lunes, 16 de julio de 2018

DARDO POÉTICO (LVI) : Unha viaxe pola paisaxe íntima de Compostela da man de Rosalía Morlán Vieites.


Dende sempre, Rosalía Morlán Vieites, leva a poesía moi dentro dela. Ben pequena escribiu o seu primeiro poema e, desde os dez anos, o feito poético acompáñaa coma unha necesidade íntima.

    
Sanitaria é a súa profesión -, exerce como Supervisora de enfermaría no Hospital de Conxo (CHUS), así como Profesora asociada de Ciencias da Saúde na USC-, gañadora de concursos literarios, autora de libros deliciosos como  Estrelas de azucre,  Canta a lúa coas estrelas ou A coitada lúa, Rosalía Morlán veu á Feira do Libro de Vigo e alí tiven a oportunidade de coñecela persoalmente. Acadou o Premio Hernán Esquío, secretaria da Fundación Neira Vilas recoñece que a descuberta da poesía infantil foi para ela unha sorpresa  e un pracer.

     Foi marabilloso o meu encontro con ela. Respira sensibilidade por todas partes e a afectividade é un trazo da súa forma de ser.
Rosalía Morlán (Foto El Correo Gallego)

     E tróuxome ese día un libro marabilloso. Un poemario, Nas rúas de Compostela, que me agasallou cunha dedicatoria chea de agarimo. Un agasallo espléndido que me emocionou. Unha viaxe poética que, a través de sentidos poemas, vai salientando as sensacións que lle producen  os lugares onde vive.
     
Fermosa dedicatoria
     Santiago de Compostela, a onde chegou de pequena para quedar, é a paisaxe que a poeta vai rememorando e sentindo por medio da palabra e as cores. Cores íntimas de quen ama fondamente un lugar e os múltiples momentos alí  vividos.

     O catedrático de Filosofía, Marcelino Agís Villaverde, di no seu precioso limiar que “Rosalía sente, esculca e pinta, cunha paleta de cores recónditas, a luz que envolve Compostela. Nas súas páxinas hai ledicia e tristura, amor e desamor, día e noite”.

     E fala deste poemario coma “ unha viaxe intelectual pola paisaxe da Compostela eterna, aquela que só se pode contemplar cos ollos do espírito. cada recanto da cidade tórnase unha experiencia metafísica, na que o ser, libre de cadeas da xeografía física, humana e política, pasea sen présas pola paisaxe dos sentimentos.”
Nunha das presentacións de Nas rúas de Compostela

      Poderoso este poemario Nas rúas de Compostela, editado por Edicións Fervenzas. Rosalía Morlán abre nel, as vías polas que os seus soños, as súas olladas no máis íntimo da cidade e a súa relación vital, se converten nun discurso poético de categoría. Un discurso que vai máis aló do individual para fundirse nunha visión colectiva e universal dos sentimentos humanos.

     Gocei moitísimo deste paseo emocional por Compostela. Deixeime acariñar  polos camiños da zanfoña, polo Santiago durmido, pola lúa azul no ceo, polos acordes do vento que fala en voz baixa ou polo ruído nos zocos na rúa.

Nun encontro con lectoras e lectores


SENSACIÓNS DURMIDAS


Escoito,
pero o silencio non fala,
viaxo polas horas, nas rúas,
buscando fantasía,
mentres a ilusión escapa
e paseniño esvaece o día.
Escoito,
apuro o paso
para escorrentar a melancolía,
espertan sen decatarme
sensacións que están durmidas.
Escoito,
ceibo os sentimentos
mentres buliga a noite
e adormece a Calderería.
O silencio non fala,
agóchase con morriña o día.





NAMOROUSE O VENTO


Namorouse o vento mainiño
unha noite en Compostela
ó mirar como as pingueiras
saltaricaban nas pedras.

Viu tan fermosa a Quintana
que xa non puido esquecela
e sen que ela o saiba
cando sopra dálle apertas.

Por iso é especial a chuvia
cando molla en Compostela,
por iso é máxica a Quintana
as noites de lúa chea.




INDIFERENZA


“Traigo penas en el alma
que no las mata el licor…”

Uns ollos cansos e tristes
unha voz chea de dor,
na caldereiría soa
a máis triste das cancións.
Pobre soñador que quere
roubarlle a música ao vento
resgando unha vella guitarra
enche as rúas de sentimento.
Mans inquedas, ollos cansos,
fermoso escenario de pedra,
mentres unha voz doce canta
arredor só indiferenza.


     
      Un poemario fermoso, magnificamente editado, que conta cuns apuntamentos plásticos moi acaídos a cada poema. Debuxos belidos do pintor, deseñador e ilustrador mindoniense Xosé Vizoso.


                                                                                                  ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

lunes, 9 de julio de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (49) "Allumette", de Tomi Ungerer





TÍTULO:  Allumette.





AUTOR:  Tomi Ungerer.




TRADUCIÓN: Sandra Senra Gómez e Óscar Senra Gómez.



EDITORIAL: Kalandraka. Colección: Tras os montes.





Intelixente, interesante e necesario o labor que a editorial Kalandraka está a levar a cabo coa súa aposta de recobrar clásicos da Literatura Infantil e Xuvenil dos andeis do tempo e achegárllelos aos novos lectores a fin de que poidan ampliar a súa bagaxe lectora con autores de referencia.

    
Tomi Ungerer
     
     Este é o caso de Tomi Ungerer, debuxante, ilustrador e escritor francés de gran recoñecemento internacional e gañador do Premio Hans Christian Andersen en 1998.

         Allumette viu a luz por primeira vez en 1974 e é unha homenaxe ao conto clásico de Andersen, ao que Ungerer agradece explicitamente ao comezo do libro, xunto cos irmáns Grimm e a Ambrose Bierce polo seus traballos a prol da literatura.




     Como sucedía no clásico do século XIX de Andersen, a protagonista deste conto ilustrado é unha nena pobre e orfa que vive na rúa e que experimenta toda a crueza e ruindade dunha sociedade deshumanizada e demasiado centralizada no materialismo. Situación que se agrava na noite de Nadal ao poñerse de manifesto as grandes desigualdades sociais. A diferenza radica no desenvolvemento da acción e os seus diferentes finais, mentres que no clásico se amosa unha situación real e pesimista, neste aparece unha luz de esperanza nun futuro mellor sustentado no traballo en equipo dunha sociedade máis solidaria, plural e equitativa.


     Todo o texto vai acompañado por unhas expresivas e coloridas ilustracións onde se poden observar detalles que complementan a narración textual e permiten varios niveis de  lectura.

                                                               

                                                                                                                                               ALBA PIÑEIRO

domingo, 1 de julio de 2018

Xabier P. DoCampo, un rebelde con causa



Hai persoas que polo xeito de facer as cousas, pola actitude na vida, polo que aportan, polo compromiso que adquiren e contaxian, son únicas. Xabier P. DoCampo foi unha persoa única.
    
     Ademais de ser un grande escritor, pioneiro na LIX galega, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, narrador oral excepcional, Xabier era un rebelde con causa. Loitou dende sempre a prol dun ensino de calidade e en galego, comprometeuse coa nosa lingua dun xeito moi claro e abriu canles, tanto pedagóxicas coma literarias, ata os últimos momentos da súa vida.
    
Con Xavier Senín e con AGT
     Xabier DoCampo deixounos na madrugada do martes 26. E deixounos baleiros porque, cando precisabamos del, sempre aparecía co seu sorriso sincero, cun humor intelixente que rebordaba e unha xenerosidade inmensa. A de Xabier é unha ausencia que marca.Agora non o temos e parécenos imposible saber que non está.
     
     Lembro con nostalxia, neste punto, as camiñadas que escritores, escritoras e ilustradores faciamos ano tras ano. Nesas camiñadas, a simpatía de Xabier, en consonancia co seu querido Paco Martín, eran un motivo máis da felicidade que nos envolvía. Sempre optimista diante das circunstancias, era, á vez, demoledor coas inxustizas sociais, lingüísticas ou coas opinións interesadas que atacaban o sentido común.
    
Cos meus fillos Antón e Noa e a miña nora, Erin en San Simón
     Xabier tiña engaioladas a todas as persoas que o coñecían. Era un conversador fascinante que espertaba en nós unhas ganas enormes de vivir rindo. Era, tamén, un marabilloso contador de historias, na liña dos grandes escritores galegos como, por exemplo, Ánxel Fole. Era capaz, xaora, de transformar esa tradición oral que tanto dominaba en literatura escrita. O seu libro Cando petan na porta pola noite é un claro exemplo do que estou a afirmar. Por estes relatos recibiu con toda xustiza o máis alto galardón literario: o Premio Nacional. Pero non só a tradición oral estaba presente na súa obra. Tamén a aventura e o suspense, a fantasía, a crítica, as homenaxes ou a tenrura, un certo toque de poesía e mais o humor. Todo iso e moito máis podemos atopar nun obra sólida e brillante que o mantiveron decote no cumio da literatura infantil galega.
     
Con Susi, nunha das Camiñadas.
     Falei con el por última vez cando lle pedín un texto para un agasallo especial a Susi no seu sesenta aniversario. Foi, faltaría máis, tremendamente xeneroso e envioume unhas liñas fermosas. Non podía ser doutro xeito. De novo, chamoume irmán.
    
     Agora, será moi duro saber que non o temos con nós. Quedaranos, para sempre, a súa ética e o seu agarimo. E as lembranzas. E os seus libros.
    

     Seguirei léndote, compañeiro da alma, compañeiro.

                                                                                                       ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO