sábado, 22 de febrero de 2014

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( VIII ) . HARRY NILSSON



Harry Nilsson, que adoitaba asinar a meirande parte dos seus traballos simplemente co seu apelido, é un dos mellores compositores que deron os Estados Unidos nos anos sesenta e setenta do século pasado, ademais de ser un intérprete dunha voz prodixiosa. Curiosamente, a pesar do seu talento compositivo, Nilsson é lembrado sobre todo por dúas cancións que non escribiu: "Everybody's Talkin'", de Fred Neil, e "Without You", unha fermosa balada orixinalmente gravada por Badfinger, un grupo que hoxe en día se atopa máis esquecido có propio Nilsson. Estas dúas cancións reportaron a Nilsson senllos Grammys, unha situación sen dúbida tan irónica coma o feito de que Alfred Hitchcock non gañase nunca un Óscar ou Elvis Presley só recibise Grammys polos seus discos de gospel. Pero xa sabemos que os premios son o que son, e non constituiría esta a única ironía da carreira de Nilsson, caracterizada polo seu innegable talento e a súa aínda máis innegable falta de dirección. Por non falar do feito de que Nilsson foi unha das poucas figuras do pop que acadaron o éxito rexeitando facer xiras e cantar en directo ante o público.


Nilsson naceu en Brooklyn e tivo unha infancia dura: o seu pai abandonou a familia sendo el ben cativo e a súa nai caeu nas mans do alcohol, polo que o pequeno Nilsson non coñeceu nunca un fogar estable. Unha situación triste que anos despois emerxería en pezas coma "1941" ou "Daddy's Song" e que probablemente marcou a súa vida persoal. Non é a miña intención facer aquí de psicólogo, que non vallo para iso, pero o Nilsson adulto sería sempre un home cheo de inseguridades e tería problemas para aceptar o papel de pai a pesar do agarimo que profesaba aos seus varios fillos. Harry tampouco non foi nunca un bo estudante, deixando axiña o instituto e establecéndose n'Os Ánxeles para adicarse por completo á música ao tempo que traballaba nun banco. As súas primeiras cancións serían gravadas polos Monkees, os Yardbirds, as Ronettes e o grupo Three Dog Night, e o seu primeiro disco, co excéntrico título de Pandemonium Shadow Show, chamou a atención da crítica en 1967, e tamén dos Beatles, que proclamaron a Nilsson como o seu "grupo americano favorito" e mesmo o convidaron a unha das súas sesións de gravación en Abbey Road. Comezaría entón unha longa amizade entre Harry, John Lennon e, en especial, Ringo Starr, e ambos Beatles participarían nalgúns dos discos de Nilsson nos anos setenta. Hai quen di, de feito, que os Fab Four tiveron tanta influencia e Nilsson como Nilsson a tivo nos catro de Liverpool, unha opinión que non está moi afastada da realidade.


Nilsson con Ringo Starr
A súa etapa con RCA a principios dos setenta é, sen dúbida, a época dourada da súa carreira, uns anos nos que Nilsson compuxo as súas mellores cancións, distinguidas por unha mestura moi persoal de rock e pop con ecos da música de Tin Pan Alley que el tanto admiraba. Aínda que cantautores coma Bob Dylan ou Joni Mitchell escribiron pezas pensando na banda de son de Midnight Cowboy, a canción finalmente elixida como tema principal da película foi "Everybody's Talkin'", que Nilsson non gravara especialmente para a fita, e este foi o seu primeiro grande éxito, seguido por dúas cancións incluídas no seu disco máis interesante, Nilsson Schmilsson, aparecido en 1971: a xa mencionada "Without You" e "Coconut", unha composición a ritmo de calipso que é boa proba da versatilidade de Nilsson. Sempre atento a todo aquilo que lle interesaba musicalmente, nestes anos Nilsson tamén gravou un disco enteiro de composicións de Randy Newman, que estaba a comezar a súa carreira por entón.


