domingo, 11 de enero de 2015

O SILENCIO LAMENTABLE DE ABEL CABALLERO.




O auditorio "Mar de Vigo".

     Hai uns días estiven por segunda vez no Auditorio “Mar de Vigo” escoitando a The Soul Jacket, un magnífico grupo musical vigués que me gusta e que recomendo vivamente pola súa calidade. Os dous discos que teñen no mercado son excelentes. O segundo, Black cotton limited, acaba de saír.
      
The Soul Jacket
       Anteriormente, uns anos atrás, estivera gozando cun dos meus grupos favoritos, Wilco, nun concerto memorable.
     Non me convence, en absoluto, a acústica do auditorio. Pero iso é outro tema.

     Antes de comezar a actuación dos Soul Jacket, observando o ambiente, a rabia subiu moitos enteiros.
Veume á mente, a negativa do Alcalde de Vigo a recibirnos a Manuel Bragado e a min para propoñerlle que Paco Ibáñez cantase en Vigo, dentro do proxecto “Vivencias” que celebra os oitenta anos do artista e a saída do seu primeiro disco, dedicado a Lorca e a Góngora, hai xa cincuenta anos. A calada por resposta, deixoume con moi mal corpo.  Un tempo despois, fixen, tamén a través do director de Xerais, unha nova solicitude para ser recibido polo rexedor vigués. Pasaron varios meses e o silencio repetiuse.
     

      Como podemos chamar a esta actitude de don Abel Caballero? Que razóns pode ter para non recibir a un escritor vigués que lle vai facer unha proposta sen máis? Que non o vai presionar. Simplemente comentarlle que é Vivencias e a importancia que ten.
      
      Recibir significa dicir que si? Ou significa escoitar? Non merece Paco Ibáñez cantar en Vigo? Sabe o señor Caballero que está enchendo teatros de maior importancia e prestixio que este infrautilizado auditorio noso? Que lle dá medo ao Alcalde?
      
Abel Caballero, alcalde de Vigo
     Cidades de maior entidade que Vigo, acollen con agarimo e entusiasmo os concertos do trobador máis importante do noso país que percorre Europa e América.
     O proxecto Vivencias brilla en París, en Barcelona, en Sevilla, en Donosti e, ao longo de 2015, en moitos puntos de España, América e Europa.

     Pero Paco Ibáñez non cantará en Vigo. Nin sequera o señor Caballero tivo a decencia e o respecto de escoitar os meus argumentos, que son moitos e variados, para saber algo máis do que se lle quería propoñer.
      

     Talvez será que non lle dá os votos suficientes a un dos alcaldes máis populistas que tivo esta cidade. (E logo permítense o luxo de chamar así a Podemos. Que descaro!).
      
     Onde está o seu labor cultural na cidade? Dá noxo, mágoa e moito máis.  A cultura en Vigo sobrevive grazas aos esforzos e á creatividade de tantas persoas que non pensan en axudas de ningún tipo e que loitan contra todos os atrancos que lles poñen as institucións.
      
     A cultura en Vigo medra malia as actitudes negativas de persoas como Abel Caballero, que se chaman progresistas, e manchan tal denominación. Socialistas? Por favor. Que tristeza! Se Pablo Iglesias (o fundador do PSOE, xaora) levantase a cabeza sentiría vergoña. Non se diferencia en nada dos seus rivais políticos. Busca votos e renuncia ao progresismo que se lle supón como membro dun partido que leva nas súas siglas socialista e obreiro. Mágoa.
      
A Cruz que o Alcalde di que só e unha cruz...
     E pensándoo ben, que podemos esperar dun alcalde que se nega a derrubar a vomitiva Cruz de los Caídos, despois dunha sentenza xudicial, unha lacra nun lugar tan fermoso como o monte do Castro. Aínda lembro a vergonza allea que sentín cando nunha canle nacional de televisión (coido que era La Sexta) este alcalde fixo o ridículo máis espantoso intentando xustificar o que non tiña ningunha xustificación. Xa o dixen: votos a calquera prezo.
      
     Así nos vai.
     
      Pois ben, Paco Ibáñez non cantará en Vigo. A nosa cidade quedará fóra dun proxecto impresionante que vai máis aló do meramente musical.
      
Paco Ibáñez
      Grazas, señor Alcalde, polo respecto amosado.
       
      Grazas, señor Alcalde, por afogar os intentos de que Vigo figure nun evento desta magnitude.
       
     Grazas, señor Alcalde, pola súa sensibilidade perante un cidadán vigués, escritor, conferenciante, profesor, que ama a súa cidade e que simplemente quería falarlle dun proxecto cultural dun valor indubidable. Porque Paco Ibáñez elixira Vigo para un concerto importante.
       
     Grazas, señor Alcalde, por querer escoitar simplemente o que lle agrada escoitar. Pola súa prepotencia.
       
     Grazas, señor Alcalde, no nome de Paco Ibáñez, da poesía, da música, da palabra, por ser tan sensible aos actos culturais. E non crea que Paco está acabado. Quizais a súa ignorancia neste tema o leve a crer iso. Canta mellor que nunca.
      

     Grazas, señor Alcalde, por non ter asistido á presentación, no seu día, da antoloxía “Un rato díxolle á lúa”, na que si estivo desinteresadamente Paco Ibáñez, o presidente da Academia Galega, Xesús Alonso Montero e un concelleiro do seu equipo de goberno. Por certo, moi entusiamado. Supoño que Paco Ibáñez, pensa vostede, pode restarlle algún voto. Que mal informado está. E digo mágoa, no tocante á súa presenza, porque o coñecería persoalmente e tiraría conclusións diferentes das que se axitan no seu maxín.Paco Ibáñez non é un calquera e vostede debería sabelo.
 
Presentación en Vigo. "Un rato díxolle á lúa".
     Señor Alcalde, Paco Ibáñez é un artista de culto, pero, por riba de todo, é unha persoa xenerosa, honesta, consecuente, cos brazos abertos aos demais e coa xustiza social por diante. Non quere premios nin distincións (renunciou a moitos), senón o aplauso do público. É un home de ben. Un exemplo a seguir, pois cre no que fai e non se afastou da autenticidade nin un milímetro ao longo dese medio século de vida artística agasallándonos coa poesía na súa voz.
      
     E vostede? Pode dicir o mesmo? Non son quen de responder. Alá vostede e os seus actos. Mais laméntoos.

     Siga, siga, señor Caballero, co seu programa en Localia. Siga escoitando parabéns. Que continúe subindo o seu ego e siga a falar só con quen lle conveña. Esa vén sendo a súa liña.
      

     Seguramente gañará as eleccións municipais. O seu populismo resulta bochornoso. Pero que non lle caiba a menor dúbida: deixará varios borranchos ben grandes na súa xestión. O adxectivo “socialista”, tan respectable, hai ben tempo que o deixou polo camiño, se algunha vez creu nel.

     Un xa ten serias dúbidas.

                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO