jueves, 26 de septiembre de 2013

ESCAPARATE POÉTICO (XXV) María do Cebreiro






MARÍA DO  CEBREIRO ( Santiago de Compostela, 1976)


O RÍO

Non lles botes a culpa ás pedras que levabas
perdidas entre a la e o forro aberto
do teu abrigo verde.
Cando caen nos petos
mesmo os seixos máis leves aprenden a pesar
para non estar sós entre as costuras.
María do Cebreiro
Era o ouro da tarde sobre o río
o que dispuxo un leito para ti.
Non hai auga que poda carretar
un corpo de palabras se a túa lingua
atravesou a gorxa
ata chegar retorta ao corazón.
Tiñas unha nos ollos cando os nenos
creron ver aquel tronco
aboiar como só podería facelo
a madeira máis clara.
Abriron a túa boca e dela foi saíndo unha palabra
pero non era a única, estaba case aberta.
As  árbores do inverno tardan en florecer.




MONÓLOGO

“Sinto as árbores dar os seus mellores froitos,
A avelaneira ulir,
a ti
faltarme.

E unha nova soidade:
a de min contra min.

Só é posible pensar o lugar propio.
Ocupo o meu lugar. Dóeme este lugar.

¿Pensas que os carpinteiros mancan a madeira?”

 



THE ENGLISH PATIENT

Ela achegouse ao cuarto
porque nevara enriba do seu vestido novo.

Nevara enriba dela.

Estaban no deserto.

El achegouse á tea como fan as tesouras,
e o vestido rachou.
A neve do deserto
converteuse nun prego de papel.

O vestido era un nó sen ataduras.

E cando remataron
el enfiou a agulla.



(Do libro Non queres que o poema te coñeza, editado polo PEN Clube de Galicia/Danú S.L., 2004)

martes, 24 de septiembre de 2013

OS MEUS OLLOS ENTRE A MEMORIA E A PAISAXE NA PINTURA DE XULIO GARCÍA RIVAS

O día 13 deste mes de setembro, inaugurou a súa exposición Memoria da paisaxe o pintor nado en Agolada de Borraxeiros (Pontevedra) no ano 1947, Xulio García Rivas, un dos artistas máis interesantes do mundo pictórico galego. Memoria da paisaxe atópase no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Deputación de Ourense) e a inauguración foi un acto de reivindicación cultural (cada volta máis precaria) e, sobre todo, un canto ao feito creativo deste home bo, (como don Antonio Machado), a quen, precisamente, o Parlamento Galego acaba de mercarlle unha das súas obras.

Non vou falar de Xulio, porque deseguido poderán ler un texto que escribín sobre a súa pintura. Eu, que non son especialista neste terreo, deixeime levar no meu escrito polas sensacións sutís, polo fermoso que resulta entrar nos cadros de Xulio, con quen o espectador se sente identificado cando pousa a súa ollada nos seus lenzos. Como di  Xosé Luis de Dios no tríptico da exposición sobre a súa obra son "pinturas de lírica abstracción, non pretenden dominar ou apropiarse da natureza figurada ou imitada, senón talvez captar o seu alento etéreo, a levidade das formas, sen perfís e acoutacións, sutileza  de ritmos e cadencias que reclaman a complicidade do espectador para completar a proposta..." Totalmente de acordo coa visión que dá de Dios que eu comparto plenamente.


Levo ben anos vendo a evolución dun mestre da pintura. Un home bo, no sentido machadiano, como dixen antes; alguén que foi evolucionando nos diversos estudios, tan íntimos, das cidades onde viviu; unha persoa modesta, sinxela, que foxe dos círculos e que fai da súa pintura a súa vida. Esa vida que leva compartindo dende hai moitos anos con ese anxo (se existisen) chamado Alicia Alonso, unha muller dunha creatividade excepcional, dun gusto exquisito, que se converte na principal crítica do artista.

Reflicto aquí unhas liñas de Luis Cochón, unha desas persoas que ama as artes por riba de todo, sobre García Rivas: "Pintor. A súa pintura, íntima, silenciosa, tan súa que se produce nos obstinados limos da creación, onde - se cadra - o que sobra no cadro son as cousas e o que queda é o ámbito, o espacio do fulgor. O territorio vougo da memoria poética. Tamén a verdade se inventa. Pintura, sábese que debería ser máis coñecida do que é, por riba dese succés d´estime que acada nos mellores entendedores: a victoria do prestixio".