John Lennon e Nilsson nunha das súas moitas noites perdidas

Pero, por desgraza, os intres de maior popularidade foron tamén os intres que trouxeron os seus maiores problemas persoais. Nilsson tivo sempre dificultade para aceptar o éxito, e despois do seu segundo Grammy, as cousas comezaron a torcerse. En 1972, as sesións de gravación do seu disco Son of Schmilsson estiveron marcadas polos excesos co alcohol e as drogas, e aínda que o disco ten momentos excelentes coma "Turn On Your Radio" ou "Spaceman", tamén contén outros menos inspirados, e mesmo unha canción, "You're Breaking My Heart", que nunca podería ser difundida pola radio debido á linguaxe que emprega. Cando en 1973 Nilsson decidiu gravar un disco enteiro de standards con Gordon Jenkins encargado dos arranxos, semellaba que estaba a perder o control da súa carreira, pero en realidade demostrou ser un pioneiro, publicando este tipo de traballos moitos anos antes ca Rod Stewart, Paul McCartney e tantos outros. O que realmente comezou a quedar fóra do seu control foi a súa propia vida, que se converteu nunha sesión continua de escapadas nocturnas nas que non faltaban as drogas e as borracheiras. En 1974, John Lennon, compañeiro inseparable de moitas destas lexendarias noites perdidas, produciu un novo álbum de Nilsson, Pussy Cats: nel aparecen versións de temas de Dylan, Jimmy Cliff, clásicos do rock e varios orixinais de Nilsson, un deles, "Mucho Mungo", escrito xunto a John. É un disco cun son moito más duro e agresivo e un tanto irregular, pero con momentos moi inspirados, como "All My Life" ou "Don't Forget Me".


Nada do pouco que gravaría Nilsson a finais dos setenta e durante os oitenta chegaría a revalidar éxitos pasados. Por suposto, o camiño autodestrutivo polo que estaba a transcorrer a súa vida non axudaba. Tralo asasinato de John Lennon en 1980, Nilsson concentrou os seus esforzos nunha campaña en contra das armas que non chegou a ningures, e a súa carreira foi esmorecendo ata o seu falecemento en 1994, vítima dun ataque cardíaco. O disco de Harry Nilsson que non debe faltar nos andeis de ningún melómano é o devandito Nilsson Schmilsson (RCA), producido por Richard Perry e no que o noso home está acompañado por amigos ilustres coma Ringo Starr á batería. Si, este é o elepé que contén "Without You", mais non debemos quedarnos aí, pois estamos a falar dunha obra mestra na que non hai nin unha canción esquecible, dende "Gotta Get Up" a "I'll Never Leave You", pasando por "Driving Along", "Jump into the Fire" ou a versión do clásico "Let the Good Times Roll". Neste disco podemos escoitar na súa plenitude a un artista único, cun estilo moi persoal e unha prodixiosa facilidade para crear melodías orixinais e cancións intelixentes. Escoitar Nilsson Schmilsson é descubrir a arte dun home que acabou destruído polos seus excesos, polos seus demos e pola súa incapacidade para asimilar o éxito, a arte dun cantautor que merece maior recoñecemento do que goza na actualidade.

Se ben Harry Nilsson non actuou en vivo practicamente nunca ao longo da súa traxectoria profesional, si que apareceu en varios programas de televisión, e trala súa morte mesmo chegou a producirse un moi recomendable documental titulado Who Is Harry Nilsson? Como exemplo do que podería ter sido o son en directo de Nilsson se non sentise esa aversión aos concertos, déixovos cun especial que fixo para a BBC en 1972. Comezamos coa primeira parte:




E velaquí a segunda:




                                        ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

jueves, 20 de febrero de 2014

PASEOS POÉTICOS (VIII) Con Ramón Nicolás



Con Celso Emilio no punto de mira, quedei cunha persoa máis que interesante: Ramón Nicolás. Ambos os dous amamos o poeta de Celanova . Eu escribín dous libros sobre el (Celso E. Ferreiro para nenos e Celso Emilio Ferreiro. Antoloxía) e o meu amigo, unha extraordinaria biografía sobre este gran poeta galego.
Desexaba dar un paseo con el, que me contase a xénese do seu libro, escoitalo recitar a Celso, compartir con el os seus versos (sempre que falo de Celso vénme ao corazón a figura de Moraima, que tanto nos quería e a quen tanto queriamos e seguimos querendo Susi e mais eu) e salientar a forza da súa poesía.

