Un novo espazo en Versos e aloumiños: Andel
de novidades.
Nel imos dar a coñecer eses
libros en galego que van saíndo nas editoriais Galaxia, Xerais e Kalandraka,
para que se produza un achegamento e un coñecemento de títulos de LIX que saen
cada certo tempo do prelo.
Algúns deles serán comentados máis a fondo
en Remuíño
de Libros pero, deste xeito, ampliamos a oferta editorial para que se
poidan follear nas librarías e así poder elixir en liberdade segundo o gusto do
lectorado.
Comezamos hoxe con algúns libros da Editorial Galaxia que acaban de
aparecer nas librarías.
Andrés
Pombo Graña escribe unha novela sorprendente, O
segredo das Burgas, que mergulla nas profundidades dun Ourense descoñecido. Porque o que ninguén sabía é que
debaixo das pedras da cidade se oculta un mundo de demos vingativos, un Averno
espantoso que agocha segredos incribles polos que moitos poderían chegar a
matar. Unha novela de bruxería e corrupción, de demos que aprenden a ser
mellores e de homes que poñen a súa vida ao servizo de causas satánicas. (Galaxia. Col. Costa Oeste).
Francisco
Castro escribe en Iridium a historia de Iris, unha
rapaza que cursa primeiro de bacharelato e que, coma tantas e tantos do seu
tempo, quere vivir a vida con intensidade. Pero Iris ten, ademais, unha
discapacidade froito dun accidente de tráfico que lle deixa secuelas
importantes. É unha raíña de Instagram, onde ten milleiros de seguidores en
todo o mundo. seareiros que ignoran o que lle pasa e que se o soubesen igual
non a querían tanto. Novela de denuncia da hipocrisía e unha historia de amor.
(Galaxia. Col. Costa Oeste).
Os Fantom
son uns fantasmas un chisco peculiares. E deles nos conta Patricia Mallo, que dan máis risa que medo. Unha historia que se
move ás veces polo máis acó, ás veces polo máis aló, pero sempre, sempre, no
territorio da gargallada máis terrorífica. As ilustracións son de Alba Cid. Con esta novela a autora gañou a primeira edición do Premio de Literatura infantil Carlos
Mosteiro.
(Galaxia.
Col. Árbore)
En cancións e poemas
aprendemos a debuxar, contar, sentir… Así podemos gozar dun álbum fermoso, Coas
miñas mans, de Pablo Díaz,
ilustrado por Lucía Cobo. Música
para aprender os números, as cores, as comidas…pero tamén para cantarlle á lúa,
á primavera e a moitas outras cousas. Cancións divertidas para medrar con alegría,
das cales dúas naceron en colaboración con proxectos educativos do CPR Andaina,
de Culleredo (A Coruña). O libro contén un CD coas cancións nun magnífico
traballo discográfico.
(Galaxia.
Sonárbore).