lunes, 9 de enero de 2023

ANDEL DE NOVIDADES (5) "O moucho voa", filosofía en 28 conversas, de Miguel Vázquez Freire

 



Calquera libro que vexa a luz de Miguel Vázquez Freire é un motivo para min de felicidade ( e debe selo para o sistema cultural galego). Son moitos anos seguindo a este home poliédrico, capaz de escribir de cine, de ilustración, de filosofía, de banda deseñada…ademais de ser un excelente narrador. E nunca defrauda.

Sempre tivo Miguel un agarimo especial pola divulgación. Un xénero, este, que se fai ben necesario e que tanto ten axudado a que nos fósemos formando nas moitas disciplinas do saber.

Acaba de ver a luz, O moucho voa (Filosofía en 28 conversas), editado por Edicións Xerais.




A min, que me entusiasma a Filosofía, pareceume un libro magnífico para achegar a xente nova a unha materia que convida a pensar con rigor e a abrir camiños para transitalos avisados e comprender os asuntos que preocupan ao ser humano.

Dixen e pensei na xente nova, pero non é certo: este libro é axeitado para as persoas de calquera idade que teñan inquedanzas filosóficas. A xente, dun xeito espontáneo, ten preocupacións relacionadas coa filosofía e, demasiadas veces, non é consciente. De aí o convite que O moucho voa fai a pensar.

O volume que teño nas mans comeza cunha advertencia do autor que manifesta que non pretende ser un curso de filosofía.

Durante o último trimestre de 2020 e o primeiro de 2021 Radio Neria, a radio municipal de Corcubión, emitía unhas charlas radiofónicas que, co nome O Moucho voa.15 minutos de filosofía, pairaban nas ondas.

A transcrición das emisións, lixeiramente modificadas, renacen agora mesmo neste libro tan necesario.

Resulta apaixonante e gozoso ler as conversas que o autor escribe de maneira sinxela para un mellor entendemento do espírito filosófico que posúen. Paula e Xabier (á veces, tamén, Rapaz A e B) falan ao longo de todo o libro para achegar discusións que avivan a nosa curiosidade e que demostran que o cotián ten moito que ver coa filosofía, aínda que non sexamos conscientes diso. Paula e Xabier existen, pero son ficcionados por Miguel.

Dá gusto ler este texto porque ten un ton desnfadado que chega ao lector con claridade e permite que razoe sobre o que está a ocorrer ao seu redor.

Catro son os epígrafes en que está dividido o libro. Catro epígrafes que, como explica o autor ao principio do texto, fan referencia a catro das grandes categorías que tradicionalmente reúnen os principais temas dos que se ocupa a filosofía: o Ser, obxecto da ontoloxía; a Verdade, da teoría do coñecemento ou epistemoloxía; o Ben, da filosofía moral ou ética; e a Xustiza, da filosofía política.

Hai, loxicamente, moita moita reflexión filosófica, pero o autor ten o acerto de acompañala de referentes concretos moi recoñecibles, incluídos exemplos ou casos tomados da realidade máis próxima.

A linguaxe é clara, directa e expón moi ben o que se quere afirmar, baixo a magnífica idea de conversar, discrepar, reflexionar e, xa que logo, de aprender moitos conceptos que nos interesan a medida que os imos coñecendo.

                          

O autor, Miguel Vázquez Freire, co libro

                                     

Un auténtico pracer a lectura deste libro. Moito aprendín ao lelo. Velaí o ton axeitado para que o lectorado, novo ou non, se achegue á filosofía sen prexuízos nin medos. Un acerto, para felicitármonos, e para entender, dunha vez, que a filosofía vive máis preto de nós do que moitos cren.

Ah, e non quero pasar por alto as puntuais ilustracións  e a cuberta de María Lires, que lle dan ao libro un toque plástico que se agradece. Moi no seu estilo marabilloso.

Parabéns, unha vez máis, a Miguel Vázquez Freire, polo seu traballo divulgativo e grazas a Edicións Xerais por apostar por libros que se precisan, sen ningunha dúbida, no panorama da cultura galega.

 

                                                                                                                      Antonio García Teijeiro