lunes, 24 de diciembre de 2012

Amo os libros

En este nuevo artículo, escrito recientemente para este blog, Antonio García Teijeiro glosa con emoción el papel central que los libros desempeñan en su vida, que sería absolutamente impensable si sus ojos no pudiesen recorrer, en diversos momentos del día y en lugares diferentes, las palabras impresas en libros de todo tipo de géneros literarios. En un momento en el que parecen encontrarse tantas veces despreciados y desprestigiados, Antonio realiza una muy necesaria y emotiva defensa de los libros en un artículo que presentamos en su versión original en lengua gallega.
Amo os libros. Ámoos fondamente. Déronme moito. Con eles aprendín a vivir dun xeito máis rico. Con eles aprendín moitas razóns dos comportamentos humanos. Con eles sentinme libre. Con eles puiden loitar contra os meus demos persoais e botalos fóra. Con eles coñecín a riqueza da literatura, a súa forza, a súa amabilidade, o seu comportamento agresivo, o seu compromiso literario, que é o único compromiso que lle esixo a un libro. Grazas a eles volvín a vivir cando a miña situación persoal presaxiaba derrotismos sen fin. Cando a miña vida era unha escuridade permanente e desesperada.


Amo os libros. Cada día visito a libraría. Vexo as novidades, folleo os libros de poesía e, mesmo, sento onde podo e leo poemas ata acabar levándome o libro para a miña casa.

Os libros acompáñanme decontino. Veñen comigo baixo o brazo. Levo un ou dous no meu bolso. Tres ou catro na carteira.

Amo os libros. Síntome impotente se alguén os despreza. Sempre estou lendo catro ou cinco á vez. Un de poesía, unha novela ou relatos (un xénero que me entusiasma), un diario, dietario ou un libro de memorias ou de cartas entre escritores. E, por suposto, libros infantís e xuvenís, eses obxectos tan desvalorados por aqueles que non saben a riqueza que posúen e a enorme calidade coa que están escritos.

Amo os libros. E ámoos porque enriquecen a miña imaxinación e o meu intelecto. Gústame penetrar no pensamento e na personalidade dos personaxes, vivir con eles aventuras tanto interiores como polo mundo que viaxan. Amo os libros porque me levaron a escribir e a crear a miña propia obra, porque me axudaron a coñecerme mellor e a intentar facer mellores aos que me rodean.

Eu leo todos os días en distintos lugares. Na miña casa, por suposto, pero tamén nunha cafetaría, sentado nun banco ou agardando a miña vez na consulta do médico. E non quero deixar de comentar o pracer que me produce pechar o día, na cama, cun libro entre as mans. Resúltame engaiolante. Nunca apago a lámpada, sen ler varias ou bastantes páxinas dalgún dos distintos libros que teño abertos. Sexa a hora que sexa a que me deite, o meu encontro cotián cun libro pola noite converteuse nunha cita á que non falto endexamais.

Como dicía Gustave Flaubert : “Hai que afacerse a ler todos os días, como un breviario, algo bo, pois, á larga, iso infíltrase.” (Escolma de Xavier Seoane).

Amo os libros, pois sinto a súa chamada e os seus silencios. Escoito a súa feble voz cando se senten abandonados. Está claro que curan as feridas da miña vida e son quen de disimular as cicatrices.

Eu a miúdo agasallo libros. Encántame descubrir unha boa obra e agasallárllela a un amigo ou amiga. Sempre regalo algo que me gusta a min, sen pensar o que le quen recibe o meu galano. E animo os meus alumnos e alumnas a que vaian ás librarías e remexan polos andeis a ver se dan con ese libro que os está agardando. Que non vaian seus pais ou nais mercar os que lles prescriben na escola. Que sexan eles os que pidan o libro recomendado e boten unha ollada a todo o que hai no establecemento. Ao mellor aparece esa obra que lles chama a atención, facendo boas as palabras de Umberto Eco cando afirma que “o mundo está cheo de libros preciosos que ninguén le” (Ditos sobre o libro e a lectura).

Por iso, conmoveume unha película que acabo de ver: Storm center (No ollo do furacán) dirixida polo prestixioso guionista Daniel Taradash. Nela, unha espléndida, como de costume, Bette Davis interpreta unha veterana bibliotecaria dunha vila de Nova Inglaterra, que decide non retirar da sala un libro que loa o comunismo malia recibir presións políticas e cidadás. Aínda tendo un certo matiz anticomunista, a película localízase na época negra do macartismo e convértese nunha alegación contra a censura e a prol dos libros. Emocionoume o seu desenvolvemento. Emocionoume a dignidade da personaxe e odiei, unha vez máis, os prexuízos tanto políticos como os das persoas que non valoran a cultura, moi ben representados no filme. O remate é duro pero cheo de esperanza.

Isto levoume a botar man dun libro fermoso e moi ben editado, Filobiblión, escrito por Ricardo de Bury, Bispo de Durham e Chanceler de Inglaterra. É un fermoso tratado sobre o amor aos libros. Neste tratado podemos ler o seguinte: “Ciertamente no tenemos lágrimas suficientes para llorar por todos los libros que han perecido en las diversas partes del mundo a causa de las guerras. Sin embargo, con una lúgubre pluma recordaremos aquel horrible estrago que, en la segunda guerra alejandrina, las tropas auxiliares cometieron en Egipto, donde las llamas devoraron los setecientos mil volúmenes que los reyes Tolomeos estuvieron coleccionando durante largos años, como relata Aulio Gelio en el libro sexto, capítulo XVI de las Noches Áticas…” (Trad.de Emilio Pascual).

Si, libros desfeitos, libros queimados, prohibidos, censurados. Libros feridos sen piedade.

O libro, exemplo claro de liberdade, estragado cando aos poderosos non lles interesa que cheguen ao pobo. Elemento dinamizador e democrático que ten que estar ao alcance de todos.

E fago miñas as liñas da mesma obra ao ler, na páxina 106, o seguinte: “Los libros nos deleitan cuando la prosperidad nos sonríe con abundancia; nos consuelan personalmente cuando nos amenaza la adversa fortuna; dan fuerza a los pactos humanos, y sin ellos no habría pensamientos profundos.”

Ricardo de Bury rematou o seu Filobiblión en 1344, un ano antes da súa morte.

Pasaron moitos séculos . E pese a todo, quen non subscribiría afirmacións tan nidias e intelixentes? Tan necesarias e tan actuais?

Pois aínda hai xente que non entende nada disto. Por iso remato facendo miñas as verbas de Marco Tulio Cicerón, coas que afirma que “un fogar sen libros é como un corpo sen alma”.

Así que, como xa levo dito, eu amo os libros fondamente. E eles, estou seguro, tamén me aman a min.

Perdoádeme. Teño que abrir un sobre que me envía Pedro Cerrillo dende Cuenca. Adiviñades o que contén?

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO