viernes, 5 de abril de 2013

CADERNO ÍNTIMO (VIII)



Páxina oitava





Fuxín da Nada na procura, unha vez máis, de min mesmo.
Volvín ás vilas que me viron sorrir, falar.
Aos lugares que viron o Poeta.
Silencio aterrador.
Falei cun cazador que disparaba aos luceiros
e deume as costas.
Voceei as liñas do meu corpo, do meu rostro. A miña vestimenta.
A miña barba duns días, as miñas olleiras castigadas polo insomnio.
Só escoitei pedras, ao lonxe, na lagoa.
No medio do desconcerto, do silencio hermético,
imaxinei unha casa de cristal.
Agardei ver pasar por diante a miña sombra doutro tempo.
Pasaron mozas cantando cantigas sen letra e sen melodía.
Pensei en todo aquilo que non cheguei a saber na escola.
A través das gretas da confusión, ninguén pronunciou o meu nome.
Ninguén parecía saber de min.
Eu, tampouco.
Escapei do sol abafante que entraba polo tellado que non existía.
Crucei a pé fragas e os paxaros guindáronme rechouchíos.
Non os entendín pero doéronme.
Quixen dicirlles ben alto uns poemas que semellaban coñecidos  por min,
quizais  os escribira noutrora,
mais,nin revestidos de lúa, saían da miña boca.
Cuspín soidade contra as portas das casas que ía atopando ao meu paso
e pechábanse con crueis sorrisos,
batendo con forza, como querendo afogar as súplicas,
ademais de burlarse de min.
Perdinme no bosque dos pensamentos, ese que Edward Thomas  di que o tala
a fouce da luz.
O vento ía calmoso e intentei subir no seu imperceptible asubío.
Caín.
Estaba derrotado.
Seguía sen saber quen era nin quen fun.
Abril deixaba aromas de maio.
E xuño naceu despois de setembro.
Eu quería lembrar o que ocorrera certo día dun decembro chuvioso.
Silencio na fraga.
As árbores, a herba, as plantas afastaban as súas olladas.
Xiraban para non ver.
Volvinme mudo.
E ao pensar na imposibilidade de dar respostas cribles,
concluín que o lume tímido dos acenos ocultos
foi a min a quen queimou.
Nesas andaba desesperado.
Entón apareceu  Edward Thomas quen,dando luz á súa voz,
puxo a man sobre o meu ombro e susurroume ao oído:

The green roads that end in the forest
Are strewn with white goose feathers this june…
Non entendía ren.  Cuns xestos fíxenllo saber.
As palabras non me saían.
El detivo as súas verbas e gardounas no baleiro.
Fiteino consternado.
Quería dicirlle que non sabía a súa lingua.
Voltei cos meus xestos tocando os meus beizos.
El miroume e baixou a cabeza.
Precisaba das palabras que dicía.
Imploreille coa face crispada para que seguise.
Dubidou. Pero sentiu, estou seguro, o corazón desesperado.
Ai, os poetas! Talvez comprendeu.
E nun castelán moi inseguro, foi recitándome o seu poema con esforzo.
Agradecinlle que continuase cos seus versos:

Las verdes sendas que terminan en el bosque
las cubren blancas plumas de gansos este junio,

como marcas de alguien  que mostrara sus pasos
al interior del bosque, pero no ha regresado.
En cada senda, una cabaña mira al bosque.
Una la cubren las ortigas; otra, flores.

En una va un anciano solo por entre el bosque;
de la otra se ve partir tan sólo un niño.

Entre los setos que rodean este bosque,
un tordo canturrea su canción todo el día.

E calou. Paseniñamente, a súa figura esvaeceu diante da miña faciana.
Pero quedaron cravados en min eses versos seus
que falaban dun ancián e un neno.
Non me recoñecín neles, pero fixéronme pensar no sentido das súas presenzas.
Sentinme máis próximo ao neno.
Se o fun, hai ben tempo que deixei de selo. Decidín seguilo en segredo pola súa senda.
Quizais observando as súas debilidades, chegue a saber se eu, tamén, un día fun neno.
E a partir das dúbidas -malditas dúbidas! - atopar o espírito perpetuo de alguén que se busca
dende ben tempo atrás, posiblemente dende un día chuvioso de decembro.
Ou, o máis seguro, des que tiña poucos anos a noite da eclipse.
Alguén que non está seguro de nada.
Nin sequera sabe se na beira dos ríos que cruza ou nas rochas do mar que soña, existe unha cabana que lle dea acubillo.


                                                                        O VELLO SOÑADOR