Aproveitando este 23
de Febreiro, Día de Rosalía de Castro, paseo pola soidade das miñas
lembranzas. Rememoro aqueles tempos da descuberta da muller e da poeta que deu
luz e substancia á nosa poesía, ou aínda máis, á nosa literatura.
Camiño entre roseiras e
moitas flores que recenden a frescura, a palabra agochada entre as herbas, a
versos que ateigan de esperanza os meus pasos tan descridos como arelantes de
esperanza.
Rosalía de Castro |
E Rosalía non é unha poeta
máis. Rosalía sempre foi unha escritora que posuía unha forte vocación de
poeta. Sempre foi esa muller comprometida coa terra, co tempo que lle tocou
vivir. Rosalía de Castro é un símbolo real, por representativa, da
literatura galega de todos os tempos.
A publicación, en 1863, de Cantares
Gallegos sinala o inicio do Rexurdimento literario galego. É a
recuperación para a arte dunha lingua cuxa tradición literaria fora inexistente
ao longo de catro escuros séculos.
Sento sobre o tronco dunha
árbore cunha antoloxía rosaliana, ao bordo do camiño e reparo, unha vez máis,
na potencia da súa voz lírica, do seu verso intimista que descobre moitas das
posibilidades que se descoñecían arredor da nosa lingua. Se en Cantares
Gallegos puxo a poesía ao servizo do social, en Follas Novas
(1880) e, posteriormente, no poemario En las orillas del Sar
(1884) preséntasenos como unha poeta da intimidade e, co tempo, da fondura
universal.
Sigo paseando e véñenme á
memoria os fermosos versos que Manuel Curros Enríquez lle dedicara a
esta muller loitadora infatigable a prol da verdadeira esencia dun país moi castigado polas
adversidades.
E recito en voz alta:
A ROSALÍA DE CASTRO (1885)
Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
Manuel Curros Enríquez |
E vina tan sola
na noite sen fin,
¡que inda recei pola probe
da tola
eu, que non teño quen rece
por min!
A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente
unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico
un cantar!
Que emocionante poema lle
dedicou o poeta de Celanova, unha das voces máis xusticeiras do seu tempo e un
poeta dunha potencia lírica tan evidente.
Érgome do banco e debuxo co
dedo no aire un poema que eu incluín no meu Caderno de fume ao
sentir en segredo as campás de Bastabales, esas que enchían de soidade á nosa
poeta.
Sigo a pasear con pasos
curtos. Deixo as pegadas sobre unha terra que sostén o meu corpo e a miña
lectura poética nun día tan sinalado.
Daquela, doulle voz a
Rosalía para que sexa ela quen loe esas badaladas tan tristes que a fan chorar.
Eu non podo evitar escoitar eu ao lonxe a voz lírica e envolvente de Amancio
Prada cantando coma ninguén estes suxestivos versos que apuntan ao corazón
do ser humano máis sensible.
E un ano máis, desexo
fondamente que Rosalía de Castro pase de ser unicamente un rostro nas camisetas, nas
cuncas, nos chaveiros ou nas máscaras e os galegos e galegas se decidan a lela
como a súa obra merece. Nunca é tarde e xamais perde substancia na relectura.
Pouco a pouco foi rematando
o paseo; porén, síntome feliz e cobro nova vida.
É a maxia da poesía.
É a maxia de Rosalía.
O POETA PASEANTE