jueves, 18 de abril de 2013

ESCAPARATE POÉTICO (VI) Manuel Álvarez Torneiro






 
 MANUEL ÁLVAREZ TORNEIRO  (A Coruña, 1932)



PÁXINA DO SILENCIO

Velaquí o silencio

onde cazan os gatos mentres dormen,

os mapas do crepúsculo

que a luz vai cambiando,

o centeo vibrando nas chairas seculares.



   Vestíbulos de frouma.

Un souto musitado.

Franciscanos aromas de loureiros remotos.



   A emanación da tarde.



   E a repentina sombra.


E instantes que rebordan

toda meditación.



   E músicas que veñen para quedar.

Músicas de gardar

para que dalgún xeito siga vivo

o que demos por morto.







PROXECTO



Hei cerrar as axendas e facer meu o día,

volver á vocación das antigas xornadas.

Hei facer o bocexo da vella enredadeira,

comprobar se o farrapo alimentou o lume

e foron as especias vangardas do sentido.



   Hei tirar a estas augas a pedra escurecida,

confortar os meus mortos no fondal dun insomnio,

poñer en paz a herdanza que cabe nunha ollada,

desenterrar a cunca na que figura un nome

e compracerme, humano, na rosa que repite.



       

(Do libro Os ángulos da brasa, editado por Kalandraka Editores. Col. Tambo2012)