ANTÍA OTERO (A Estrada, 1982)
podrecen entre as lousas
o seu brillo non é enigma
só fósforo de osamenta
porén
Antía Otero (Foto de Tamara de la Fuente) |
traman o desembarco
nas frangullas do pan prenden lume
aman o mol e os incendios
o estado da náusea
todo o perpetuo
-que difícil extinguilos-
guindas os segredos
toda conxunción
mais sempre porfían
agardan na distancia
coa deformidade dos reloxos
revíranse
espreitan na noite
calquera fenda
para poder volver.
Fantástica traxectoria de Apiario |
Chorábase o día da mata.
Non todos. Só ela.
Marchaba camiño arriba
-xa pasou, xa pasou.
Despois colliamos os baldes. Iamos lavar
as tripas.
PAISAXE HISTÓRICA #5
Ribeira Sacra
A rocha ao pé das vides
relento nas figueiras
na perda dos dentes
a chuvia que entrou a devorar as trabes
pingando no alzadeiro
violentar a couza.
O taquígrafo recolle
niños de ratos nas sabas
latexo da resistencia
un miñato sobrevoando a fin da tarde.
Solpor
a clareza loita contra o verde
faise tímida
logo espesa
a bifurcación silente
o nervio dos cans.
Noite
afastas o ruído
sentes o tránsito na paisaxe
que debuxas co dedo
ao fin cres.
Acariñas vagalumes.
CADRO DE XÉNERO
Poñiamos a pota no medio da mesa
os sucesos do telexornal marcaban o ritmo
entre garfo e bocado
cada xema coa súa clara
como un grupo de menhires
queriámonos estoicamente cos pés cimentados
un equilibrio megalítico
Amar os pais
admirar a súa fatiga
non pedir o que non poden dar
soster os irmáns
repartir os bens funxibles
silenciar o que mancará de por vida.
O meu sorriso é unha anorexia do enfado
(Do libro Barroco, editado por Apiario
(2022), na colección Cera Labrada.