domingo, 21 de abril de 2013

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (I)



 
 CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS é unha nova sección de Versos e aloumiños, na que aparecerán poemas dos mellores autores e autoras da poesía feita con rigor e respecto dirixida aos pequechos.
Para aqueles que non sabedes galego, direivos que Catavento no noso idioma significa Veleta.E este catavento ou veleta non vai xirar en función do vento, senón dos aires poéticos veñan de onde veñan.
Así, atoparedes poemas en galego, pero tamén en castelán, en catalán, en valenciano, en éuscaro ou en portugués, sen descartar ningún outro idioma.
Pode ser unha ferramenta importante para ensinantes, bibliotecarios,  mediadores e mediadoras en xeral, ademais dos pais e nais.
Dadas certas circunstancias, chegamos á conclusión de que, creando esta sección, podemos facilitar o labor a moitas persoas que precisan disto. A poesía ten que estar presente na rapazada dende os primeiros anos.
Avisamos de que non vai ser unha sección de novidades, que tamén. Poñeremos a xirar o noso catavento con poemas de todos os tempos. Hai moitos libros que se descatalogan. Outros, que se venden pouco. E moitos, finalmente, que non chegan a editarse, pois somos conscientes  da dificultade existente para que vexa a luz o xénero poético.
Para iso estará Catavento. Para que xire empurrado pola boa poesía, teña os anos que teña. E vós, lectores desta sección, poderedes ir escollendo aqueles que vos poidan ser necesarios para a vosa tarefa.
Esperemos que vos acheguedes a Catavento e poidades gozar dunha poesía feita con agarimo á que lle poidamos quitar adxectivos. O bo sería que gozásedes dela tanto os cativos e cativas como os adultos.
A boa poesía, queridos amigos e amigas, non ten idade nin adxectivos.
A boa poesía ten calidade e non a rebaixa, porque sexan os pequenos os seus destinatarios.
Catavento tentará deixarse levar por eses versos que engrandecen a Literatura Infantil e Xuvenil.
Que xire coa forza dos poemas e gozade dos seus xiros, é dicir, desa POESÍA, que non é un xénero menor.

Neste primeira entrega, rendémoslle homenaxe a un dos pioneiros: Manuel María.



MANUEL MARÍA   (Outeiro de Rei, 1929 - A Coruña, 2004)



O MEU BARCO

Teño un barco de xoguete
e nel me quero embarcar.
Polos mares dos meus soños
¡quen me verá navegar!

Navegarei por mil ríos,
sete mares hei cruzar.
¡No meu barco de xoguete
cansarei de viaxar...!

¡No meu barco de xoguete,
mariñeiro e capitán...!
¡Non teño medo ó trebón
nen me asusta o furacán!

¡O meu barco de xoguete!
¡O meu barco moito val:
verei terras, verei illas,
verei mares de coral...!

¡Andei por tódolos mares!
¡Xa cansei de navegar
co meu barco de xoguete
sen saír do meu fogar!



O FOGUETE


O foguete sobe ao ceo
como un raio.
Perde forza e cae ó chan
nun desmaio.

¡O foguete chega ás nubes!
¡Que bravura!
¡Que de estalos! ¡Que ruído!
¡Pouco dura!

Mais a cana do foguete
cae de plano.
¡Que aguillada de xoguete!
¡Que galano!

                   (Do libro Os soños na gaiola, edtado por Ed. Xerais de Gaicia,1990)