Mostrando entradas con la etiqueta el progreso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta el progreso. Mostrar todas las entradas

sábado, 16 de noviembre de 2013

DE NOVO, PACO MARTÍN. GRAZAS, MESTRE.

Paco Martín
 Non podía ser doutra forma.
A xenerosidade forma parte da súa persoa.
Si, Paco Martín, dando mostra do que é ser xeneroso, enviounos cinco artigos marabillosos. 
Coma os anteriores foron publicados na súa columna "Auga lizgaira" no diario El Progreso, de Lugo.

Non foi nada difícil conseguir a súa colaboración. Dixo que si ao momento. E ben que llo agradecemos.
A súa prosa afiada, irónica, pon o acento nesas cousas que, para tanta xente, pasan inadvertidas.

Para Paco Martín, endexamais.

El fíxase naquelas situacións que lle chaman a atención. Esas que serven como tema a un autor intelixente.

Paco Martín é un escritor intelixente, de enorme categoría, e Versos e aloumiños celebra a súa escrita. Toda unha honra.

Así que vos animo a que leades "A forza da idade".

A felicidade para nós é que aínda temos catro artigos máis para saborear pouco a pouco en datas próximas. 

Lede, lede, por favor. É unha delicia.


A Paco Martín en Lugo



              

 A FORZA DA IDADE

Un cativo duns catro ou cinco anos camiña ledo pola beirarrúa agarrado da man esquerda pola súa nai e da man dereita pola súa avoa –paterna, imaxino, polo que máis adiante veremos- de maneira que, entre os tres, abarcan todo o espacio que na vía pública queda destinado para uso dos que por alí circulan a pé e un servidor de vostedes, ó igual que outros peóns, vese na obriga de marchar, pacientemente, atrás deles mentres agarda a ocasión máis axeitada para poder realizar un hábil e veloz adiantamento que non supoña grave perigo para a integridade propia nin molestia excesiva para os tres que van por diante.

            
          Como é natural a proximidade necesaria e mailo compasado dos andares permiten que, aínda sen pretendelo, escoite eu canto eles van falando, que non son senón consellos cariñosos ó pequeno, comentarios sobre as vantaxes que a calor seca ten sobre a húmida, tan propia esta de lugares como Barcelona e cousas polo estilo. O neno aproveita, como nel é natural, a súa posición entre nai e avoa para erguer de vez en cando os pés do chan e randearse adiante e atrás durante uns segundos pendurado das mans das mulleres.

             
            O xogo que tanto divirte ó cativo non parece ser moito do gusto da súa nai, que vai facendo máis curta de cada vez a súa colaboración como carriola andante ata que, parándose ela de súpeto e facendo así parar ós demais, incluíndome, naturalmente, a min, berra rifándolle ó neno: ¡Kevin Jordi! –Supoño que agora as persoas que me conceden a honra de ler cousas das que eu aquí veño escribindo pensarán que estou a utilizar un nome ficticio coa fin de evitar posibles e, se cadra, non moi agradables identificacións. Pois non. Así é como en verdade se chama a criatura, porque esta era a cuarta ou quinta vez que, oíndo eu perfectamente, a el se dirixían con estes nomes- ¡Deja ya de pintar la mona, que la abuela ya no tiene fuerza para esas cosas...!

             

             O momento resultaba bastante propicio para eu realizar o adiantamento polo que viña agardando desde había un bo pedazo, mais a ollada coa que a avoa –señora, por certo, aínda de moito bo ver- recibiu aquelas palabras fíxome demorar o paso e quedar unha miga á espreita. Abriu a boca a muller coa clara intención de advertirlle algo ó cativo pero volveuna pechar ó se decatar da miña presencia e sen me perder cara apertou con forza a man dereita do neno e foino erguendo, con evidente facilidade, ata bambealo ela soa entre berros de ledicia do pícaro.

             
                  Sorriu despois cara a min porque ben sabía da miña comprensión. Volvinlle o sorriso e aproveitei aquel momento para adiantalos sen problema.



                                                                                       PACO MARTÍN