Beatriz Maceda vai pouco a pouco entrando con solidez no mundo da nosa LIX. Sen facer moito ruído, pero con propostas atraentes está a consolidarse no complexo mundo da narrativa galega. Desta volta, aparece un suxestivo íitulo da súa autoría: Lúa en Ningures. Un relato sólido no que Lúa percorre acotío a mesma rúa que a leva ao colexio. Alí están a pastelaría, a tenda de xoguetes ou o bar onde o seu avó xogaba ao xadrez. Pero un día estas casas empezaron a desaparecer, esnaquizadas. Lúa e a súa familia teñen que fuxir do horror da guerra e instálanse en Ningures, un campo de refuxiados… (Col. Merlín).
Benvida, Rosa Aneiros, unha vez máis ao mundo da
LIX galega. Unha escritora necesaria polas propostas que nos presenta. O seu
novo libro, Orestes perde o sentido! é unha historia moi orixinal e
divertida que aborda o tema da seguridade viaria. Cando unha mañá Orestes sae
da casa atopa todo demasiado estraño, coma se o mundo tolease. De súpeto, ve a
súa irmá pequeña soa na beirarrúa e cóntalle que conseguiu fuxir do rei Koopa, pero que debe regresar axiña ao
Castelo onde estivo secuestrada. A partir dese momento, Orestes inicia unha
disparatada carreira… (Col. Sopa de Libros)
Os que seguimos a
traxectoria de Héctor Cajaraville
estamos encantados cando ve a luz un novo libro escrito por el. Persoa sen
complexos literarios de ninguna clase escribe con respecto e agarimo tanto para adultos
coma para a infancia e a mocidade. O ano 2019 terá a Antón Fraguas, como figura
das Letras Galegas. De aí que Héctor Cajaraville nos presente este Antonio
Fraguas. O bo mestre, o mestre bo, un achegamento a un dos grandes
persoeiros da cultura do século XX. Un mestre que se dedicou con paixón ao
estudo de Galicia como territorio, como pobo, como país cunha curiosidade
insaciable. (Col. Merlín)
Sen ninguna dúbida, hai
que ler a triloxía AKTUAL de Ramón
Caride. Remata a mesma con este terceiro título, Singamia 1.1, un
conxunto de relatos, coma os anteriores
(Exogamia 0.3 e Endogamia 0.2)
moi documentados, suxestivos, abertos e polémicos sobre os temas máis candentes
do noso tempo. Neste terceiro volume, o autor amosa o papel das máquinas hoxe.
Nestas narracións notamos que esas máquinas adiantan
as nosas necesidades e decisións, coñecen todo de nós. Obsérvannos ata
facernos transparentes, invaden as familias, a saúde, a reproducción, as
relacións persoais…Mesmo, os soños.
(Col. Fóra de Xogo)
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO