persoa ou campo sen labrar.

- Intelectual: Persoa que ten moito que dicir e ningún lugar para dicilo, coa excepción de Fernando Savater.

- Orgullo: Unha rapaza lista, filla dun fontaneiro autónomo, pide unha bolsa para ir á universidade. Pero, ao cubrir o impreso, na profesión do pai escribe: empresario. E perde a bolsa.

- Inencontrábel: O enderezo físico dalgunhas empresas de venda que non paran de chamar por teléfono.

- Guerra Civil: Don Francisco, cura da parroquia de Diomondi (O Saviñao), a finais dos anos cincuenta e primeiros sesenta, ofreceu unha das explicacións quizais máis atinadas da violencia exercida polo bando franquista na guerra: “Houbo que matar a moitos, pero é que senón non gañamos”.