Xosé María Ávarez Cáccamo diríxese ao público
Non se pode dicir mellor. Son palabras que sinto. Son afirmacións que comparto. Son realidades que vivín dende o mesmo momento no que coñecín a Xulio García Rivas.
Na inauguración houbo arte. Pintura e Poesía sorriron  felices da man. Sei que esta mestura a Xulio e mais a Alicia lles encanta.


Non puiden asistir a un acto no que se leron poemas (Pepe Cáccamo, Mª Xosé Queizán) referidas á pintura do mestre, palabras de loanza ao pintor e un texto poético meu, que é o que figura a continuación, a cargo da miña muller Susi Fernández.
Eu participaba noutro acto, á mesma hora, en Vigo.

Isto é o que eu escribín para un catálogo sobre a pintura de Xulio García Rivas, a quen tanto quero e admiro.


Susi le o texto de Antonio García Teijeiro



                                     OS MEUS OLLOS GOZAN DO PINTOR

Levo ben anos gozando coas pinturas de Xulio García Rivas. Téñoas na casa e visitei os últimos estudios nos que o pintor se pecha, para acadar ese silencio, esa calma que precisa para pousala con mestría nos lenzos, papeis ou madeiras cos que traballa.Neses estudios, lugares máxicos onde hai decote un olor especial, un sentaba, vía cadros de diferentes épocas, tan evocadores, tan acougantes que non quería  abandonalos, porque temía  perder o feitizo que o envolvía.E segue a pasarme así. Pero non só a min, como persoa. Non.


Quizais non se vexan entre as mesturas de cores nas súas paisaxes, entre o negro resistente da súa arquitectura pictórica, entre a delicadeza dos vexetais, flores e demais. Quizais non se vexan nos seus fermosos e xigantescos dípticos ou trípticos, nin nesas pequenas marabillas  nas que hai un encanto especial, pero nos orixinais de Xulio viven os meus ollos. Si, dende o primeiro día que me deixei enfeitizar pola obra do pintor, os meus ollos non quixeron saír dese silencio provocado polo artista e nel conviven cos seus trazos,cos vaivéns do pincel sobre a superficie na que pinta, coas teimas lóxicas do creador, con esa concepción da pintura total que Xulio García Rivas posúe. Non quedei cego porque eles, os meus ollos, non deixan de dotar de cores as miñas miradas sobre o mundo. E niso Xulio é un mestre. A súa evolución creativa, as súas inquedanzas como ser humano fusionadas coas de creador, así o demostran. 


Xulio ten, hai xa ben tempo, un estilo recoñecible, pero a repetición non forma parte do seu esquema artístico. Xulio García Rivas pescuda no seu interior, sen esquecer o que o rodea. Deste xeito, os novos elementos aparecen e a súa obra engaiola. Unha obra que parte do intimismo e do talento do pintor  e bate no corazón de todos aqueles que se emocionan diante da arte auténtica. E aí seguen os meus ollos, emigrantes nun espazo enigmático, asomando á fiestra da vida que Xulio abre no seu estudio, porque precisa dela.Os meus ollos, felices, compartindo os bos e os malos días co artista. Convértense, en silencio, en testemuñas fieis das súas dúbidas, das correccións e dos seus logros. Talvez xa formen parte da esencia do pintor.

 
Mª Xosé Queizán, na súa intervención
O espazo pictórico de Xulio ten que ver moito co seu espazo vital. Os meus ollos fálanme da marabillosa chegada á natureza do creador. E viven entre a néboa mesta, ou non, dos seus golpes de inspiración co pincel. Ven a vida dende dentro, cando a luz se deixa ver. E voan cos ventos, atordan coas treboadas, camiñan pola cidade.
No espazo de Xulio García Rivas atópanse os meus ollos, e así mo din, coa pintura de auga, pintura de luz, pintura de aire.
Xulio non esquece os ocres que tanto gustan aos meus ollos. Non perden vixencia. Forman parte da substancia  do artista, do seu espírito anovador dende a primeira pincelada que deu.

No espazo de Xulio, hoxe mesmo, vive un feitizo que invade os que pousan a súa ollada nos seus lenzos e papeis. Dinme os meus ollos, sempre en contacto cos acrílicos, coa tinta chinesa ou coa acuarela, sen esquecer o óleo, que Xulio foxe dun clima abafante que pode afogar a un artista, para crear un clima sensual e lírico. Xulio García Rivas sempre rachou as cadeas que, demasiadas veces, oprimen o pintor. Intentou e conseguiu ser dono das súas sensacións para plasmar aquilo que desexaba comunicar e facernos partícipes da súa creación.
Dentro deste novo período creativo, ese que os meus ollos chaman o silencio das delicias, estes papeis fanche sentir o olor da brisa, a frescura dos verdes que visten os xardíns. Xardíns sen valados. Xardíns que se espallan ao longo dun espazo aberto ateigado de flores e cores. Aparece o mar coa súa enigmática beleza.E iso emociona aos meus ollos e a min.
 
