viernes, 15 de marzo de 2019

DARDO POÉTICO (LIX) : "SILENCIOS", UN PROXECTO POÉTICO DE ANA MARÍA FERNÁNDEZ







Sempre resulta interesante asomarse a aquilo que escribe Ana María Fernández. Sexan os seus textos en prosa, en verso para a infancia e a mocidade ou para todos e todas; estean escritos en solitario ou compartindo creación con Xoán Babarro, un grande da nosa LIX, Ana María é quen de acariñar os sentimentos do lectorado, sacudilos ou  e tirar deles milleiros de emocións.

 
Ana Mª Fernández
Por iso está aquí, de novo, en Versos e aloumiños. Vímonos en Santiago nun acto na RAG en conmemoración de María Victoria Moreno, pechando o seu ano. E pedinlle algo. Non podía deixar pasar a ocasión. Ela, admirable e xenerosa, accedeu á petición. Despois dun certo tempo, enviounos este proxecto poético, Silencios, seis poemas que peturban, que chaman a nosa atención nun mundo estraño e que nos levan a gozar da palabra poética de xeito intenso.

     Gozade, lectores e lectoras deste blog-revista, da capacidade de seducir dunha gran poeta.




SILENCIOS


I
Nun paseo tardío
escoito o berro dunha folla, desigual a outras da súa especie,
única na tonalidade, na degradación das cores,
enrugada e encollida por distintas intemperies,
que, para máis datos, protesta con diferente intensidade.
Xulio García Rivas. Tinta chinesa sobre papel
Porque, a dicir verdade, outra fonética advirto na crebadura do seu traxe,
no corte seco do pecíolo polo belisco do vento.
Unha folla que, sen dúbida, foi magnífica no seu tempo,
que pasou as tres reválidas dos meses luminosos,
engaiolada, verde e fachendosa, no souto cantareiro.
Cae unha e caen outras con ela,
pero non saben que contarse;
quizais que á primeira lle nacera unha mancha na cara,
por onde cruzaban as formigas.
Ou que a segunda, en tempos, era a preferida do escornabois…
Caeron varias follas desde as ameas das ramas
e rebotaron resignadas esculcando os arredores,
por saber que pantano ou que camiño devoraría o seu recordo,
quizais a bota dun humano furtivo.
É outono…
E estas cousas pasan.





           II


Anuncia hoxe o mar un novo desafío
no altofalante dos cabos,
mentres esvaran, nos arrabaldes do horizonte,
as ondas quentes do verán.
Xulio García Rivas.. Acrílico. Lenzo
Mostra, fachendoso, as enrugas do frío
cunha paleta grisalla.
Ronca teimudo, unha e outra vez,
no ensaio das borrascas
e suplica, coa gaita do seu labio,
a chegada vitoriosa do vento,
que se despraza con rodas de mudanza.
No horizonte,
un sol vello,
altivo
e insumiso,
aférrase aos azuis cun brazo vermello
na procura da prórroga de lume
que lle permita incendiar
o último horizonte.







 III

Digo páxina e agardo
a que o silencio se faga dono dos arredores.
Só o eco das sílabas se cambalea, desolado,
Xulio García Rivas. Tinta chinesa sobre papel
adiviñando o precipicio  do esquecemento na tertulia dos labios.
Digo brote e os demais adiviñan a supervivencia do verde,
da Terra, que nos mira sen que lle importen os vivos.
Pero, no silencio,
caben todas as intencións
e unha palabra é unha intrusa,
fuxitiva,
sen a suficiente documentación
como para quedar onda nós por moito tempo.





  

  IV


Nas páxinas da soidade,
sinto vibrar a alma
cunha porcentaxe apaixoante de certeza.
Rebélaseme potente,
dadivosa,
intransixente.
Cova,
nai,
Xulio García Rivas. Acrílico sobre táboa
presenza,
desmesura de silencio…
Ocúltase á inquisidora insistencia
do cazador de recompensas,
nunha vertixe máis ca centenaria.
Véxoa libre
no interior máis secreto,
na perfecta converxencia
do ser consigo mesmo.
Viva,
con alicerces de ás,
e farfallar de fervenzas…
Locuaz
no consenso das células.
Guerrilleira
no camiño.
Eterna
na súa causa.





V

E onde pode estar
o incenso conmovido?
A oración sen boca despois do sol da tarde?
Este silencio de coágulo,
saciante,
subterráneo,
suculento,
aborixe do interior,
marxe de sombras,
ten areas repentinas,

un babel de insomnios,
Xulio García Rivas.. Tinta chinesa sobre papel
pulsacións de lóstregos nocturnos,
pasados, presentes, futuros
e unha risa desaparecida.
No interior,
estás ti,
estou eu
e, nas ruínas dos malvóns,
vibra unha estrela,
contendo o ruído do seu brillo.








  
VI

Do que máis falamos agora
é do descoñecido.
E facémolo decote,
mentres a vida segue,
conmove
Xulio García Rivas. Tinta chinesa sobre papel
e armoniza rancores
nos suburbios infelices.
Ao espertar,
feridas de ausencias
abren sucos de carne
e moldean espellismos
nos eidos das brétemas confusas.
Pero do que máis falamos ti e mais eu,
coas palabras de sempre,
é do descoñecido.
Quen entende os proverbios da alma?
Quen coñece a liturxia do Paraíso
na verdade dos límites?