Ter nas miñas mans a Pequena
Mitoloxía de Galicia non só me produce unha inmensa ledicia, senón que
considero que a reedición que acaba de facer Edicións Xerais
resulta dunha necesidade e dunha importancia incuestionables. A primeira
edición viu a luz no ano 2001 e, esgotada, conviña traela á actualidade pola súa
importancia.
Unha vez máis, a creación da colección Seica
supón un acerto, pois nela aparecen volumes de indubidable interese e de
temas diversos moi ben tratados.
Escrita polos prestixiosos
investigadores da nosa literatura tradicional Xosé Miranda, Antonio
Reigosa e Xoán Ramiro Cuba, este libro resulta verdadeiramente
fascinante. Se nos introducimos nas súas
páxinas, deixamos de momento o mundo real e sentimos o poder da maxia popular.
Damos no volume con cidades
asolagadas (quen non escoitou algunha vez este fenómeno?), cun bergantín pirata
aló polas Cíes, co sacaúntos, cos biosbardos, coas xacias, coa muller-carneiro
ou co rabeno.
Nestas follas coñeceremos o
que agocha o Pico Sacro, que hai no mundo subterráneo, lembraremos o Cocón, ese
ser co que nos ameazaban se non durmiamos axiña: E durme, neniño, / que vén
o Cocón;/ vai levar o neno/ que non dorme non. E quen é Mariamanta? Onde se
atopa a Lucerna de Valverde? Como son esas tres doncelas transparentes?
Como din os autores no
limiar do libro “queremos tratar dos habitantes imaxinarios de Galicia, os
habitantes dun mundo máxico, que non é distinto do real, ou que polo menos non
está moi lonxe deste, e pode entreverse algunha mañás, entre os raios de sol
que perforan a néboa”.
Coñecer a nosa literatura
máxica e tradicional fainos máis conscientes do espírito da nosa terra.
Axúdanos a comprender de onde vimos e que camiños nos quedan por percorrer.
Edición de 2001 |
Hai moito saber na
literatura de tradición oral e é a nosa obriga coñecelo. Faranos máis felices,
máis imaxinativos e valorar moito máis o noso, que, como todas as culturas do
mundo, posúe un selo especial que nos emociona.
Completa o libro unhas
expresivas ilustracións en cor de Sr. Reny.
Un libro delicioso que nos
fará pasar momentos de verdadeiro pracer.
Antonio García Teijeiro