Xulio e Alicia Alonso

Xulio García Rivas sente o concepto de liberdade, cando fai da delicadeza  pintura. Esa pintura que non quere ancorarse na superficie, senón que esvara ata o fondo da alma do pintor sen ningún tipo de rasgos inútiles.
 
Alicia escríbelle un poema a Xulio
Os meus ollos voan cunhas andoriñas que se albiscan entre manchas ben controladas polo pintor. Controladas, pois Xulio procura o equilibrio entre o que imaxina e o que peta insistentemente na súa man de creador. Xulio presenta un discurso que, de cando en vez, permite rebordar as súas expectativas e a obra toma outra vertente. Unha vertente que vai permitir que esa liberdade flúa polos poros da súa alma de pintor.


Por iso a súa obra emociona. Por iso os seus cadros enfeitizan.
Fluír é un verbo axeitado en relación con todo o que estou a dicir.
A través da acuarela, a pintura chinesa e o acrílico ben utilizados polo pincel do artista, non os meus ollos, senón eu mesmo, son feliz nese pouso acougante da pintura chinesa, taoísta que me transporta a un parque con luz, delicado, suave e suxestivo.
Nese parque atópase a fusión da idea e do resultado. Se tapo os oídos e non escoito as verbas dos meus ollos enfeitizados, pérdome nas treboadas azuis e grises, soño nos xardíns que arrolan os meus sentidos, teño forzas para fuxir dos negros e dar coa luz que preciso para respirar e que o pintor me brinda xeneroso. E, sen dúbida, déixome atrapar polas cores tan variadas (os amarelos, os rosas, os malvas,os vermellos, os xa mencionados ocres…)  para que sigan a acariñarme, para que non deixe de percibir os sentimentos que se agochan ao noso redor e que, en demasiadas ocasións, encrespan a miña pel.


Os meus ollos seguen nos lenzos de Xulio. Vixían a súa pintura arquitectónica. Falan con seres que se adiviñan fundidos cos elementos ingrávidos das súas pinceladas.  Aplauden o recendo salgado do seu mar. Xogan entre as flores e as plantas, buscan algún pendello antigo que Xulio lles ensinara noutrora, fan unha escapada á cidade que o artista tan ben plasmou nos seus cadros e diríxense cara aos horizontes que Xulio vai perfilando co seu pincel.



Non podo facer que os meus ollos volvan. E, ademais, para que?
Onde se pode estar mellor que na obra dun pintor reflexivo e honesto?
Onde se pode estar mellor que gozando da sensibilidade estética dun artista que domina a arte do milagre pictórico?
Que sigan no seu mundo de manchas informes, que continúen gozando desa relación tan directa entre pintor e pintura. Iso si, que non me rouben as cores, e os trazos cos que Xulio García Rivas vai subindo os banzos que levan ata o cumio da gran pintura.

                                                                           
O pintor diríxese aos asistentes moi feliz

                                                                            
                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO





lunes, 23 de septiembre de 2013

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (XXIX) Ramiro Fonte






RAMIRO FONTE   (Pontedeume, 1957 – Barcelona, 2008)



NENÚFAR

Nenúfares das lagoas
Quietas, dos mudos estanques;
Para os versos, flores boas,
Para os pintores, diamantes.
Ramiro Fonte




GOLETA, GALEÓN, GAMELA

Se suca os mares do ceo
Unha dourada goleta
É que a goberna un poeta.

Pero se é un galeón
(Outra nave coma ela),
Goberna a tripulación.

Mariñeiro, pon a vela
Da túa branca gamela.





PALABRAS

Palabras do diccionario
Son rosas de invernadoiro,
E as lúas cheas dun lunario,
Cofres baleiros de ouro.

Pero se escribo paxaro
E a mesma palabra leo
(Que non che pareza raro),
El voa libre no ceo.

A lúa en cuarto crecente
Ilumina a miña mente.
¿Poderá unha rosa impura
Proclamar a fermosura?




RULA

Nunca pode ser escola
Unha dourada gaiola.

A rula canta mellor
Nun verso de arte menor.




(Do libro Xardín do pasatempo, editado por Tambre, 2008)