martes, 2 de noviembre de 2021

REMUÍÑO DE LIBROS (76) "Todos fomos", de Marcos Calveiro

 



TÍTULO: Todos fomos

 

 

AUTOR: Marcos Calveiro


 

 EDITORIAL: Edicións Xerais. 2021

 

COLECCIÓN: Fóra de Xogo

 

 

 

 

Había xa ben tempo que Marcos Calveiro non daba ao prelo un libro xuvenil. Ou, alomenos, que eu chegase a controlar. Agora, aparece na magnífica colección Fóra de Xogo, de Edicións Xerais, Todos fomos.  Nela, unha rapaza desaparecida hai seis anos aparece espida e viva, aínda que magoada psicoloxicamente nunha praia de Teis.

A partir de aquí, a novela emprende dous camiños paralelos pero antagónicos.

Por unha banda, a inspectora Lina Souto recibe unha chamada na que lle comunican a aparición da rapaza. Consciente de que non se fixo o necesario eses anos atrás, a noticia produce nela unha reacción febril que a leva a obsesionarse por resolver o caso e pechalo dunha vez.

Pola outra banda, Belén Soliño, unha estrela mediática da televisión sensacionalista, vai ao seu e busca o espectáculo co sensacionalismo que esta sorte de programas anegan a mañá de insensateces e personaxes que dan ganas de vomitar.

As dúas polarizarán a novela na procura duns obxectivos diametralmente opostos.

Todo nesta novela é contra o reloxo. Hai que descubrir o que lle pasou a Natalia e o misterio que se agocha detrás. Hai que dar primicias e recorrer, se fai falta, a informadores non completamente legais.

Todos fomos é unha novela dun ritmo moi rápido, con frases curtas, diálogos directos e moi viva. É unha novela negra que discorre na cidade de Vigo, fundamentalmente no barrio de Teis, polo que a min me resultou moi próxima. Pero eu considero, tanto pola linguaxe coma polo contido, que Todos fomos é unha novela-crónica.  Léndoa decatámonos axiña de como respira unha parte da sociedade. Dende os barrios obreiros, maltratados por crises indefinidas, ata esa xente que bebe de todas a mentiras que lle contan cada mañá e dan creto ao que escoitan e ven sen decatarse da manipulación á que están sometidas. Pero o que non hai dúbida é do carácter especialmente crítico contra as institucións, personaxes da política, de certo tipo de persoas baleiras e arrogantes que semellan monicreques nas palabras do autor. E Calveiro fai alusión a aqueles  momentos duros deste populoso barrio, no que nos anos 80 e 90 a droga desatruíu un bo número de mozas e mozos.

É novela e é crónica do día a día dun barrio que pode ser calquera, no que un día hai un feito que o sacode especialmente.

Sorprende, ademais, o final do relato. Cando agardas detalles, chegas á conclusión de que a vida continúa por uns camiños máis que pisados. E permaneces lembrando todo aquilo que liches, cuxo resulyado é a mesma vida.

Fresca, directísima, sen adornos, demoledora, ben escrita, Todos fomos déixase ler con facilidade e, cando a rematas, saloucas e comezas a repasar o moito que se dixo, sen atropelos, ao longo das 140 páxinas da novela.

 

                                                             ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO