SOBRE “MIÑO”(Antoloxía do relato galego actual).
Hai proxectos que se
converten en esenciais no mesmo intre de ser pensados. E son esenciais polo
valor que lle proporciona á cultura dun pobo. Son proxectos abertos, cheos de
contido, que salientan -como ao que me vou referir- a identidade cultural e, neste caso, a
identidade e a puxanza da literatura escrita en galego.
Miño é o
segundo volume (o anterior foi Fisterra), que xorde dunha
iniciativa da asociación Amigos do Libro Galego/Artes e Letras, coordinada con
moito criterio polo xornalista Xosé Manuel del Caño e editada nesta ocasión por Edicións Xerais.
En Miño recóllense
38 relatos de escritoras e escritores de Galicia nunha mostra fundamental para
coñecer a auténtica realidade da narrativa actual na nosa lingua e, en
particular, do relato curto.
Cun limiar e un epílogo
escritos por Rexina Vega e Antón Riveiro Coello, dun interese excepcional, Miño
é unha voz que fala ben alto da forza que ten a nosa literatura.
Xosé Manuel del Caño, coordinador do proxecto |
Hai en Miño
moita diversidade tanto formal coma temática. Enfoques narrativos ben
diferentes, técnicas variadas e voces que ofrecen a riqueza narrativa dun modelo
literario, o relato curto, que pide paso con insistencia no escaparate da nosa
literatura. Unha literatura que contou sempre con magníficos exemplos deste
xénero -Fole, Dieste, Cunqueiro, Ferrín, Casares, Neira Vilas…- e que, polo
visto neste libro, a calidade do xénero está garantida.
Este volume reflicte que a
literatura galega non é unha literatura menor, que está desexando ser valorada
na súa xusta medida e intentando desbotar a falta de autoestima que tan mal lle
fai.
E como apunta con precisión
Rexina Vega no texto Todos somos reiseñores: En Miño pode
observarse a enorme diversidade e calidade que caracterizan hoxe a narrativa do
noso país. Nunca como agora tantas voces creando tantas liñas de sentido,
tantas formas de ordenar o mundo.
Antonio García Teijeiro