Quedamos na Avenida “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro”. Vino chegar con paso rápido, mentres eu, sentado nun banco da avenida, estaba a ler este poema:
Retrato de Celso Emilio, na súa casa, en Vigo. (Foto de A.G.T.)

Ún procura a verdade
por tódolos camiños, baixo as pedras,
nas raigames escuras das olladas,
máis alá das escumas i os solpores.

Busco a verdade en ti, rexa poesía
dos homes que laboran,
tacto real das cousas
que están e son, anque ninguén as vexa.
Home total…

Detiven a lectura. Botei un sorriso.
Traía baixo do brazo una antoloxía do noso poeta. Tras cerrar o libro, erguinme e démonos una aperta sentida, una aperta poética, ou sexa, una aperta en verso.
Daquela, sen dicir palabra sentou á miña beira e abriu o libro que traía consigo.

E leu:

Erguerémo-la espranza
sobre ista terra escura
coma quen nergue un facho
nunha noite sen lúa.

Marcharemos cinguidos
polos duros segredos
dunha patria soñada
á que non voltaremos (…)


Eu, coma sempre que escoito a Celso Emilio Ferreiro, emocioneime. Ao rematar, ficamos en silencio.
Mirámonos sen dicir nada e decidimos, coma un impulso irrefreable,  pasear pola avenida que leva o nome do título da súa espléndida biografía sobre Celso.
Mentres avanzabamos entre xardíns fermosos, rachamos o silencio e Moncho comentoume:
 
Ramón Nicolás fala da súa magnífica obra

“Nunha conversa que Celso Emilio Ferreiro mantén, contra o final da súa vida, co xornalista Fernando Salgado, afirma que… Interrompino e díxenlle: “si, que Celso quixo ser testemuño do seu tempo, da súa terra, del mesmo”. Moncho sorriu, ao tempo que eu lle falaba do seu limiar, ben interesante.
E engadiu que a súa vida resulta operativa para espellar como poucas os condicionantes históricos da época que lle tocou vivir.
Eu escoitaba con moita atención o que estaba a dicir e comenteille, roubando as súas palabras do libro, que con el se reexplica o devalar dunha terra como é Galicia á que sempre rendeu sacrificio dende ben novo.
 
Celso e Moraima
Ramón Nicolás volveu sorrir. Díxenlle que a súa biografía é a mellor que sobre Celso Emilio se escribiu, que me encantou o ton empregado, claro e directo, que hai un traballo inmenso de investigación, que os documentos aluman maxistralmente o contexto de Ferreiro e que o seu percorrido vital pola traxectoria e pola actividade literaria do poeta de Celanova son, en verdade, dun interese excepcional.

Sentinme ben deixando no aire estas palabras totalmente sinceras. Tiña ganas de dicirllas dende que lin o libro, dende que me “perdin” polas súas páxinas deambulando polas sendas ferreirianas que Ramón Nicolás trazou con mestría.

E falamos do Celso neno, dos avatares de Venezuela, das súas amizades, de Moraima, da destrución das esperanzas e da súa prosa, entre tantas e tantas cousas.
Por certo. Alegroume ler que o biógrafo foi sempre un defensor da narrativa ferreiriana. E afirma que “malia ser exigua, pensó que contén uns valores que a relevancia da súa obra poética agachou”. Eu estou de acordo con el. Cando lin “A frontera infinda” quedei sorprendido pola calidade dos relatos que o libro contén.


Un pracer este paseo. Nun momento, o meu compañeiro paseante detense e dirixe a súa ollada cara a una fonte marabillosa que xoga coa auga, que a mantén no seu colo, que a arrola, que lle fai cóxegas. Ollo para el e semella engaiolado. Eu pouso a miña mirada nesa fonte e sinto que se mollan os meus sentidos.
 
Foto de Carmen Corbal
Ramón Nicolás enche de cristal e luz que mingua, esa ollada pousada na auga. O seu silencio semella un albor de anduriñas, que diría o poeta. Quizais o tempo estaba a pasar sen deterse, río infindo de silencio / río infindo, noite e día, / río infindo, branco e negro… Auga, río infindo, que se mestura na fonte coa emoción do ruído convertido en poesía.

