viernes, 20 de noviembre de 2020

FAÍSCAS (4) "Non debemos avergoñarnos de ler literatura infantil e xuvenil"

 




Lede, lede moita literatura infantil. Non vos deixedes convencer polos “falsos profetas”nin polos intelectuais de salón, eses e esas que no a valoran, cando non a desprezan sen máis. A literatura infantil, se é de calidade, non ten idade lectora. É así de xenerosa. Non pide nunca o DNI ao lector. Todas e todos gozamos con ela. Que non vos avergonce levar un libro chamado infantil. Garda no seu interior infinitas virtudes, cando se escribe dende a intelixencia e dende o amor polos primeiros lectores. Os nenos e as nenas merecen os afectos dun bo libro de literatura, así sen adxectivos. Ridiculizar a LIX é un síntoma de descoñecemento e de mala fe. Un acto de soberbia inaceptable. Como pouco, resulta patético non recoñecer os moitos valores que ten, se é boa. Coma a outra, por certo. Leamos LIX diante dos nenos, coñezamos autores e autoras que, a partir do respecto e do talento, están a desenvolver unha literatura que non deixa de facer lectores sans e críticos. Bibliotecarias/os, seguide a recomendala como facedes dende hai ben tempo. Pais e nais, avós e avoas, facédea vosa e comunicádevos, tamén a través dela cos vosos fillos e fillas. Precisan dela. Mestres e mestras, lede moita literatura nas aulas. Para vós e con eles. Decidide vós e non deixedes que outras persoas, con menor capacitación, vos marquen as lecturas. Tedes que ser vós, dende o coñecemento -que só se adquire lendo-, quen poñades nas mans dos cativos os mellores libros. Mantede o pulso contra os intrigantes. Non desesperedes. Será un xeito honesto de desenvolver o voso labor. Non caïades no desánimo. Dádelles o voso apoio e o voso saber porque a rapazada precisa do voso apoio, aínda que non o demande. Oídos xordos aos que a ridiculizan. Esas primeiras historias, eses primeiros poemas van deixar  pouso no voso alumnado. Os libros ilustrados, os álbums son un tesouro para a educación estética dos cativos. Que non vos desanimen, repito. Que non vos enganen. Lede literatura infantil, esa que vai dirixida aos lectores de 0 a 99 anos. “En todo escrito, no que as funcións expresivas da linguaxe adquiren categoría artística, produce esa transmutación que chamamos literatura”, afirma Joan Manuel Gisbert. Exacto. Non debe considerarse unha disciplina académica. Vai máis aló de todo iso. Como di o inesquecible Juan Farias, “a literatura (sen adxectivos, engado eu) é un universos en expansión, un caos nos espazos abertos”. Se nos centramos nos múltiples valores que os bos libros conteñen -literarios, ante todo-, case sen nos decatarmos, comezaremos a “vivir na literatura”. Diso se trata e non busquemos subterfuxios, porque na LIX está o futuro dos lectores e das lectoras nuns tempos pouco propicios para iso.






                                                                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO