martes, 12 de mayo de 2020

DARDO POÉTICO (LXIV) "Na fogueira de Luz Pozo Garza"






Foise Luz Pozo Garza, así, case en silencio, no tempo da negrura. Pero é unha poeta, unha referencia indispensable da nosa literatura. E os poetas e as poetas perviven na súa obra. Unha obra rica e emotiva que nos alenta.
     
     No ano 1996 estaba a escribir eu un libro en constante diálogo con poetas. Homes e mulleres que posuían a capacidade de emocionarme e permitirme ir máis aló das palabras. Entre esas persoas, claro, estaba Luz Pozo Garza. Non podería ser doutro xeito.

     Lía eu o seu magnífico Concerto de outono, un poemario que reflicte as claves da vida, o seu misterio e a capacidade de cambiar o mundo a través da palabra. Nel descubrín uns poemas , unhas Verbas a Rosalía, que me interesaron moito. E xa no primeiro poema, Hai unha voz, comecei un diálogo íntimo coa autora a partir dos versos: “Hai unha voz sen verbas ./ A que todos ouvimos no silencio”. Dese diálogo, naceu un dos poemas que máis valoro de toda a miña extensa obra. Daqueles diálogos naceu o meu prezado Na fogueira dos versos, un poemario que marcou un antes e un despois na miña traxectoria.
     
     Ben, pois deseguido, tedes ambos poemas para que gocedes, se cómpre, coa súa lectura.


Luz Pozo Garza (Foto: La Voz de Galicia)


HAI UNHA VOZ


Hai unha voz
no tempo de Galicia.
Hai unha voz sen verbas.
A que todos ouvimos no silencio.
Lembrando nomes pra que naza o millo.
 
Chámase morte ou mágoa.
Xuramento de anguria.
Soedade.
Pensamento de pedra.
Chámase berro, auga,
desarrimo.

Chámase olvido.
E chámase arelanza.
Ou vida ou libertade ou compaña dos nosos.
Chámase soño, morte, lar, saudade.
Chámase choiva que lourea os froitos.

Hai unha voz.
Chámase Rosalía.
Sete letras de laio.
Saudade
dunha fala ferida.

Esperanza dun mundo
que inda fica nun berro
de libertade.
Hai unha voz.
A súa.
Benzoada.

                                                                      



                                                                        Hai unha voz sen verbas
                                                                       A que todos ouvimos no silencio
                                                                                              LUZ POZO GARZA


Voz sen verbas:
silencio.
Mar sen auga:
deserto.
Sol sen raios:
misterio.
Luz sen brillo:
coitelo.
Man sen man:
un berro.
Dor sen laios:
o tempo.
Eu sen ti:
inferno.