Este momento máxico, na Avenida Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, racha por fin cunhas palabras que me ilusionan: “Vouche enviar un texto que teño na miña casa”. Fiteino. Sentinme feliz. Parecíame perfecto. “Vai ter relación coa auga”, engadiu.

A noite petaba nas portas do noso paseo. Os versos flotaban no aire e pedían calma.
Así que, mentres comezaba a anoitecer, decidimos despedirnos, non sen antes escoitar estas palabras de Ramón Nicolás sobre a biografía escrita por el, cando estabamos a abandonar a avenida:
“Antonio, concibín este traballo coa vontade de sumar para que ese lume que alampea xamais o vexamos morto”.

Entendín o que me dixo. E celebreino. Esta tiña que ser a razón desta obra voluminosa, que é unha delicia para o lector.
Dixémonos un “deica logo” moi entrañable.

Eu, por se acaso, lembreille a súa promesa, malia estar seguro de que ía cumprila.
Mentres se afastaba, volvín a Celso Emilio e lin un dos seus poemas soltos:


Cándo ti i eu, man e man
por roteiros non fitados?
          Ti gueivota, vento eu
          nun mar sen sulcos, intaito.
Cándo pupilas acesas
de noite mol de noivado?
E lúa nova
                    Cándo?

……………………………………

E cumpriu a súa palabra.
Uns días máis tarde, recibín este fermosísimo texto.
E aquí queda, para que poidades saborealo os lectores e lectoras deste blog.
Grazas, meu amigo.

 
Ramón Nicolás



A AUGA E A LITERATURA DE NÓS




 Case aló cando os animais falaban, isto é, cando case a literatura de nós amencía, Pero Meogo ideaba que unha doncela xustificase a súa demora, diante da súa nai, en que  ficara celebrando o amor na “fontana fría” pois “os cervos do monte a augua volvían”. Daquel texto aos poemarios Acuática, de Marta Dacosta, ou Chove nos versos, de Antonio G. Teijeiro, por poñer un par de exemplos, dista un mundo mais a auga –a de arriba e a de abaixo como popularmente se di- pervive no maxín de quen creou e crea universos literarios na nosa lingua. Sen a presenza da auga, como ocorre coa Terra, en todas as súas modulacións, dificilmente poderiamos explicar(nos), e aínda menos literariamente.
Foto de Carmen Corbal
        Alén de ser elemento consubstancial ao noso territorio, constituíndose nun elemento simbólico e identitario, mal se entendería esa neniña gaiteira rosaliana que canta nos Cantares gallegos se en moitos dos días e das experiencias que revelou non chovese; que dicir daquel “chove, chove na casa do probe” de Celso Emilio ou da choiva como referente case protagónico n´A esmorga de Blanco Amor ou, mesmo, a súa presenza nos relatos ofegantes de Méndez Ferrín...   
         Seica foi Otero Pedrayo quen acuñou a expresión de “Galicia, país dos mil ríos”, non sei se serán mil e tampouco temos xa a Cunqueiro para que fabule sobre eles aínda que deixou dito, ben significativamente, que precisamos beber soños coma quen bebe auga. O serpear da auga pola Terra de nós vén do fondo dos tempos e debemos, sempre, contribuír a que siga así para os que virán detrás nosa. Así se recolle nas nosas letras, porfío que máis alá do puro paisaxismo.
         A un, que lle gusta pasear ás beiras indómitas e sen domear que aínda quedan do río Arnoia pensa, moi a miúdo, nesta realidade.

Ramón Nicolás

Río Arnoia
         

       
Unha alfaia. Déumela Moraima. Inencontrable.
       


E rematamos cun poema escrito por Moraima, dedicado ao seu marido. Un poema cheo de emoción. Dedicóunolo.                                                    
Ademais, outro poema, esta vez de Celso Emilio, que viu a luz nu cartafol, no que figuraban poemas de varios poetas.                              




                                                  
                                                                                                                                             O POETA PASEANTE